Lotte Reiniger
(1939) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Charlotte Reiniger 2 de xuño de 1899 Charlottenburg, Alemaña (pt) |
Morte | 19 de xuño de 1981 (82 anos) Dettenhausen, Alemaña |
Residencia | Dettenhausen (1980–) Londres (1948–1980) Berlín (1944–1948) Roma (1939–1944) Berlín (–1936) |
Actividade | |
Lugar de traballo | Londres (1948–) Berlín (1944–1948) Berlín (–1939) Roma (1939–1943) Londres (1935–) Francia |
Ocupación | directora de cinema, guionista, silhouette artist (en) , animadora, realizadora |
Período de actividade | 1918 - 1979 |
Membro de | |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Carl Koch (–1963), morte do cónxuxe |
Premios | |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Women film directors : an international bio-critical dictionary (en) The St. James women filmmakers encyclopedia (en) |
Sitio web | lottereiniger.de |
Charlotte Reiniger, nada a 2 de xuño de 1899 en Berlín-Charlottenburg (Imperio Alemán) e finada o 19 de xuño de 1981 en Dettenhausen (RFA), foi unha cineasta alemá (posteriormente nacionalizada británica), famosa polas súas películas de animación con siluetas, especialmente Die Abenteuer des Prinzen Achmed (As aventuras do príncipe Achmed) (1926).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Interesouse polo cine desde a súa adolescencia, especialmente polas películas de Georges Méliès, polos seus efectos especiais; e máis tarde polas do actor e director Paul Wegener, hoxe recordado polas súas dúas versións de Der Golem. En 1915, asistiu a unha conferencia de Wegener e ficou entusiasmada ante as posibilidades do cine de animación.
Conseguiu convencer aos seus pais para que lle permitiran entrar no grupo de teatro de Max Reinhardt, ao que pertencía Wegener. Nun intento de chamar a atención do seu ídolo, distante e moi ocupado, decidiuse a confeccionar as siluetas dos outros actores do grupo nos seus respectivos papeis. Logrou o efecto desexado, e pronto empezou a traballar con Wegener, realizando os subtítulos da película Der Rattenfänger von Hameln (O frautista de Hamelín).
Grazas ao éxito do seu traballo e á recomendación de Wegener, conseguiu ser admitida no Institut für Kulturforschung (Instituto de Innovacións Culturais), un estudio berlinés dedicado ás películas de animación experimentais. Alí realizou o seu primeiro filme de siluetas, Das Ornament des verliebten Herzens (O ornamento do corazón namorado) (1919). En dito estudio coñeceu tamén a Carl Koch, co que casaría en 1921, e que colaboraría con ela en case todos os seus filmes.
Nos anos seguintes realizou seis curtametraxes, todas elas con produción e fotografía do seu marido. Ao mesmo tempo, traballou en anuncios publicitarios (a axencia de publicidade Pinschewer contratou a varios animadores abstractos durante a República de Weimar) e nos efectos especiais de varias longametraxes de imaxe real (en particular, deseñou a silueta dun falcón para unha secuencia onírica da primeira parte de Die Nibelungen, de Fritz Lang). Durante esta época, Reiniger converteuse no centro dun amplo grupo de ambiciosos animadores alemáns.
En 1923, presentóuselle unha oportunidade única. O banqueiro xudeu Louis Hagen, admirador da súa obra, ofreceulle financiarlle unha longametraxe, que realizaría nun estudio construído encima do seu garaxe, cerca da súa casa de Potsdam. O resultado foi Die Abenteuer des Prinzen Achmed, rematada en 1926, a máis antiga longametraxe de animación que se conserva,[1] cunha trama que é un pastiche de varias historias relacionadas con As mil e unha noites. A película tivo éxito tanto de crítica como de público, Reiniger anticipouse nunha década tanto a Walt Disney como a Ub Iwerks en utilizar a cámara multi-plano para certos efectos. Ademais de contar coas siluetas de Reiniger como actores do filme, a obra beneficiábase dos oníricos decorados de Walter Ruttmann, quen colaborara con Reiniger na secuencia antes citada de Die Nibelungen, e da música de Wolfgang Zeller. Algúns efectos adicionais correron a cargo de Carl Koch e Berthold Bartosch.
O éxito de Prinzen Achmed deu a Reiniger a oportunidade de realizar a mediametraxe Doktor Dolittle und seine Tiere (O doutor Dolittle e os seus animais) (1928) baseada na primeira das novelas da serie dedicada ao personaxe do autor inglés de literatura infantil Hugh Lofting. A música foi composta nesta ocasión por Kurt Weill, Paul Hindemith e Paul Dessau.
Un ano máis tarde, Reiniger codirixiu, con Rochus Gliese, a súa primeira película de imaxe real, Die Jagd nach dem Glück (A procura da felicidade) (1929), un relato sobre unha compañía de teatro de siluetas. Na película interpretaban papeis Jean Renoir e Berthold Bartosch, e incluía unha representación de siluetas de 20 minutos, deseñada por Reiniger. Por desgraza, o filme rematouse cando o son acababa de chegar a Alemaña, e a súa estrea tivo que demorarse até 1930 para meterlle as voces dos actores. A dobraxe foi tan mala que acabou arruinando a película. Reiniger proxectou facer unha terceira longametraxe, baseada na ópera de Ravel L'Enfant et les Sortilèges, pero non conseguiu facerse cos dereitos da obra.
Coa chegada ao poder do partido nazi, Reiniger e Koch tomaron a decisión de emigrar, pero ningún estado lles concedeu os visados necesarios para establecerse de forma permanente. Como resultado, a parella pasou os anos entre 1933 e 1939 viaxando dun país a outro, permanecendo en cada un todo o tempo que o visado lles permitía. Durante esta época, produciron unhas doce películas. Entre as máis coñecidas están Carmen (1933) e Papageno (1935), baseadas respectivamente nas óperas Carmen de Bizet e A frauta máxica de Mozart.
Ao non poder conseguir un novo visado, víronse obrigados a quedar en Alemaña. Pasaron a segunda guerra mundial en Berlín. Intentaron un novo proxecto, que ía titularse Die goldene Gans (O ganso de ouro), que non o deron concluído por falta de medios.
En 1949, Reiniger e Koch puideron por fin trasladarse a Londres. Tras realizar algúns proxectos para a Oficina Xeral de Correos, crearon a empresa Primrose Productions. Carl Koch morreu en 1962, mais Lotte Reiniger seguiu traballando. Durante esta época, realizou vinte películas de siluetas, a maioría delas para a BBC, e case todas baseadas en contos de fadas clásicos. En 1976 desprazou ao Canadá, onde realizou a película Aucassin et Nicolette para o National Film Board. Morreu en Dettenhausen, Alemaña, o 19 de xuño de 1981, aos 82 anos.
Filmografía
[editar | editar a fonte]En Alemaña
[editar | editar a fonte]- Das Ornament des verliebten Herzens (1919)
- Der Stern von Bethlehem (1921)
- Sleeping Beauty (1922)
- Das Geheimnis der Marquisin (1922)
- Der Fliegende Koffer (1922)
- Aschenputtel (1922)
- Die Abenteuer des Prinzen Achmed (longametraxe; 1926)
- The Chinese Nightingale (1927)
- Der Scheintote Chinese (1928)
- Dr. Dolittle und seine Tiere (mediametraxe; 1928)
- Zehn Minuten Mozart (1930)
- Die Jagd nach dem Glück (1930)
- Harlekin (mediametraxe; 1931)
- Sissi (1932)
- Carmen (1933)
- Das Gestohlene Herz (1934)
- Papageno (1935)
- Kalif Storch (1935)
- Galathea (1935)
- Puss in Boots (1936)
- Silhouetten (1936)
- Daughter (1937)
- Die Goldene Gans (1944)
No Reino Unido
[editar | editar a fonte]- Mary's Birthday (1951)
- The Magic Horse (1953)
- Thumbelina (1954)
- The Three Wishes (1954)
- Snow White and Rose Red (1954)
- The Sleeping Beauty (1954)
- Puss in Boots (1954)
- The Little Chimney Sweep (1954)
- The Grasshopper and the Ant (1954)
- The Gallant Little Tailor (1954)
- The Frog Prince (1954)
- Caliph Storch (1954)
- Aladdin and the Magic Lamp (1954)
- Jack and the Beanstalk (1955)
- Hansel and Gretel (1955)
- Aucassin and Nicolette (Canadá; 1975)
- The Rose and the Ring (Canadá; mediametraxe; 1979)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A máis antiga longametraxe de animación realizada é El Apóstol (1917), do arxentino Quirino Cristiani, que se perdeu, pero que segundo testemuños da época tiña unha hora de duración
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- BENDAZZI, Giannalberto: Cartoons. 110 años de cine de animación. Madrid, Ocho y Medio, 2003. ISBN 84-95839-44-X.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Lotte Reiniger, por William Moritz Biografía e filmografía (en inglés)