Mar Cabra
María del Mar Cabra Valero, nada en Madrid o 14 de xuño de 1983, é xornalista de investigación e especialista en análise de datos española. É licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e máster en Xornalismo de investigación pola Universidade de Columbia de Nova York, estudos que realizou grazas a unha bolsa Fulbright.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Desde o ano 2004 traballou en diversos medios nacionais e internacionais, sendo investigadora e xornalista local na BBC para temas sobre España. Desde 2005 traballou como redactora, videoperiodista e produtora en medios como CNN+, El Mundo e la Sexta.
No ano 2009 recibiu unha bolsa Fulbright para estudar no Centro Stabile de Xornalismo de Investigación (Universidade de Columbia) de Nova York onde recibe varios premios e honras, como o DuPont-Crichton ao mellor documental. Durante a súa estancia nos Estados Unidos traballou como investigadora na televisión pública norteamericana PBS, no Miami Herald e noutros medios como The Huffington Post.
Desde o ano 2011 é membro do Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación, unha organización que conta con máis de 160 xornalistas que traballan xuntos en investigacións transnacionais. Os proxectos nos que traballou até a data son: Secrecy for Sale: Inside the Global Offshore Money Maze (sobre paraísos fiscais), Skin and Bone (sobre a comercialización de tecidos humanos), Plunder in the Pacific e Spain’s $8 Billion Fish (ambos sobre o sector pesqueiro).[1]
Mar Cabra é unha das impulsoras en España do xornalismo de datos; durante o ano 2012 dirixiu a Fundación Cidadá Civio, unha organización sen ánimo de lucro que utiliza a tecnoloxía para apostar por unha maior transparencia e un acceso libre aos datos públicos.
En decembro de 2012 foi elixida como vicepresidenta do capítulo español da Open Knowledge Foundation, unha organización non lucrativa dedicada a promover os datos abertos e o coñecemento aberto.
Cabra formou parte do equipo internacional de xornalistas que levou a cabo a investigación dos papeis de Panamá e que recibiu o Premio Pulitzer 2017, na categoría de xornalismo en profundidade.[2] Dita investigación foi tamén premiada pola Asociación da Prensa de Madrid, que outorgou aos xornalistas españois que participaron nela cos Premios APM ao Mellor Xornalista do Ano 2016.[3]
Adicta á tecnoloxía e hiperconectada, segundo conta ela mesma, Mar Cabra quedou saturada e decidiu retirarse á costa almeriense para desconectarse e meditar. Despois de dous ou tres anos, en 2020 anunciou a súa volta para espertar unha conciencia colectiva fronte á tecnoloxía.[4]
Premios
[editar | editar a fonte]A Asociación da Prensa de Madrid premiou a Mar Cabra o ano 2012 co Premio Larra ao xornalista menor de 30 anos máis destacado do ano.[5]
Como parte do equipo internacional de xornalistas que realizaron a investigación coñecida como os papeis de Panamá, Mar Cabra recibiu o Premio Pulitzer 2017.
Igualmente, a mesma investigación dos papeis de Panamá, da que formou parte Mar Cabra, recibiu en 2016 os Premios APM ao Mellor Xornalista do Ano.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Perfil de Mar Cabra". Consultado o 21 de outubro de 2022.
- ↑ "Mar Cabra: "El Pulitzer a papeles de Panamá es un premio al trabajo en equipo"". El Confidencial. 11 de abril de 2017. Consultado o 21 de outubro de 2022.
- ↑ Martín, Xose (14 de xuño de 2017). "Papeles de Panamá: las grandes investigaciones periodísticas funcionan mejor si se hacen en colaboración". Asociación de la Prensa de Madrid. Consultado o 21 de outubro de 2022.
- ↑ Lacort, Javier (6 de setembro de 2020). "De dar charlas TED y ganar un Pulitzer a retirarse de la gran ciudad y de lo digital: referentes de la tecnología saturados por la tecnología". Xataka. Consultado o 21 de outubro de 2022.
- ↑ Premios de periodismo de la Asociación de la Prensa de Madrid del 2012
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mar Cabra ![]() |