Marcial Villaverde Viqueira
Biografía | |
---|---|
Morte | Ferrol, España |
Alcalde de Oza dos Ríos | |
Actividade | |
Ocupación | político |
Marcial Villaverde Viqueira, finado en Ferrol, foi un político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Veciño de Santa Cruz de Mondoi, obtivo o segundo premio de millo no Concurso de patacas e millos de Betanzos de 1932.[1] Militante do PSOE. Na Segunda República era vogal da Agrupación Socialista de Betanzos e foi nomeado alcalde de Oza dos Ríos en marzo de 1936. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu e estivo agochado nunha casa de Santiago de Paderne na que foi detido a causa dun aviso por un grupo de falanxistas e gardas civís de Betanzos. Cando o levaban a pasear fixo fronte a un dos gardas e botoulle as mans ao fusil que disparou cara a arriba, aproveitando para escapar. Cruzou o río Mandeo varias veces e perdeu a roupa. Estivo fuxido unha tempada en Mántaras, Coruxou e Areas. Regresou á casa de Mondoi e permaneceu agochado alí. No fondal da horta inmediata á casa fixo unha cova á que se acedía a través dun túnel desde un alpendre onde tiñan o forno. Botou sete anos agochado na casa sen que os fillos o souberan, até que en 1943 se presentou ás autoridades e saíu en liberdade. Despois instalouse en Curtis onde montou un bar e contactou con Isabel Ríos. Volveu ser detido e encarcerado seis meses, xunto co fillo máis vello, por colaboración coa guerrilla. Deixou o bar e marchou a Ferrol, onde morreu con 54 anos.
Predecesor: ? |
Alcalde de Oza dos Ríos 1936 |
Sucesor: ? |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ El Pueblo Gallego, 4-11-1932, p. 4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Torres Regueiro, Xesús (2009). "Villaverde e Palacios. O “alcalde de Santa Cruz” e o alcalde asturiano" (PDF). A Xanela. Revista cultural das Mariñas (28): 15–17. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de marzo de 2016. Consultado o 01 de xuño de 2017.