Saltar ao contido

Metadona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura química da metadona.
Estrutura química da metadona.

Estrutura química da metadona
(RS)-6-dimethylamino-4,4-diphenyl-heptan-3-ona

Nomenclatura IUPAC

Número CAS
76-99-3
Código ATC
N02 AC52
Fórmula química C21H27NO
Peso molecular 309.445 g/mol
Biodispoñibilidade 40-80(-92)
Metabolismo Hepático
Vida media de eliminación 24-36 h.
Excreción Renal (Ouriños) Test específico de embarazadas e bilirrubina.
Categoría embarazo Redución do osíxeno aos fetos debido á depresión respiratoria
Situación legal Class A (UK) Schedule II (US)

A metadona é unha droga opioide sintética descuberta en Alemaña durante os anos corenta. Na actualidade comercializase mundialmente en forma de comprimidos. Na súa curta historia mudou de fármaco indesexable a fármaco providencial grazas ás políticas gobernamentais e o apoio dos terapeutas e compañías farmacéuticas que a producen. A metadona é un analxésico opiáceo de orixe sintética similar á morfina. O seu uso actual está dirixido principalmente ao tratamento da dependencia provocada pola heroína.[1]

Características

[editar | editar a fonte]

A metadona preséntase en forma de po branco cristalino, inodoro, solúbel en auga e facilmente solúbel en alcohol e cloroformo, sendo practicamente insolúbel en éter e glicerol. Pode verse alterado polo efecto da luz.[2][3]

Mecanismo de acción

[editar | editar a fonte]

Esta substancia é un agonista opioide puro, de orixe sintética. Presenta isomería óptica, e a responsábel da actividade analxésica é a forma L. Ten afinidade e marcada actividade sobre os receptores opiáceos do sistema nervioso central, principalmente polos receptores mu, producindo unha inhibición das vías ascendentes nociceptivas, alterando a percepción e a resposta á dor e producindo unha depresión xeral do sistema nervioso central.[1][4]

A metadona presenta efectos a nivel do sistema nervioso central (cefaleas, euforia (escasa), disforia, insomnio, desorientación, axitación, mareos, convulsións, somnolencia), cardiovascular (rubor cutáneo, bradicardia, vasodilatación, parada cardíaca, palpitacións, desmaio, síncope, hipotensión, hipertensión, edemas, arritmias, taquicardias, cambios no electrocardiograma etc.), gastrointestinal (boca seca, náuseas, vómitos, estrinximento, diarrea, anorexia, xerostomía, espasmos, dor abdominal, aumento de peso), neuromuscular (debilidade), respiratorio (edema pulmonar, apnea, depresión respiratoria). Tamén actúa a nivel local (producindo dor, eritema, inchazón), hematolóxico (trombocitopenia), endócrino-metabólico (diminución da libido e/ou potencia sexual, hipocalemia, hipomagnesemia, efecto antidiurético, amenorrea), ocular (mioses, alteracións visuais, nistagmo, diplopía). Ademais disto tamén pode provocar un incremento da presión intracranial.

Tamén pode producir alteracións dermatolóxicas como prurito, urticaria, dermatite de contacto; e de forma xeral, dependencia física e psicolóxica e en último termo, a morte.

Algúns destes efectos pódense aliviar se o paciente adopta a postura de decúbito.

Destacar que tras o uso continuado aparece tolerancia, aínda que a velocidade con que isto ocorre non é homoxénea.[5][6]

Farmacocinética

[editar | editar a fonte]

A metadona presenta unha potencia similar á da morfina. Absórbese moi ben por vía oral, vía subcutánea e muscular. Presenta unha elevada unión a proteínas plasmáticas e ten unha vida media superior a 24 horas. Metabolízase no fígado (CYP450), podendo producirse metabolitos activos que, tras administracións repetidas, acumúlanse no organismo facendo que o efecto sexa máis prolongado co da morfina. En canto á eliminación, prodúcese principalmente polos riles e a súa velocidade aumenta coa acidificación dos ouriños. Hai que ter en conta que este fármaco atravesa a barreira hematoencefálica e tamén que se excreta no leite materno.[1][3][7][8]

Usos terapéuticos

[editar | editar a fonte]

O uso máis coñecido e popular da metadona é no tratamento do síndrome de abstinencia aguda que provocan as substancias opioides, empregándose especialmente para a heroína como substituto da mesma. Isto faise dentro dun programa de mantemento baixo supervisión médica.

Tamén se emprega como analxésico no caso de dores intensas cando nestas non sexa adecuado o uso de analxésicos menores coma a morfina.[4][9]

Dosificación

[editar | editar a fonte]
  • Para o tratamento da dor a cantidade empregada é de 5 a 10 mg/dose, segundo a intensidade.
  • No tratamento substitutivo de mantemento da dependencia a opiáceos comézase cunha dose de 20–40 mg/día, aumentándoa gradualmente até conseguir unha dose de 60–100 mg/día. Non se deben superar os 120 mg/día.

No momento de suspender o tratamento, hai que ter en conta que ten que facerse de xeito gradual, diminuíndo a dose en 5 ou 10 mg.[4][7]

Contraindicacións

[editar | editar a fonte]

En persoas con hipersensibilidade á metadona ou a outros compostos da formulación. En casos de depresión respiratoria, asma aguda ou hipercapnia. Non debe empregarse tampouco en nenos porque son moi sensibles aos depresores respiratorios, nin como analxésico en obstetricia.[1][3]

Precaucións

[editar | editar a fonte]

Este fármaco pertence á categoría D. En embarazadas sometidas a un programa de desintoxicación de opiáceos hai que avaliar o beneficio-risco xa que, ao atravesar a placenta, pódese producir distrés fetal no útero e baixo peso ao nacer. Cun uso regular durante o embarazo pode darse dependencia física do neonato (síndrome de abstinencia a opiáceos). Ao excretarse en leite materno, débese prestar especial coidado durante o período de lactación nestas mulleres.

En xeriatría debe empregarse unha dose inferior a dos adultos posto que o metabolismo e a eliminación en persoas de idade avanzada son máis lentos. Así mesmo, hai que corrixir as doses en pacientes con insuficiencia renal ou hepática. En tratamentos prolongados, ao diminuír o fluxo salivar, contribúe á formación de caries e candidiase oral.

O uso prolongado da metadona pode producir dependencia e tolerancia.[3][4]

Interaccións

[editar | editar a fonte]

IMAOs, antagonistas opiáceos (Naloxona e Naltrexona), analxésicos opiáceos, alcohol e fármacos depresores do sistema nervioso central, fármacos que modifican o pH urinario, Rifampicina e Fenitoína e outros indutores de enzimas hepáticos, Fluoxetina e outros fármacos serotoninérxicos, Cimetidina.[5][8]

Sobredose

[editar | editar a fonte]

Unha sobredose con metadona pode darse cando se toma a mesma de xeito accidental ou intencionadamente nunha dose superior á recomendada para o seu uso terapéutico. Pero tamén pode producirse cando unha persoa consome este medicamento asociado a certos analxésicos opioides como son a oxicodona, a morfina ou a hidrocodona.

Entre os síntomas que se dan nunha intoxicación por metadona están: miose, estrinximento intenso, náuseas e vómitos, espasmos estomacais ou intestinais, hipotensión arterial, pulso débil, depresión respiratoria, que pode orixinar un paro respiratorio, mareos, debilidade, desorientación, somnolencia… Pode chegar a producirse un estado de coma. Uñas e labios azulados, pel fría e húmida.[10]

Segundo a gravidade da intoxicación, poden distinguirse dous estados: intoxicación leve ou moderada e intoxicación grave. No caso desta última pode chegar a producirse a morte, a cal se da por tres tipos de efectos:

  • Patoloxía respiratoria: polo xeral, adoita producirse un edema agudo de pulmón non cardioxénico. Pero tamén se asocia con outros problemas como pode se a aspiración do vómito debido a unha depresión central ou unha bronconeumonía. Nos casos nos que se dá unha intoxicación mixta con benzodiazepinas, asóciase tamén a alteracións funcionais debidas a obstrución das vías respiratorias superiores e reaccións de tipo asmático.
  • Patoloxía cardíaca: a metadona bloquea a condución cardíaca, polo que, en casos de intoxicación, poden darse episodios de bradicardia e taquicardia. Tamén se cre que pode ter efecto arritmoxénico, xa que existen evidencias in vivo da capacidade da metadona de producir arritmias.
  • Patoloxía renal: na maior parte dos casos, o problema renal débese a rabdomiolisis secundarias ao coma e á inmobilización prolongada.

Non pode afirmarse con rotundidade cal é a dose mortal da metadona, posto que inflúen múltiples factores: por unha parte, a metadona sofre fenómenos de redistribución debido á elevada distribución por compoñentes tisulares que fan que a capacidade de correlacionar con precisión as concentracións de metadona en sangue e a cantidade total da mesma presente no organismo estea limitada. Por outra banda, a interacción farmacocinética e farmacodinámica con outras drogas, constitúe tamén unha traba á hora de establecer con precisión o posible efecto dunha determinada concentración da metadona no organismo.

Non obstante, a maioría dos autores cren que unha concentración no sangue superior a 0.75 mg/L poden ser mortais para calquera persoa, habituada ou non ao consumo de opiáceos. No caso de non ser consumidor habitual de opiáceos, crese que unha concentración entre 0.22 mg/L e 0.43 mg/L xa pode ser mortal.[11]

Tratamento

[editar | editar a fonte]

O tratamento dunha sobredose por metadona comezará polo restablecemento da función ventilatoria axeitada mediante o uso dunha vía aérea permeable e respiración asistida.

Ademais, debe administrarse un antídoto, neste caso un antagonista opiáceo, coma a naloxona ou a nalorfina, por vía intravenosa ou intramuscular. O máis empregado é a naloxona, coa cal se conseguen reverter todos os síntomas da intoxicación. Debe terse en conta que a duración de acción da naloxona é moito máis curta cá da metadona, deberá administrarse en doses repetidas cando menos durante 6 ou 12 horas. Con todo, cabe destacar que non debe administrarse ningún antagonista opiáceo se non se dan signos de depresión respiratoria ou cardiovascular.

Tamén poden empregarse outras medidas de soporte vital e tratamento sintomático: osixenoterapia, vasopresores, fluídos intravenosos etc.[6][11]

Lexislación

[editar | editar a fonte]

Segundo a lei actual (Real Decreto 75/1990), os programas de mantemento con metadona deben facerse nos centros ou servizos sanitarios públicos ou privados sen ánimo de lucro. Ditos centros teñen que ser acreditados polos órganos competentes da Administración Sanitaria da Comunidade Autónoma á que pertenzan ou polos órganos competentes do Ministerio de Sanidade e Consumo. Tamén poden ser acreditados servizos en Centros Penitenciarios ou noutros estamentos de carácter non estritamente sanitario. Neste Real Decreto tamén se indica que a elaboración, conservación, administración e dispensación da metadona realizarase polos servizos farmacéuticos dos centros acreditados ou, no seu defecto, polos órganos competentes do Ministerio de Sanidade e Consumo ou polas oficinas de farmacia acreditadas. Os medicamentos empregados serán prescritos, formulados, dispensados e administrados nunha solución oral extemporánea.[12]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Moreno Brea, M.R.; Rojas Corrales,M.O.; Gibert-Rahola,J.; Mico J.A. Interacciones de metadona con fármacos antiinfecciosos y sustancias de abuso. Páx.66,67. Ano 2000 Revista Adicciones, Volume 12- Número Supl. 1. Dispoñible en http://www.zheta.com/user3/adicciones/files/mico.pdf Arquivado 22 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.
  2. Real Farmacopea Española. 3ªEdición 2005 (Madrid). Páx. 2162.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Información de Medicamentos. Tomo I.Páx. 136-137
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Vademecum Internacional 46 edición 2005 Medicom. Pax. 587,588
  5. 5,0 5,1 Yolanda Alvarez, Magí Farré. Farmacología de los opioides. Páx.:37. 2005 Revista Adicciones, Volume 17- Número Supl. 2 Opiaceos. Dispoñible en: http://www.adicciones.es/files/Farre.pdf Arquivado 29 de xullo de 2011 en Wayback Machine.
  6. 6,0 6,1 Luís Marruecos, Santiago Nogué, Joan Nolla.Toxicología Clínica. Ed. Springer-Verlag Ibérica S.A Barcelona 1993. Páx. 162, 163
  7. 7,0 7,1 Mary Jeanne Kreek, M.D., Lisa Borg, M.D., Elizabeth Ducat, N.P., and Brenda Ray, N.P.Pharmacotherapy in the Treatment of Addiction: Methadone Laboratory of the Biology of Addictive Diseases, The Rockefeller University. J Addict Dis. 2010 April ; 29(2): 200–216. Páx.4-5
  8. 8,0 8,1 Toxicología Clínica y drogodependencias: Metadona. Eva Arribas Arbiol, Fernando Bandrés Moya.Ed. Además comunicación gráfica S.L 2009 ( Serie Ciencias Biomédicas) Páx.24, 29-33
  9. Farmacología Smith/Reynard Ed. Medica panamericana. Capítulo 18, páx. 247,248
  10. http://www.nlm.nih.gov/medlineplus/spanish/ency/article/002679.htm
  11. 11,0 11,1 P.M. Garamendi, L.J. Segura-Abad, M. López-Alcaraz y J. Rodríguez. Características de la intoxicación por metadona: a propósito de un caso de homicidio. Cuadernos de Medicina Forense n.56 Sevilla abr. 2009. Dispoñible en: http://scielo.isciii.es/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S113576062009000200002&lng=es&nrm=iso&tlng=es Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
  12. http://www.boe.es/boe/dias/1990/01/23/pdfs/A02101-02103.pdf (Real Decreto 75/1990, 19 de enero)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]