Saltar ao contido

Metanfetamina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estrutura química da metanfetamina
Estrutura química da metanfetamina


Metanfetamina

(S)-N-metil-1-fenilpropan-2-amina

Número CAS
537-46-2

Código ATC
N06B A03

Fórmula química C10H15N
Peso molecular 149.24
Metabolismo Hepático
Vida media 4-5 horas
Eliminación Renal
Categoría

embarazo

C (Estados Unidos)
Status legal

Lista II (Estados Unidos)
Lista II (Arxentina)
Lista II (Chile)
Clase B (Reino Unido)
Lista I (Canadá)
Lista I (Venezuela)

Presentación Comprimidos de 5 mg
Indicacións:

A metanfetamina (desoxiefedrina) é unha droga psicoestimulante. É un axente agonista adrenérxico sintético, estruturalmente relacionado co alcaloide efedrina e coa hormona adrenalina.[1]

O composto, na súa forma pura, é un po branco, cristalino, inodoro, de sabor amargo, moi soluble en auga ou etanol.

Foi sintetizada no Xapón en 1919, tomando como modelo a molécula de anfetamina. Porén, non se comezou a comercializar até 1938, co nome de Methedrina. Orixinalmente utilizábase en desconxestivos nasais e inhaladores bronquiais.[2]

En 1971 a Convención Internacional de Psicotrópicos someteu a control a metanfetamina, situándoa na Lista II. Seguiu sendo legal, pero a súa circulación viuse drasticamente reducida. Na actualidade este status segue sendo válido (aínda que só sexa nominalmente) na maioría dos países. No Reino Unido a forma oral está en Lista II (Clase B, na súa lexislación).

Efectos fisiolóxicos

[editar | editar a fonte]

Aínda que a estrutura química da metanfetamina é similar á da anfetamina, os seus efectos sobre o sistema nervioso central son máis pronunciados. A molécula de metanfetamina ten a habilidade de cruzar moi facilmente a barreira que separa o cerebro do resto do corpo, tecnicamente coñecida como barreira hematoencefálica. Esta habilidade permite que os niveis de substancia no cerebro acaden unhas 10 veces os niveis en sangue, logrando exercer a súa acción case exclusivamente sobre o SNC.[3]

A metanfetamina está indicada no tratamento da narcolepsia, da desorde caracterizada por déficit de atención e tamén no control da obesidade. O último uso, aínda que vixente, está pouco aceptado na actualidade; as indicacións para narcolepsia e TDAH son recoñecidas como terapéutica de segunda liña.

Contrabando

[editar | editar a fonte]

Fabrícase en laboratorios clandestinos usando procedementos sinxelos e ingredientes relativamente baratos, xeralmente de fácil acceso. Por esta causa, sobre todo nos Estados Unidos, establecéronse normas legais sobre unha serie de substancias químicas que poden servir como precursores ou reactivos na síntese desta droga, como a efedrina. Estes factores combínanse para facer da metanfetamina unha droga de gran circulación, cuxo abuso está moi estendido nos Estados Unidos e en varios países de Europa.

O produto vendido na rúa é coñecido no argot como "anfetas", "meta" ou "tiza" en castelán e como "meth" e "crank" en inglés. O clorhidrato de metanfetamina consiste en pedazos de cristais transparentes parecidos ao xeo, que se poden inhalar fumándoos. Nesta forma coñécese como ice, crystal ou glass ("xeo", "cristal", ou "vidro").

Adicción

[editar | editar a fonte]

A droga, cun alto potencial de adicción, só é accesible mediante receitas médicas oficiais.[4] A metanfetamina é coñecida pola súa reputación de estimulante adictivo. Como a anfetamina, incrementa a actividade, reduce o apetito e produce unha sensación xeral de benestar. Excita receptores neuronais vencellados aos sinais de recompensa e gratificación: produce euforia, alivia a fatiga e mellora o rendemento en tarefas simples.

Os efectos da metanfetamina poden durar até 6 ou 8 horas. As persoas adictas poden permanecer espertas durante varios días, o que provoca un crecente esgotamento físico, psicolóxico e cognitivo. Porén, a droga bloquea os sinais somáticos (como a fatiga, o sono ou a fame) que advirten da deterioración funcional progresiva. Nestes casos, unha vez que a droga abandona o organismo, as persoas con adicción poden experimentar estados de grande axitación psicomotriz, ás veces asociados a comportamentos violentos e delirios persecutorios. Poden mesmo chegar a cadros de disociación psíquica apenas distinguibles dos que caracterizan a esquizofrenia paranoide. Estas manifestacións psiquiátricas de toxicidade prodúcense por sobredosificación e en casos de adicción crónica a doses altas (especialmente por vía parenteral). Estes casos denomínanse psicoses anfetamínicas na práctica clínica.

Síntomas de retirada de metanfetamina

[editar | editar a fonte]

Os síntomas da abstinencia da metanfetamina poden variar dunha persoa a outra. A gravidade dos efectos secundarios depende dunha serie de factores, incluíndo o tempo que o individuo consumiu metanfetamina, a cantidade, a frecuencia e a drogodependencia ou abuso doutras substancias. Ademais, outros factores, como o método utilizado para consumir a droga, poden afectar a retirada. Quen inxectan metanfetamina experimentarán normalmente un proceso de retirada máis longo e intenso.

Os signos e síntomas de abstinencia poden incluír:[5]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  1. "Methamphetamine: Facts, effects, and health risks". www.medicalnewstoday.com (en inglés). 2018-06-28. Consultado o 2021-06-20. 
  2. "The History of Crystal Methamphetamine - Drug-Free World". Foundation for a Drug-Free World (en inglés). Consultado o 2021-06-20. 
  3. "The Physical and Psychological Effects of Meth Addiction". Destination Hope Substance Abuse Treatment (en inglés). Consultado o 2021-06-20. 
  4. April 2, editorial staff. "How to Spot Meth Paraphernalia & Possible Signs of Addiction". 
  5. "Meth Withdrawal Symptoms, Signs, Detox & Treatment". Arquivado dende o orixinal o 22 de setembro de 2021. Consultado o 2021-06-20.