Mikayil Mushfig
Nome orixinal | (az) Mikayıl Müşfiq |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 5 de xuño de 1908 Bakú, Azerbaidján |
Morte | 6 de xaneiro de 1938 (29 anos) Bakú, Azerbaidján |
Causa da morte | ferida por arma de fogo Represión |
Educación | Universidade Estatal de Bakú (1927–1931) |
Actividade | |
Ocupación | poeta, tradutor, escritor, pedagogo |
Período de actividade | 1926 - |
Xénero artístico | Poesia lírica (pt) |
Pseudónimo literario | Müşfiq |
Familia | |
Cónxuxe | Dilber Akhundzade |
Pai | Mirza Abdulqadir Vusaqi |
Mikayil Mushfig (en azerí: Mikayıl Müşfiq), pseudónimo de Mikayil Ismayilzade, nado en Bakú o 5 de xuño de 1908 e finado na mesma cidade o 12 de marzo de 1938, foi un poeta azerí do século XX. Está considerado un dos fundadores do novo estilo poético azerí.
A meirande parte da súa poesía versa sobre o amor, a natureza e os sentimentos. Malia isto, foi criticado e vilipendiado pola Unión de Escritores Soviéticos de Aderbaidján, polo que terminou sendo arrestado e executado durante as purgas stalinistas da Unión Soviética. En 1956, foi exonerado de maneira póstuma.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Mikayil Mushfig naceu na cidade de Bakú en 1908. O seu pai, Mirza Abdulgadir Ismayilzade, era profesor e poeta. Mushfig quedou orfo durante a súa infancia, polo que foi criado por parentes. Recibiu a educación básica en lingua rusa. Tras o establecemento do réxime soviético en Azerbaidján en 1920, estudou na Escola de Profesorado de Bakú e, en 1931, graduouse do Departamento de Lingua e Literatura da Universidade Estatal de Bakú. Mushfig casou con Dilber Akhundzade en 1933.[1]
Carreira literaria
[editar | editar a fonte]Posteriormente, comezou a traballar como mestre de escola. Ao mesmo tempo, escribía os seus primeiros poemas. A súa primeira publicación foi "Bir gün" ("O día", 1926), no xornal Ganj fahla.[2][3] Foi nesta época que adoptou o seu pseudónimo Mushfig (do persa e árabe para "compasivo"). Xunto con Samad Vurgun e Rasul Rza, Mushfig fundou o novo estilo poético da Azerbaidján soviética. Así mesmo, traduciu poemas do armenio e do ruso.[2][3] Por outra banda, foi tamén promotor dos instrumentos tradicionais do seu país, que estaban prohibidos naquel momento.
Na súa poesía, Mushfig gabou o traballo dos traballadores industriais e dos campesiños, incluíndo a construción de empresas industriais en Bakú e outras cidades. Segundo a súa esposa, Mushfig prezou a transición do sistema de escrita arábigo ao latino, realizado en 1927. A súa posición pode contemplarse na seguinte estrofa:[4]
Ao separármonos,a miña alma quere dicirche: "Adeus! Chegou o teu derradeiro día
maldito e vello alfabeto!"
Arresto e execución
[editar | editar a fonte]Cara a finais da década de 1930, era habitual entre poetas e escritores acusarse mutuamente de nacionalismo ou da difusión de propaganda relixiosa. Entre as razóns deste comportamento estaban problemas persoais e rivalidades entre os autores. O propio Mushfig foi acusado pola Asociación de Escritores Soviéticos, xunto con outras figuras como Huseyn Javid, Ahmed Javad ou Yusif Vazir Chamanzaminli. Así, foi tachado de "chauvinista" e "pequenoburgués". En 1937, foi arrestado e acusado de traizón ao estado, polo que o executaron en 1939.[3]
Malia ter escrito poemas favorables sobre Iosif Stalin, durante as políticas de desarticulación do stalinismo foi representado como un poeta antistalinista.
Publicacións
[editar | editar a fonte]- Küləklər ("Os ventos", 1930)
- Günün səsləri ("As voces do día", 1932)
- Duyğu yarpaqları ("As follas do sentir", 1966)
- Yenə o bağ olaydı ("Oxalá volvese a ser xardín", 1976)
- Ədəbiyyat nəğməsi ("A canción da literatura", 1978)
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alakbarov, Farid (2002). "Poet Mikayil Mushfig (1908-1939)". www.hajibeyov.com (en inglés). Consultado o 31-12-2024.
- Biblioteca Nacional de Azerbaidján (2018). "Mikayil Mushfig - Cronoloxía". anl.az (en acerbaixano). Consultado o 31-12-2024.
- Garaoghlu, Fazil (2017). "Tarixdə iz buraxanlar: Mikayıl Müşfiq [Pegadas da historia: Mikayil Mushfig]". www.anl.az (en acerbaixano). Consultado o 31-12-2024.
- Ministerio de Cultura da República de Azerbaidján (2018). "Mikayil Mushfig: Biobiblioqrafik göstərici" (PDF). www.ryl.az (en acerbaixano). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22-11-2018. Consultado o 31-12-2024.