Milicias de Santiago
As Milicias de Santiago, tamén denominadas Milicias de Compostela e referidas de maneira retrospectiva como Milicia Española de Santiago logo da súa integración na Milicia Nacional de FET y de las JONS, foron unha organización cívica militar dependente do Exército Español que actuou durante a Guerra Civil como forza represiva e de retagarda complementaria ao Exército e á Garda Civil prestando servizos especiais de vixilancia e defensa da poboación en Santiago de Compostela.
Historia
[editar | editar a fonte]As Milicias de Santiago apareceron en Santiago de Compostela, ao mesmo tempo que outras forzas paramilitares análogas de nomes semellantes establecidas nas principais cidades de Galicia, o mesmo día do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Dependían directamente do Exército, que se encargou da súa organización e dirixiu a súa preparación e orientación como forza complementaria do mesmo Exército e da Garda Civil.[1] Estaba integrada por membros que pola súa idade, estado civil ou profesión non podían incorporarse á primeira liña de combate, pero que solidarizándose na defensa da fe e a tradición desexaban cooperar cos golpistas na cidade.[2]
Actuaban como forza de retagarda, prestando servizos de vixilancia e defensa de Santiago de Compostela e os seus arredores por medio de gardas de determinados postos, controles de estradas e protección de convois dirixidos á fronte, así como servizos de intelixencia e misións especiais coordinadas coas forzas militares e os efectivos paramilitares da cidade, repartidos entre os milicianos do Requeté, a Falange Española de las JONS e as Juventudes de Acción Popular.[2]
Organización
[editar | editar a fonte]Os integrantes das Milicias, coñecidos como cabaleiros milicianos de Santiago, estaban organizados xerarquicamente pola mesma escala de mandos do Exército.[3] O comandante era José Cancelo, Tenente de Ingenieros ao que relevou temporalmente no cargo José Armesto, Tenente da Garda Civil, e actuaban rexidos pola Junta de Honor que presidía Miguel Barca, Sarxento de Milicias.[4] Durante os primeiros meses contaban con cento setenta efectivos repartidos en trece postos cun mínimo de cincuenta homes cada vinte e catro horas, o que obrigaba a cada membro a facer entre dúas e tres gardas nocturnas na semana.[2] As Milicias de Santiago tiñan a súa se no Mosteiro de San Martiño Pinario, habilitado como Cuartel de San Martín o Cuartel do Seminario durante a guerra.[5] Os seus membros estaban uniformados con funda militar azul mariño e gorro isabelino, ambos ostentando as divisas correspondentes a cada rango, cinto con correaxe,[6] e a modo de distintivo, brazalete branco cunha cruz de Santiago no centro representando a bandeira da unidade, que a diferenza do brazalete tiña ademais as beiras encarnados. Pola vinculación da cidade co apóstolo Santiago, as Milicias consagráronse a el como patrón e adoptaron o lema «Santiago y cierra España».[7]
En decembro de 1936 investiron Caballero Miliciano Honorario ao escritor Federico García Sanchiz, fillo adoptivo da cidade ao que meses atrás a alcaldía republicana lle revocara a distinción por motivos ideolóxicos.[8]
Disolución
[editar | editar a fonte]Coa entrada en vigor do Decreto de Unificación o 20 de abril de 1937, por cuxo artigo terceiro todas as milicias combatentes quedaban integradas nunha soa milicia nacional, as Milicias de Santiago pasaron a formar parte da Milicia Nacional de FET y de las JONS, foi o seu propio lugar de acuartelamento o que serviu para acoller á milicia unificada. Coa integración, a antiga escala de mando adaptou os rangos militares a unha nova nomenclatura que comprendía xefes e subxefes de Bandeira, de Centuria, de Falange e de Escuadra, así como soldados falanxistas, e a Milicia organizouse en servizos permanentes de xefatura eantiaeronáutica, de prevención, cárcere e imaxinarias en quendas de mañá e noite, nocturnos de patrulla coa Garda Civil, e servizos profesionais con médico, odontólogo, practicante e enfermeira de gardia.[9][10]
A Milicia Nacional mantivo os seus servizos ata cinco anos despois da fin da Guerra Civil, quedando definitivamente disolta o 27 de xullo de 1944.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Portal Fradejas, José (17 de agosto de 1936). "Un esfuerzo más...". El Compostelano. p. 1.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Un cabo de las Milicias (13 de outubro de 1936). "Milicias de Santiago". El Compostelano. p. 2.
- ↑ Sánchez G. Adanza, Andrés (26 de decembro de 1936). "Los Caballeros Milicianos de Santiago". El Compostelano. pp. 1–2.
- ↑ Cancelo Paz, José (6 de xullo de 1938). "Un saludo del nuevo Jefe de Milicias de Falange Española Tradicionalista y de las JONS de Santiago". El Compostelano. p. 2.
- ↑ "García Sanchiz, Caballero Honorario Miliciano". El Compostelano. 28 de decembro de 1936. p. 1.
- ↑ Cancelo, José (7 de abril de 1937). "Milicia Española de Santiago". El Compostelano. p. 2.
- ↑ "Entrega de la Bandera a las Milicias compostelanas". El Eco de Santiago. 13 de outubro de 1936. p. 2.
- ↑ "García Sanchiz ya no es hijo adoptivo de Santiago". Vida Gallega. 10 de marzo de 1936. p. 27.
- ↑ "Milicia de F. E. T. y de las J. O. N. S.". El Eco de Santiago. 22 de abril de 1938. p. 2.
- ↑ "Servicios profesionales para la semana entrante". El Compostelano. 23 de abril de 1938. p. 3.
- ↑ Payne, Stanley G. (1999). Fascism in Spain (1923-1977). Madison: The University of Wisconsin Press. p. 396. ISBN 0-299-16560-4.