Modelo:PortalOurense/Lugar de interese/3
O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense é un dos museos provinciais máis importantes da Península Ibérica, tanto polos seus fondos como polo propio edificio que ocupa. Localízase no antigo Pazo Episcopal no centro da cidade de Ourense ao carón da Casa Consistorial e a Igrexa de Santa María Nai, na Praza Maior (Rúa Bispo Carrascosa, 1, Ourense).
Dende 1951 a súa sede é o antigo Pazo Episcopal, un edificio de fábrica románica iniciado no ano 1131, e que sufriu diversas transformacións en estilo gótico (Torre de Santa María), renacentista (soportal ao xardín, cuartos...) e barroco (portada, patio dianteiro). O edificio foi declarado Monumento Histórico-Artístico polo Decreto de 3 de xuño de 1931.
O actual museo ten a súa orixe no ano 1845 cando a Comisión Provincial de Monumentos creou o Museo de Pinturas de Ourense, e en maio de 1895 a propia Comisión decidiu a creación dun Museo arqueolóxico provincial que recollería os fondos do anterior museo así como as pezas arqueolóxicas que se foran atopando na provincia. Foi creado un ano despois, en 1896.
O museo conta con dúas seccións: unha adicada á arqueoloxía e outra ás Belas Artes.