Saltar ao contido

Moeda de 100.000 iens

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
100.000 iens (1986-1987) [1][2]
A/: Dous paxaros no interior dun deseño artístico. R/: Deseño artístico dun crisantemo.

• 日本国 • 御在位六十年 • 拾万円 • 昭和六十一年 ("• Estado do Xapón • Reino imperial de seis décadas • 100.000 Iens • Ano 61 de Shōwa").

  • Datas de emisión: 61-62 (1986-1987).
  • Período: Shōwa (1926-1989).
  • Ceca: Casa da Moeda do Xapón.
  • Gravador: Ikuo Hirayama.
  • Aliaxe: ouro (999 ‰).
  • Diámetro: 30 mm.
  • Peso: 20,00 g.
  • Canto: estriado.

A moeda de 100.000 iens é unha moeda xaponesa de ouro de carácter conmemorativo, cuñada pola Casa da Moeda do Xapón con dous deseños diferentes e unicamente nos anos 1986, 1987 e 1990.

Trátase da moeda xaponesa con maior valor facial emitida ata entón, aínda que non ten carácter circulante. En ambos os casos, cuñouse tanto con acabamento estándar como cun acabamento especial para coleccionistas, coñecido como proof —fondo espello e relevo mate—.

Tanto a emisión de 1986 como a de 1990 foron recoñecidas co Premio Moeda do Ano como as mellores moedas de ouro cuñadas no mundo nos seus respectivos anos.[3]

Caracterización[editar | editar a fonte]

60º aniversario de Shōwa[editar | editar a fonte]

A primeira ocasión en que se emitiu foi en 1986 (六十一 "ano 61") e en 1987 六十二 "ano 62"), en celebración do sexaxésimo aniversario do reinado de Hirohito, coñecido tamén como Shōwa.[1][4]

Esta moeda foi deseñada e gravada polo artista xaponés Ikuo Hirayama e amosa no seu anverso, anepigráfico, unha interpretación artística dunha parella de paxaros, e no reverso un crisantemo artístico de gran tamaño.[1][4]

Canto ás tiraxes, en 1986 cuñáronse 10 millóns de exemplares, todos eles con acabamento estándar. En 1987 cuñáronse 875.487 exemplares nesta mesma condición e outros 124.513 con acabamento especial proof.[1]

Xa a partir de marzo de 1988, pouco despois destas primeiras emisións, detectouse no mercado europeo unha gran cantidade destas moedas falsificadas, estimada en máis de 100.000 exemplares, o maior caso de falsificación da historia do Xapón. A partir das investigacións realizadas, chegáronse a atopar lotes destas falsificacións, entre outros lugares, na cámara acoirazada do propio Banco do Xapón, o banco central do país. As moedas falsas están cuñadas tamén en ouro, mais como a emisión conmemorativa oficial se vendía daquela por case dúas veces e media o valor do seu contido en ouro, a falsificación resultaba moi lucrativa.[5]

Entronización de Akihito[editar | editar a fonte]

100.000 iens (1990)[6][7]
A/: Fénix estilizado. R/: Crisantemo rodeado por unha grilanda.

• 御即位念 • 日本国 • 10万円 • 平成2年 ("• Ascensión ao trono • Estado do Xapón • 100.000 Iens • Ano 2 de Heisei").

  • Datas de emisión: 2 (1990).
  • Período: Heisei (1989-2019).
  • Aliaxe: ouro (999 ‰).
  • Ceca: Casa da Moeda do Xapón.
  • Diámetro: 33 mm.
  • Peso: 30,00 g.
  • Canto: estriado.

Pola súa banda, a emisión correspondente a 1990 (二 "ano 2") tivo por motivo a entronización do emperador Akihito, sucesor de Hirohito.[6][8]

No seu anverso amosa a figura estilizada dun fénix e no reverso un crisantemo nun tamaño menor que na emisión anterior, rodeado por unha grilanda vexital.[6][8]

Desta moeda cuñáronse 1.900.000 exemplares con acabamento estándar e 100.000 con acabamento especial proof.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]