Monoteísmo
O monoteísmo é a crenza na existencia dun único Deus.[1] O cristianismo, o islam e o xudaísmo son relixións monoteístas. Segundo esta crenza, Deus significa algo supremo, relacionado con ideas e conceptos filosóficos, distinto dun ser persoal con atributos.[2] O monoteísmo contrasta co politeísmo que é a crenza na existencia de varios deuses. As relixións monoteístas adoitan oporse abertamente ao politeísmo e ó panteísmo.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]A invención do monoteísmo atribúese ao pobo hebreo. Porén, este foi un proceso gradual. Primeiro IHWH fixo parte dun panteón, e até tiña unha compaña Ashera[4]. Despois pasouse ao monolatrismo[5] onde IHWH pasou a ser deus nacional (como fora antes Assur dos asirios ou Marduk dos babilonios) dos israelitas, pero recoñecíanse outros deuses noutras terras, isto aconteceu no século 7 a.C. coas reformas do rei Josias.[6] Foi a mediados do século 4 A.C. onde se impuxo o monoteísmo co deus hebreo como único e verdadeiro. Isto foi produto[7] da contradición entre as promesas bíblicas "os xudeus son o pobo elixido de Deus", e a realidade da historia de Xudea e Israel, pequenos reinos, varias veces sometidos e rematando coa desaparición do reino do norte, Israel. Descoñécese exactamente como foi, mais no século 3 a.C. a visión do mundo dos xudeus mudou coa aparición do monoteísmo e da súa verdade única. Aconteceu coma os grandes trocos científicos:
- Aparecen anomalías no paradigma de consenso xeral.
- As anomalías acumúlanse e o paradigma entra en crise.
- Proponse un novo paradigma.
- O novo paradigma faise consenso.[8]
Teoloxía monoteísta
[editar | editar a fonte]A etimoloxía da palabra monoteísmo ven do grego clásico "mono"=un, e "theos"=deus. Esta crenza di que hai un só deus verdadeiro, e así a teoloxía que se lle liga e a única verdadeira, único camiño de salvación. Isto vai facer que, por primeira vez na historia, vexamos conflito co único motivo da relixión. Un dos primeiros exemplos é o conflito de Alexandría entre xudeus emigrados a esta cidade e a poboación helenizada. Esta última ollaba cara aos xudeus e víaos como supersticiosos e arcaicos, cunha relixión que negaba as súas crenzas. Os xudeus pola súa banda, vivían entre eles mesmos, sen mesturarse coa poboación autóctona. O filósofo xudeu Philón de Alexandría tentou explicar ás autoridades as crenzas xudías e quitarlle tensión á situación. Foi entón cando a poboación helénica soubo que os xudeus pagaban impostos ao templo de Xerusalén e isto provocou un pródromo contra os xudeus.
No século I vai aparecer como unha póla do xudaísmo o cristianismo (que será relixión oficial e única do Imperio Romano a partir do século IV), seguíndoa o islam que aparece en Arabia no século VII. Serán estas tres relixións (3 monoteísmos) as que forxarán o mundo tal como é hoxe. Islam e cristianismo son universalistas e proselitistas, o que vai provocaar innumerables guerras entre elas. O xudaísmo que hoxe non é proselitista[9] mantívose durante séculos vivindo en sociedades non xudías pero sen mesturarse con elas.[10] Hoxe en día en Israel non se poden casar persoas de relixións diferentes.[Cómpre referencia] Tamén cabe sinalar o freo para as ciencias que supuxeron os monoteísmos.[11] Lembremos os problemas de Galileo obrigado a desdicirse ou de Miguel Servet queimado na fogueira, tamén como a ciencia decaeu no islam despois dos escritos de Al-Gazili.[12] Vexamos tamén como entre os israelitas Spinoza foi excluído do xudaísmo polos seus escritos.
A partir do século das luces, en occidente o monoteísmo cristián (especialmente o catolicismo) deixa de ser un freo, para a ciencia. Chegados ao século XX catolicismo e xudaísmo reformado aceptan a Teoría da evolución das especies e mais a cosmo-xénese do Big Bang.[Cómpre referencia] No entanto no islam, xudaísmo ortodoxo e seitas evanxelistas (sobre todo nos Estados Unidos) tentan aferrarse aos textos sagrados, buscando maneiras alambicadas de casar textos e feitos científicos.[13] O monoteísmo estivo case sempre ligado ao fundamentalismo relixioso, pola idea subxacente de verdade única. Ren doutro podendo ter razón, e non sendo máis ca paganismo ou ateísmo. Outra das características dos tres grandes monoteísmos é o seu mesianismo. No xudaísmo (agás os xudeus mesiánicos que coidan que o mesías foi Xesús) agardan o Mesías nun futuro que denominan "tempos mesiánicos" que terán varias etapas:
- Guerra de Gog e Magog (as nacións contra Israel [14]
- Retorno do profeta Elias que traerá con sigo o Mesías
- Tempos mesiánicos
- t´hiato hametim (resurrección dos mortos)
- Yom hadim (día do xuízo)
- Olam haba (tempo da eternidade)
O retorno do Mesías no cristianismo[15] vén descrito no libro da Apocalipse ou Revelacións. Se ben a interpretación muda segundo as distintas igrexas cristiás podemos resumilo así:
- Chegada do fin dos tempos
- Retorno de Xesús a terra
- Resurrección dos mortos
- Loita co anticristo
- Renovación da creación
- Establecemento do reino de Deus
No islam tamén se fala do retorno do Mahdi nos hadiz. Unha persoa, descendente de Mahoma[16] que virá no fin do tempo e anunciará a chegada de Xesús que é o Mesías e que loitaría e vencería ao falso Mesías chamado Dajjal (en árabe : المَسيح الدّجّال al-masīḥ ad-dajjāl). Logo o Mahdi e mais Xesús quedarían na terra un tempo.
Podemos ver nas tres relixións semellanza na escatoloxía. As tres comparten tamén, a idea de vida despois da morte, sendo os feitos desta vida, os que determinaran o benestar despois da morte. Isto defíneo o filósofo Michel Onfray[17] como "pulsión de morte" pois a morte, condiciona os feitos da vida.
Concepto xeral
[editar | editar a fonte]As relixións monoteístas máis estendidas son, en orde estimado de seguidores, o cristianismo, o islam, o sikhismo, o xudaísmo e o zoroastrismo.[18] En Occidente, o monoteísmo adoita estar dominado polo concepto de Deus das relixións abrahámicas e o concepto neoplatónico de Deus expresado polo Pseudo Dionisio Areopagita. Existen exemplos históricos de cultos monoteístas, como o culto a Atón no antigo Exipto liderado polo faraón Akhenatón, ou a Marduk en Mesopotamia.
No cristianismo
[editar | editar a fonte]No cristianismo existe unha notable polémica por mor do concepto da Trinidad, que é sempre considerado por outros monoteístas, en xeral, como politeísmo encuberto, algo que os trinitarios negan. Segundo algúns, o Novo Testamento declara explicitamente o monoteísmo. Paulo de Tarso escribe:
para nós, porén, só hai un Deus, o Pai, do cal proceden tódalas cousas, e nós somos para el; e un Señor, Xesucristo, por medio do cal son todas as cousas, e nós por medio del.
Dentro dos que se denominan cristiáns, existen puntos de vista diverxentes en canto á natureza da Deidade, que se fixeron presentes durante a historia. Porén, existen tres principais correntes de interpretación: o Trinitarismo, Unicidade de Deus e Unitarismo. Os crentes da Unicidade de Deus, ó igual que o unitarismo, consideran que o trinitarismo debilita o monoteísmo estrito ensinado pola Biblia e teiman en que a Deidade non pode dividirse en persoas e que Deus é absolutamente un.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Monotheism", Britannica, 15th ed. (1986), 8:266.
- ↑ Encyclopædia Britannica Online, art. "Monotheism" Accessed 23 January 2013, http://www.britannica.com/EBchecked/topic/390101/monotheism
- ↑ Cross, F.L.; Livingstone, E.A., eds. (1974). "Monotheism". The Oxford Dictionary of the Christian Church (2 ed.). Oxford: Oxford University Press.
- ↑ Increpación do ano 600 a.C. atopada na rexión de Sefelah, antigo reino de Xudea.
- ↑ Jean Soler "L'invention du monotheisme"
- ↑ Robert Paris "L´ancien testament des hebreux"
- ↑ Jean Soler "Pourquoi le monotheisme"
- ↑ Thomas Kuhn
- ↑ Shlomo Sand "Como fué inventado el pueblo judío"
- ↑ Deuteronomio 7-3: "Non emparentes con eles, non lles déa-la túa filla para un fillo deles, nin cólla-la filla deles para un fillo teu".
- ↑ Michel Onfray "Traité d´atheologie"
- ↑ Neil de Grasse conferencia "o deus dos buratos"
- ↑ Conferencias de William Lane Craig
- ↑ Ezequiel 38-39
- ↑ Apocalipse de San Xan
- ↑ Sunan Abu-Dawud, Book 36: The Promised Deliverer (Kitab Al-Mahdi) n°4271
- ↑ Onfray "Traité d´atheologie"
- ↑ "Major Religions Ranked by Size". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2008. Consultado o 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dever, William G.; (2003). Who Were the Early Israelites?, William B. Eerdmans Publishing Co., Grand Rapids, MI.
- Köchler, Hans. The Concept of Monotheism in Islam and Christianity. Vienna: Braumüller, 1982. ISBN 3-7003-0339-4 (Google Print)
- Kirsch, Jonathan. God Against The Gods: The History of the War Between Monotheism and Polytheism. Penguin Books. 2005.
- Leibowitz, Ilya. Monotheism in Judaism as a Harbinger of Science, Magazine
- Silberman, Neil A.; e colleagues, Simon e Schuster; (2001) The Bible Unearthed Nova York.
- Whitelam, Keith; (1997). The Invention of Ancient Israel, Routledge, Nova York.