Monte da Picaraña
O Monte da Picaraña é unha montaña situada entre os concellos de Ponteareas e Mondariz, na comarca do Condado, de 387 m de altitude. Posúe dous cumios, un deles coroado cunha cruz monumental. O monte ten sona polos grandes penedos de granito nos seus bicos. Conta cunha área de lecer con grellas, albergue, capela, viacrucis e os restos dun antigo castelo.[1]
Patrimonio natural
[editar | editar a fonte]O monte conta cunha gran riqueza botánica malia ser testemuña de numerosos lumes estivais. Cun pasado vexetal formado principalmente por mato, hoxe en día, ademais da existencia de especies exóticas coma eucaliptos ou piñeiros, aínda fican exemplares de carballos e sobreiras, así coma outras especies do bosque atlántico.
Mais se por algo é coñecido este monte é polas formación xeolóxicas senlleiras. O monte conta no seu cumio con numerosos penedos de gran tamaño, moitos deles ligados a antigas lendas locais, entre os que salientan a Pena do Equilibrio e a Pena dos Namorados, moi visitada por mozas casadeiras.
Historia e patrimonio histórico
[editar | editar a fonte]O monte foi un lugar habitado dende o Paleolítico, polas súas condicións de habitabilidade favorábeis. Coma ocorre con outros moitos montes en Galicia, o seu cumio foi lugar de devoción celta dende tempos castrexos e galaicos. Hoxe en día a pegada fica a xeito de romaxe popular, que se celebra o primeiro de maio e á que acoden veciños das aldeas próximas especialmente de Ponteareas e de San Lourenzo de Oliveira. Neste lugar entre outeiros atópase a Capela da Santa Cruz, ergueita no ano 1907 e que salienta pola súa senlleira fachada abrancada. Da capela parte un viacrucis con cruces dos anos 50 que substituíron os vellos cruceiros. O viacrucis remata no cumio do outeiro máis baixo (358 m) cunha cruz monumental (restaurada en 2012). Dende este outeiro hai boas vistas de todo O Condado e o val do río Tea. Dende o bico maior óllase ben o Castelo de Sobroso, situado nunha das abas do monte. No curuto do outro outeiro situado ao norte, 27 m. máis alto ca o anterior, erguíase o castelo da Picaraña, do que só quedan uns vestixios.
No lugar onde se acha a Pena dos Namorados atopáronse elementos paleolíticos e da Idade de Ferro, coma machadas. Ademais sábese da existencia dun castro, que aínda non foi estudado ni escavado. o castro foi posteriormente romanizado e parte das súas construcións defensivas aproveitáronse para a construción do castelo medieval.
Nas abas do propio monte atópanse elementos culturais tan importantes coma o convento de San Diego de Canedo, o castro de Troña ou, moi achegado, o coñecido castelo de Sobroso.[1]
Castelo da Picaraña
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Castelo da Picaraña.
O castelo da Picaraña foi unha fortificación que existiu por un breve período de tempo no cume maior do monte onde se atopa o Penedo da Anduriña. Seguramente existise no estratéxico lugar unha fortaleza do antigo Reino de Galicia dende épocas altomedievais. No século XV o forte foi reconstruído por Pedro Madruga, inimigo dos Sarmiento. Os textos da época de Vasco de Aponte din:
- Libertado o conde de Camiña da súa prisión de Benavente na primavera de 1478, torna aos seus soeares disposto a recuperar posesións e castelos perdidos durante a súa catividade...e ergueu ao pé de Sobroso, a Picaraña...
Disque dende o castelo, Pedro Madruga ollaba moi de preto o inimigo castelo de Sobroso, contaba para a súa defensa de 5.000 soldados e 1.000 cabaleiros. Coas Revoltas irmandiñas o castelo de Sobroso foi derrubado, pero Diego García Sarmiento reconstrúe a fortaleza. Pouco despois Pedro Madruga recupéraa para a casa dos Soutomaior pero por pouco tempo, pois co seu encarceramento en Benavente (1477-1478) os Sarmiento volven a ocupar o castelo de Sobroso. Finalmente non deu conseguido se facer con Sobroso. Posibelmente o forte da Picaraña foi unha fortaleza discreta comparada co Castelo de Sobroso ou do tamén desaparecido e próximo castelo de Cans, no Porriño.
Foran os Reis Católicos, inimigos de Pedro Madruga e dos Irmandiños, os que, en 1482 derrubaron finalmente o forte xunto con moitos outros castelos do Reino de Galicia, incluído Sobroso. Os textos da época de Vasco de Aponte din:
- Co coñecido decreto dos Reis Católicos, mandado executar polo seu gobernador en Galicia Fernando de Acuña en 1482, o castelo da Picaraña foi derrubado.[2]
Do castelo hoxe só fican restos de perpiaño ciscados polas ladeiras e anacos de tégulas e cerámica espallados polo lugar. O terreo foi no pasado achaiado, o que degradou moito o sitio arqueolóxico. Salientan os restos da muralla e da torre da homenaxe sobre o Penedo da Anduriña. E é que os propios penedos do lugar formaban parte dos muros, alxibes etc. Nalgúns penedos chans poden apreciarse treitos de rebaixes na rocha onde arrincaba a cantaría como alicerces dos muros do castelo. Incluso existen unha escaleiras labradas na rocha de acceso á torre, onde aparecen marcas de ancoraxe das portas. Na parte baixa hai restos do patio de armas, que aínda conserva unha superficie socalcada e un acceso semipavimentado. Máis abaixo poderían estar as cortes dos cabalos do castelo, e o acceso sería entre dous grandes penedos.[3]
Lendas
[editar | editar a fonte]A lenda principal fala da obsesión de Pedro Madruga na vixilancia do castelo de Sobroso, cousa que case de seguro é certa. Disque na torre da homenaxe do forte da Picaraña instalaron unha catapulta que asediaba o castelo do Sobroso. Nas escaleiras de acceso á torre da homenaxe, labradas na rocha, di a lenda que é o lugar onde o cabalo dun cabaleiro cristián botou a voar cando fuxía dos mouros, e que hoxe aínda se conservan as pegadas das ferraduras nos chanzos da rocha.
O que non é tan seguro é a lenda que fala da existencia dun sistema de túneles e covas que comunicabas os dous castelos. A lenda conta do namorar entre os herdeiros de ambos os dous castelos, a filla do castelán de Sobroso co rapaz galego fidalgo da Picaraña. O mozo agardaba todas as noites a visita da rapariga, que chegaba á Picaraña coa súa doncela polos pasadizos subterráneos. Certo día foron descubertos polo pai da moza, que encerrou o mozo de por vida nos alxubes do castelo de Sobroso.[4]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
A cruz pétrea nun dos cumios do monte.
-
Pena no monte.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Monte da Picaraña na páxina web do Concello de Ponteareas". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2017. Consultado o 07 de xullo de 2017.
- ↑ María Rodríguez Serantes e Alberto Alonso de Dios: "Restos del Castillo de A Picaraña" Galicia Máxica (en castelán).
- ↑ Ponteareas Historia Viva blog.
- ↑ María Rodríguez Serantes e Alberto Alonso de Dios: "Monte de A Picaraña" Galicia Máxica (en castelán).