Morte de Keenan Anderson
Keenan Anderson foi un mozo afroamericano que sufriu un ataque cardíaco e morreu o 3 de xaneiro de 2023 despois de que o detivesen policías do Departamento de Policía dos Ánxeles (LAPD) e lle desen cunha arma de electrochoque cinco veces. A Anderson detivérano logo dun accidente de circulación. Aínda que inicialmente Anderson colaborou coa policía, aparentemente despois quixo fuxir e prendérono. Morreu en custodia policial. Segundo unha análise toxicolóxica, tomara cocaína e marihuana.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Keenan Darnell Anderson[1] tiña 31 anos cando morreu, e era mestre de lingua nun instituto da Digital Pioneers Academy en Washington, D.C. Estaba a visitar a familia que tiña nos Ánxeles durante unhas vacacións escolares de inverno.[2] Tiña fillos,[2] e tamén era o curmán de Patrisse Cullors, que foi cofundadora do movemento Black Lives Matter.[3]
Arresto e morte
[editar | editar a fonte]Na tarde do 3 de xaneiro de 2023 produciuse un accidente de tráfico na gallada entre os bulevares Venice e Lincoln, á entrada do distrito de Venice, na zona costeira da cidade dos Ánxeles. Chegoulle aviso á policía do accidente arredor das 3:35 da tarde, hora local, segundo o Departamento de Policía dos Ánxeles.[3][1] Conforme co que sinalou o xefe de policía da cidade, Miguel Rey Moore, Anderson batera co coche contra outro e tentara fuxir subindo noutro automóbil (un úber) "sen o permiso do dono".[4]
Nas imaxes da cámara corporal da policía vese como Keenan Anderson vai a correr polo medio da estrada e como lle pide a un policía en motocicleta que o axude.[5] Cando o axente foi no camiño sinalado por Anderson, atopou unhas persoas que sinalaban a Anderson[5] como o home que causara o accidente de tráfico, todo isto segundo a policía.[5]
A seguir, o policía achegouse a Anderson, que estaba aínda no medio da estrada.[5] Durante unha primeira conversa inicial, o policía díxolle a Anderson de sentar na beirarrúa e Anderson fíxolle caso.[4] Durante esa conversa, que está recollida pola cámara do peito do axente, vese que Anderson está angustiado logo do accidente e que as súas falas non son coherentes. Primeiro sinalou que alguén o quería matar,[4][5] logo que el "non quería",[5] e logo que perdera a chave do coche[5] e que viña alguén de camiño para amañarllo. Cando o policía lle preguntou quen quería matalo, Anderson respondeulle "hoxe tiven unha movida, señor. Tiña que facelo. Ou sexa... non, non, non".[1] Anderson tamén dixo que alguén lle estaba intentando "meter cousas" no coche.[6]
Ao redor de sete minutos despois, e segundo a policía,[5] Anderson tentou escapar. Nas imaxes da policía vese a Anderson de pé e pedindo auga; o oficial respondeulle que lle conseguiría algo de auga e mandoulle sentar contra a parede.[5] Anderson dixo que quería estar á vista da xente, e o axente díxolle que nese caso sentase na beirarrúa, máis preto do cruzamento, para que a xente o puidese ver.[5] Anderson botouse á rúa, o axente chamou por el para que dese a volta[5] e nesas Anderson botou a fuxir pola estrada mentres chegaban máis policías.[4]
O axente que estaba na moto alcanzou rapidamente a Anderson no medio da estrada, e xa logo chegaron outros policías de apoio[5][6] Anderson sentou, virou cara a un lado e despois fixo como que quería erguerse.[5] Entre o axente da motocicleta e outros dous policías agarraron a Anderson, que pedía auxilio a berros e dicía que a policía quería matalo.[5] "Vanme facer como a George Floyd!" dixo Anderson, referíndose a cando axentes da policía asasinaron a George Floyd en 2020.[4] Os axentes termaron de Anderson, dixéronlle que acougase e advertíronlle 13 veces que, se non paraba, usarían unha arma de electrochoque.[7][5][4] Nas imaxes vese como Anderson di que os policías son "actores" e berra "C Lo",[5] aparentemente o nome dunha persoa. Nesas, a policía prende máis forte a Anderson e danlle coa arma de electrochoque polo menos seis veces.[8]
A policía entón alxemou as mans de Anderson e atárono polas pernas.[5] Mentres tanto, Anderson dicía "isto é unha farsa.. non son policías",[6] e despois "cren que matei a C Lo... Están tentando sedarme... Sei demasiado... Sedáronme".[6]
Despois da detención, a Anderson levárono a un hospital local onde, segundo a policía, morreu dunha parada cardíaca aproximadamente catro horas e media despois.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Burke, Minyvoone (12 de xaneiro de 2023). "Black Lives Matter co-founder's cousin dies after L.A. police blasted him with a Taser". NBC News (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023.
- ↑ 2,0 2,1 Chan, Stella; Wolfe, Elizabeth (13 de xaneiro de 2023). "Keenan Anderson, cousin of Black Lives Matter co-founder, dies from cardiac arrest after being tased by Los Angeles police". CNN (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023.
- ↑ 3,0 3,1 Levin, Sam (12 de xaneiro de 2023). "Teacher and cousin of Black Lives Matter founder 'Tased to death' by LAPD". The Guardian (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Drenon, Brandon (12 de xaneiro de 2023). "Keenan Anderson: Black Lives Matter founder's cousin dies after police arrest". BBC News (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 5,14 5,15 5,16 Chinchilla, Rudy (12 de xaneiro de 2023). "3 Men Dead After Encounters With Police, Prompting LAPD Investigations". NBC Los Angeles (en inglés). Consultado o 13 de xaneiro de 2023.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Rodriguez, Matthew (11 de xaneiro de 2023). "LAPD chief expresses deep concern towards string of fatal police encounters". KCAL-TV / CBS News. Consultado o 13 de xaneiro de 2023.
- ↑ "Videos". FOX 11 Los Angeles (en inglés). 2023-01-11. Consultado o 2023-01-16.
- ↑ Wolfe, Stella Chan,Elizabeth (2023-01-13). "Keenan Anderson, cousin of Black Lives Matter co-founder, dies from cardiac arrest after being tased by Los Angeles police". CNN (en inglés). Consultado o 2023-01-16.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- As imaxes da cámara corporal aparecen no vídeo de YouTube. Pacific Area ICD 1/3/2023 (NRF002-23) do Departamento de Policía dos Ánxeles o 12 de xaneiro de 2023.