Mosteiro de San Clodio de Leiro
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Mosteiro de San Clodio de Leiro | |
---|---|
Vista xeral dende o leste | |
País | España |
Localización | San Clodio (Leiro) |
Coordenadas | 42°22′03″N 8°06′54″O / 42.367375, -8.114908 |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Clodio é un mosteiro medieval situado na parroquia de San Clodio, no concello de Leiro (Comarca do Ribeiro). En 1931 foi declarado Monumento Histórico Nacional.
Historia
[editar | editar a fonte]As súas orixes posiblemente se remonten ao século VI, cara ao ano 554 (segundo recolle o padre Yepes na súa Crónica da orde de san Bieito), relacionándose cos feitos ocorridos durante a persecución ariana en tempos de Requila, concretamente o martirio e morte do abade de san Claudio de León e varios monxes. O resto da comunidade fuxiu e buscou refuxio no val do río Avia, onde fundaron un novo mosteiro. Aínda todo isto, á vista das fontes, resulta difícil manter a existencia dunha fundación anterior ao século X.
A tradición data a súa fundación no ano 928 por parte de don Álvaro e dona Sabita como mosteiro patrimonial e dúplice, dedicándose aos santos Clodio, Lupercio e Vitoria.
A mediados do século XII, 1151 ou 1158, acolleuse á orde de San Bieito a través da importante figura do abade Pelaxio, dentro da beneditinización promovida durante o reinado de Afonso VI o dominio da zona por Raimundo de Borgoña e a presidencia do bispo Dalmacio, monxe cluniacense, na Iria Flavia entre 1094 e 1095. No Capítulo Xeral de 1225 adscribiuse, a través do mosteiro de Melón, á orde cisterciense.
En 1510, dentro da reforma do clero regular impulsada polos Reis Católicos, o mosteiro foi cedido á Congregación cisterciense de Castela por un abade dimisionario, confirmándose a incorporación na década de1530. Neste mosteiro escribíronse os derradeiros documentos do clero regular en lingua galega durante os Séculos Escuros, trátase dun foro e unha licenza datados en 1532.[1] En 1779 tiña no seu poder catro freguesías e catorce coutos.
Coa desamortización destinouse a cuartel da Milicia Nacional, sendo na práctica abandonado. A vida monacal recomezouse en 1891 por parte de monxes beneditinos ata a súa conversión actual en hotel de luxo[2].
Descrición
[editar | editar a fonte]No mosteiro non fican restos anteriores ao século XVI, en que foi totalmente reconstruído, a excepción da fachada da igrexa primitiva, que é unha das únicas tres cistercienses que se conservan en Galiza (as outras son as da Armenteira e Meira), e as trabes románicas.
Igrexa
[editar | editar a fonte]A Igrexa é unha das poucas igrexas conservadas do Císter. Construída entre 1220 a 1250, é de planta basilical, de tres naves de catro tramos cada unha e cun cruceiro que non se marca nin en planta nin en alzado, e cabeceira composta por tres ábsidas semicirculares de distintas alturas, das cales a central está máis destacada.
Nun principio cubríanse as naves con cubertas de madeira a dúas augas (consérvanse as antigas vigas románicas), substituíndose coa incorporación á Congregación de Castela por bóvedas nervadas que alteraron os piares e a iluminación proveniente das ventás e rosetóns. Na actualidade o primeiro tramo recto da ábsida central cóbrese con bóvedas nervadas de crucería cuadripartita e o resto con bóvedas de canón apuntado e forno. Os arcos triunfais, igual que os forneiros e os faixóns das naves laterais, son apuntados.
Os capiteis do templo e as resolucións decorativas enlázano cos mosteiros de Melón ou Oseira e outros galegos, e falan de mestres errantes.
No exterior a cabeceira mantén os seus volumes, destacando a capela central. As ventás desta capela presentan arcos moldurados, e nas laterais redúcense a un simple arco liso sobre as xambas. Os beirados amosan canzorros moi sinxelos con motivos xeométricos.
A fachada do século XIII presenta tres rúas separadas mediante contrafortes, e en dous corpos mediante unha sinxela imposta, e tres arquivoltas aboceladas e un arco escarzano do século XVI sobre o que pende a moldura dun antigo rosetón (hoxe transformada en ventá rectangular) e outros dous nas naves laterais, transformados en óculos sen trazaría. O conxunto remata no suroeste cunha torre rectangular dun só piso.
Os claustros
[editar | editar a fonte]Conserva dous claustros, o occidental mestura dos estilos gótico e clasicista, e o oriental de claro estilo renacentista, obra da escola de Rodrigo Gil de Hontañón.
Ao occidental ou procesional chégase a través dun vestíbulo, á esquerda do cal se abre a actual recepción do hotel. É de planta cadrada, con vinte e oito arcos de medio punto e bóveda de crucería de estrela, de nervios profusamente moldurados, con claves colgantes. O piso superior mostra similares arcos de medio punto sobre impostas lisas con ventá rectangular e un óculo ovalado. Construíuno no século XVII o mestre Pedro de la Sierra, discípulo de Simón Monasterio. Adórnase cun camelio, un adelfo e un reloxo de sol.
O oriental ou doméstico estrutúrase nun primeiro piso con trinta e dous arcos de medio punto sobre esveltas columnas, ás veces con medallóns nas enxutas, e un segundo piso as máis das veces con linteis sobre zapatas apoiadas en columnas.
A fachada
[editar | editar a fonte]Na fachada renacentista do mosteiro sitúanse tres escudos na parte superior do balcón: o escudo da Abadía, o de España, coa aguia bicéfala, e o da Congregación cisterciense de Castela á que pertencía o mosteiro cando se construíu a fachada.
Situación actual
[editar | editar a fonte]Na actualidade atópase completamente restaurado e alberga un hotel monumento de catro estrelas, sendo visitables gran parte das súas estancias. A restauración foi financiada pola Xunta de Galicia nas súas tres cuartas partes e pola cadea hoteleira Hotusa, que ofrece 25 cuartos e diversas salas. Ademais, estanse a recuperar as vides e terras do seu redor.
Os claustros pódense visitar practicamente todo o día; a igrexa abre os domingos para a misa, aínda que se pode visitar se se solicita na recepción.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Callón Torres, Carlos (2022). O libro negro da lingua galega. Xerais. p. 66. ISBN 978-84-1110-119-6.
- ↑ Hotel Monumento Monasterio de San Clodio en Proxecto ARGA: Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mosteiro de San Clodio de Leiro |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lucas Álvarez, Manuel; Lucas Domínguez, Pedro (1996): El monasterio de San Clodio do Ribeiro en la edad media: estudio y documentos. Galicia Medieval: Fontes. Ediciós do Castro.
- Goy Diz, Ana (2005): O Mosteiro de San Clodio de Leiro. Guías do patrimonio cultural. Fundación Caixa Galicia.
- Fernández González, Frutos (2008): O padrón de San Clodio de 1580. Estudo histórico e onomástico. Santiago de Compostela: Asociación Galega de Onomástica.