Saltar ao contido

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil
Fachada do mosteiro
PaísEspaña
LocalizaciónCaxide (Parada de Sil)
Coordenadas42°23′45″N 7°35′18″O / 42.39583333, -7.58833333
EstiloArte románica
editar datos en Wikidata ]
O mosteiro na aba do monte Varona

O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil é unha construción cristiá medieval, situada a carón do río Sil.

Situación

[editar | editar a fonte]

Atópase no souto de Merilán, na aba do monte Varona, no lugar de Castro, pertencente á parroquia de Caxide (Parada de Sil).

As orixes da comunidade monástica de Santa Cristina son imprecisas. As primeiras mencións están documentadas cara a finais do século X, malia que non se conservan restos arquitectónicos ou epigráficos do edificio orixinal prerrománico. Como noutros centros monásticos fundados ao abeiro das ribeiras do curso final do río Sil, zona na que se conservan restos de antigos asentamentos relixiosos de carácter ascético, posiblemente foi inicialmente unha ermida, transformándose posteriormente nun cenobio.

O couto xurisdicional do mosteiro chegaba até o cumio de Cabeza de Meda, con dominio sobre un amplo tramo do río Sil. As características propias do espazo xeográfico do dominio condicionaron as bases económicas e os fundamentos da vida material do mosteiro. O terreo é escarpado e sitúase a certa altitude, o que impide a agricultura, se ben permite a explotación de produtos como os castiñeiros ou a vide, así como o aproveitamento dos recursos fluviais. A mención na documentación medieval da existencia de numerosas granxas e centros de recolección das colleitas, onde se recibían as rendas e décimos, evidencian a bonanza económica do mosteiro, iniciada no século XII coas cartas de aforamento de cesión de terras e propiedades ao campesiñado a cambio do pago de rendas, ao tempo que o mosteiro recibe a concesión de importantes privilexios reais e a protección papal.

Logo de varios séculos de decadencia, en 1508 pasou a depender en calidade de priorado do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. O seu declive culminou en 1835 coa desamortización, pasando a ser destinado a granxa de labor.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Está formado polo templo románico e unha serie de dependencias distribuídas en torno ao patio claustral.

A igrexa é representativa da evolución das tendencias e cambios estilísticos de finais do século XII e principios do XIII, sendo un bo expoñente do esplendor arquitectónico do románico galego e da importancia da labor escultórica dos mestres medievais que nel traballaron. Ten unha única nave, con cruceiro destacado e tres ábsidas semicirculares no testeiro. O primitivo corpo románico da nave (probablemente destruído) foi substituído por unha nave máis estreita no primeiro terzo do século XIII, co cambio de estilo cara ao gótico.

A alta torre do campanario conforma un elemento arquitectónico protogótico singular, integrada na cuberta norte do claustro e rematada en forma piramidal.

Consérvase unha talla manierista de San Pedro feita por Xoán de Anxés a finais do século XVI, e retablos barrocos. A retirada destes barrocos en 1990 durante a restauración do templo destapou pinturas murais de mediados do século XVI.

O resto das dependencias do mosteiro conforman coa igrexa a típica disposición da orde de San Bieito, en ángulo recto, pervivindo a primitiva portada románica que dá entrada ao claustro.

Os espazos medievales do mosteiro, constituídos polas distintas estancias comúns comunicadas polo claustro, desapareceron en época moderna, como parte da reforma do edificio emprendida no século XVI trala incorporación a Santo Estevo, e foron substituídos por dous funcionais corredores cubertos e dispostos en ángulos sen pechar. Na dependencia anexa á igrexa, habilitada para sancristía, consérvanse pinturas murais do século XVIII, coa representación dos escudos da orde de Calatrava e de Santo Estevo, que se suman ás do interior da igrexa, de notorio sabor popular.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]