Motoori Ōhira
Nome orixinal | (ja) 本居大平 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 17 de marzo de 1756 Matsusaka, Xapón |
Morte | 23 de outubro de 1833 (77 anos) |
Actividade | |
Ocupación | lingüista |
Empregador | Domínio de Wakayama (pt) |
Profesores | Motoori Norinaga |
Alumnos | Yamanouchi Shigeki (en) |
Familia | |
Parentes | Motoori Norinaga, pai adoptivo |
Motoori Ōhira (xaponés: 本居 大平), nado o 17 de marzo de 1756 e finado o 23 de outubro de 1833, foi un erudito do movemento Kokugaku, sucesor de Motoori Norinaga como líder da súa escola.[1] O seu pseudónimo era Fuji no Kakitsu (藤 垣内).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ōhira naceu en Matsuzaka, na provincia de Ise (actual prefectura de Mie). Foi o fillo de Inagake Munetaka, un mercador e discípulo de Motoori Norinaga. Ōhira entrou tamén na escola de Norinaga aos 13 anos, e foi adoptado por este aos 44. O autor herdou a casa familiar dos Norinaga ao finar este, xa que o primoxénito, Motoori Haruniwa, estaba cego. En 1802, Ōhira recibiu orde de traballar no dominio de Wakayama, do que Norinaga fora servo. Xa que logo, a escola escindiuse co traslado de Ōhira en 1809: unha das pólas, dirixida por Haruniwa, quedou afincada en Matsuzaka, e a outra, a de Ōhira, estableceuse en Wakayama.
Ōhira foi unha persoa amable, polo que gañou a confianza do seu señor, ao que ensinou a literatura clásica xaponesa. Editou o Ise zoku fudoki 伊勢続風土記, unha obra de corografía sobre a provincia de Ise. Chegou a ter uns 1 000 discípulos.
Obra
[editar | editar a fonte]O pensamento de Ōhira seguiu con fidelidade ao do seu mestre Norinaga. Na liña do Kokugaku, criticou os supostos efectos nocivos da introdución do budismo e das correntes intelectuais chinesas no Xapón.[2] Por exemplo, considerou a adoración pola figura de Buda unha falta de respecto ao Emperador e aos kami, e puxo en cuestión os costumes funerarios budistas.[2] Tamén citou ao confucianismo como unha influencia negativa.[2]
Publicacións
[editar | editar a fonte]- Kogaku no kaname 古学要 ("Fundamentos dos estudos clásicos")
- Tamahoko hyakushukai 玉鉾百首解 ("Explicación de 100 poemas do tamahoko")
- Kagurauta shinshaku 神楽歌新釈 ("Unha nova interpretación das cancións kagurata")
- Yasoura no Tama 八十浦之玉 ("A xoia de oitenta ura")
- Inabashū 稲葉集 ("Escolma de Inaba")
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Kornicki 2001, p. 217.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Tanaka 2014, p. 228-229.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Kornicki, Peter Francis (2001). The Book in Japan: A Cultural History from the Beginnings to the Nineteenth Century (en inglés). University of Hawaii Press. ISBN 0-8248-2337-0.
- Tanaka, Kōji (2014). Motoori Norinaga: bungaku to shisō no kyojin [Motoori Norinaga: un xigante da literatura e o pensamento] (en xaponés). Chūōkōron shinsha. ISBN 9784121022769.