Saltar ao contido

Macroscelídeos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Musarañas elefante»)
Macroscelideos
Macroscelidea
Musarañas elefante

Rango fósil: oligoceno temperán - actualidade

Macroscelides proboscideus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia (= Eutheria)
Superorde: Afrotheria
Orde: Macroscelidea
Butler, 1956
Familia: Macroscelididae
Bonaparte, 1838
Xéneros
Elephantulus brachyrhynchus.
Elephantulus fuscus.
Macroscelides flavicaudatus.
Petrodromus tetradactylus.
Rhynchocyon petersi.

A dos macroscelídeos (Macroscelidea) é unha orde de mamíferos placentarios afroterios coñecidos vulgarmente como musarañas elefante.[1]

Comprende 16 especies vivas agrupadas en 4 xéneros nunha única familia actual, a dos macroscelídidos (Macroscelididae).[2]

Son pequenos animais cun fociño longo e patas traseiras alongadas, que viven no solo e se alimentan principalmente de insectos. Todas as especies da orde habitan no continente africano.

Antigamente incluíanse na orde dos insectívoros, hoxe en desuso, xunto aos ourizos, musarañas e toupas.

Características

[editar | editar a fonte]

As musarañas elefante teñen un certo parecido coas musarañas, pero son de maior tamaño. Alcanzan unha lonxitude corporal de 10 a 31 cm e teñen unha cola de 8 a 25 cm de longo. O seu peso varía entre os 25 e os 280 g. Porén, os máis grandes rincocións (Rhynchocyon) poden alcanzar un peso de até 700 g.

A pelaxe no dorso varía, dependendo do seu hábitat, desde un gris amarelado até un café avermellado. Os rincocións e o petródomo (Petrodromus tetradactylus) teñen, ademais, raias e manchas na pelaxe. A superficie ventral é dunha cor máis clara, maioritariamente branca ou gris clara.

Estes animais teñen ollos grandes e redondos, e un fociño móbil moi alongado en forma de trompa.

Teñen as patas longas e delgadas. As patas traseiras son máis longas que as dianteiras. Os dedos polgares son moi pequenos ou faltan completamente. As patas traseiras están concibidas para avanzar a saltos. Como moitos outros mamíferos, as musarañas elefante páranse e camiñan apoiándose nos dedos das súas patas (dixitígrados).

Posúen unha longa cola, case pelada, que ten certo parecido á dunha rata.

As musarañas elefante marcan o seu territorio coas secrecións que producen coas glándulas odoríferas da parte inferior da cola, e con outras glándulas situadas nas patas, peito e ano.

As femias teñen de dous a tres pares de mamas.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

A orde foi fundada en 1956 polo zoólogo británico Percy M. Butler (1912 - 2015).[1]

A familia describiuna en 1838 o naturalista francés Charles Lucien Bonaparte, en Nuovi Ann. Sci. Nat. 2: 111.[2]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Os nomes da orde, e da familia, derivan do nome do seu xénero tipo, Macroscelides, coas desinencias do latín científico -idea e ´-ídae, respectivamente (ambos os elementos derivan do grego antigo εἴδος eídos, "aspecto", "aparencia", "forma").

O nome do xénero tipo, Macroscelides, está formado polos elementos do latín científico macro-, calco do grego μακρο- makro (de μακρός makrós, "longo"), e -scelides, tirado do grego antigo σκέλος skélos, "pata". Literalmente: "o de patas longas".[3]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A orde, e a súa única familia comprende actualmente 16 especies divididas en 4 xéneros:[2]

Orde Macroscelidea

Nota: algúns autores, como Haltenorth, reducen o número de especies a 12,[4] mentres que outros, como na EOL, amplíano a 17.[5]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

As musarañas elefante só se encontran no continente africano, principalmente en África central, oriental e meridional. A súa área de distribución esténdese desde Somalia, o sur do Sudán e a República Democrática do Congo até Suráfrica. Só unha especie, o asarfif ou musaraña elefante norteafricana (Elephantulus rozeti), vive no noroeste do continente, entre Marrocos e Libia.

Estes animais habitan nunha gran variedade de hábitats, desde desertos e terreos rochosos até sabanas e selvas tropicais.

  1. 1,0 1,1 Schlitter, D. A. (2005): "Order Macroscelidea", en Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference 3rd ed. Baltimore, Mryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0. pp. 82–85.
  2. 2,0 2,1 2,2 Macroscelididae Bonaparte, 1838 en MSW.
  3. myEtymology Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine..
  4. Haltenorth & Diller (1986).
  5. Macroscelididae na EOL.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): "Elephants Scheews, Macroscelididae", en: A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2. pp. 313–320.
  • Rathbun, Galen B. (1984): en Macdonald, D., ed. The Encyclopedia of Mammals. Nova York: Facts on File. ISBN 0-87196-871-1, pp. 730–733.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]