Saltar ao contido

Museo Casa de la Bola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo Casa de la Bola
Coordenadas19°24′17″N 99°11′19″O / 19.40472222, -99.18861111
PaísMéxico
CidadeCidade de México, Miguel Hidalgo e Tacubaya
TipoCasa museo (artes decorativas).
AdministradorFundación Cultural Antonio Haghenbeck y de la Lama IAP.
ConstruciónSéculo XVI (modificacións nos séculos XIX e XX.
Na rede
Páxina oficial
editar datos en Wikidata ]

O Museo Casa de la Bola é un museo especializado nas artes decorativas situado no edificio coñecido como Casa de la Bola, sito no parque Lira, no barrio de Tacubaya da Cidade de México.

As instalacións utilízanse tamén para a celebración de eventos sociais diversos.

Orixe do nome

[editar | editar a fonte]

Descoñécese de onde provén o nome desta casa señorial, mais especulouse con que se poida deber a un desaparecido ornamento en forma de esfera ou bóla na parte superior da súa fachada ou no patio, ou tamén con que no século XIX se organizase aí unha revolta, dado que nesa época a xente adoitaba chamar la bola a estes feitos.[1]

Historia do edificio

[editar | editar a fonte]
Detalle da efixie de Juan Suárez de Peralta, na fachada da Casa de la Bola.

Crese que o edificio existe desde o século XVI, aínda que os primeiros documentos relativos á súa propiedade datan de 1600. Ergueuse nuns terreos que naquela época contaban con oliveirais e plantacións de agave para a produción de aceite e dun licor chamado pulque.[1][2] Os terreos foran propiedade do crioulo novohispano Juan Suárez de Peralta, cuxa imaxe aparece esculpida nun medallón no alto da fachada do edificio.[3][4]

A casa tivo desde aquela 19 propietarios; o primeiro deles foi Francisco Bazán Albornoz, —inquisidor apostólico do Santo Oficio—, José Justo Gómez de la Cortina —Conde de La Cortina—, Ana María Rosso ou José María Rincón Gallardo —Marqués de Guadalupe—. Na segunda metade do século XIX a casa seguiu a ser propiedade de distintos membros da familia Rincón Gallardo.[1][2]

A principios do século XX, o arquitecto Manuel Cortina remodelou a fachada cun marcado estilo neocolonial.[1]

O derradeiro dono foi Antonio Haghenbeck y de la Lama, que llo adquiriu en 1942 ao seu curmán Joaquín Cortina Rincón Gallardo. Ao longo da década de 1940 renovou o edificio e acondicionouno. Haghenbeck consolidou a súa estrutura e engadiulle algúns elementos, entre eles unha terraza, e converteuno no seu fogar, amoblándoa e decorándoa cunha moblaxe suntuosa, tapices, cortinaxes, espellos, candís e moitas obras de arte de procedencia europea e mexicana, converténdoa así nunha mansión dun estilo ecléctico do que gustaba naquela época a alta burguesía e a aristocracia mexicana, que é como hoxe se mantén.[1][5]

Xardíns interiores da Casa de la Bola.

En 1991 —o ano do seu falecemento—, Antonio Haghenbeck deixou instituída a Fundación Cultural Antonio Haghenbeck y de la Lama (FCAHL), que é a que se encarga da xestión deste lugar, así como doutras dúas propiedades, como casas museo.[1][2] A Fundación está inscrita na Xunta de Asistencia Privada da Cidade de México,[6] e para o sostemento dos seus museos dispón de diversos recursos grazas ao alugamento dalgúns espazos para a celebración de eventos, como o patio e os xardíns con fontes e estanques da Casa de la Bola, que na década de 1990 foi acondicionado cun novo sollado e unha cubrición de metal e material sintético.[7]

Segundo a tradición oral, na Casa de la Bola hospedáronse algúns visitantes ilustres, entre outros, La Güera Rodríguez, a Marquesa Calderón de la Barca e José Zorrilla, autor de Don Juan Tenorio, quen durante a súa estadía en México viviu en Tacubaya.[1]

Exposición permanente

[editar | editar a fonte]

O interior da casona mantén a atmosfera dunha mansión da aristocracia mexicana de finais do século XIX. Conta con 11 salóns e dúas bibliotecas, nos que hai unha variada selección de moblaxe, candís, tapices de seda, espellos, manuscritos, pinturas, reloxos, esculturas e obxectos decorativos diversos dos séculos XVI a XX.[2][5]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 González Gamio, A. (2007). "La Casa de la Bola". En La Jornada. 4 de febreiro.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 "Museo Casa de la Bola: un lugar donde no pasa el tiempo". Mexicodesconocido.com.mx
  3. Márquez, M. A. (2011). Vida y obra de Don Juan Suárez de Peralta. Universidad Nacional Autónoma de México. Páxinas 13-15.
  4. Fernández del Castillo, A. (1991). Tacubaya: historia, leyendas y personajes. Porrrúa, México. Páxina 159. ISBN 9789684524712
  5. 5,0 5,1 "Museo Casa de la Bola". SIC.cultura.gob.mx
  6. "Directorio de las instituciones de asistencia privada". JAP.cdmx.gob.mx
  7. "Museo Casa de la Bola". Museoshaghenbeck.mx

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]