Saltar ao contido

Mytilus edulis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mytilus edulis é unha especie de molusco bivalvo mariño da subclase dos pteriomorfios que é o tipo da orde dos mitílidos, da superfamilia dos mitiloideos e da familia dos mitílidos.[1]

Esta especie, cunha ampla área de dispersión, é obxecto de uso comercial e cultívase amplamente en acuicultura intensiva (mitilicultura). Cunchas baleiras encóntranse comunmente nas praias de todo o mundo.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1798 polo naturalista e taxónomo sueco Carl Linnaeus na páxina 705 do volume 1º da 10ª edición do seu Systema Naturae.[2]

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Para a do xénero véxase Mytilus

O epíteto específico, edulis, é un termo latino que significa "comestíbel".[3][4][5]

Notas taxonómicas

[editar | editar a fonte]

Durante moitos anos considerouse a especie Mytilus galloprovincialis como conespecífica con Mytilus edulis. Hai pequenas diferenzas entre elas na forma da cuncha e na cor do bordo do manto; e aínda hoxe para algúns autores a súa separación en dúas especies distintas non está debidamente xustificsda, dado que en zonas onde conviven xuntas ambas as especies prodúcense hibridacións.[6]

Xa en 1957 Hepper identificou o M. galloprovincialis na costa sur de Inglaterra, identificación que foi confirmada por outros autores. No caso concreto do mexillón galego, estudos xenéticos levados a cabo por investigadores das universidades de Santiago e de Vigo a partir de 1970 corroboraron que a especie presente nas nosas costas —coma no resto das costas españolas— era o M. galloprovincialis e non M. edulis, como se admitía até entón.[7]

O complexo Mytilus edulis

[editar | editar a fonte]

Realmente este problema afecta a un grupo de (polo menos) tres taxons de mexillóns estreitamente relacionados, coñecido como "o complexo Mytilus edulis". Colectivamente ocupan ambas as costas do Atlántico Norte (incluído o Mediterráneo) e do Pacífico Norte en augas desde temperadas a polares,[8] así como costas de natureza similar do hemisferio sur. A distribución dos taxons compoñentes foi modificada recentemente como resultado da actividade humana (especies invasoras). Estes taxons poden hibridarse entre si, se están presentes na mesma localidade.

O complexo constitúeno:

Mytilus edulis sensu stricto

[editar | editar a fonte]

Mytilus edulis é orixinario da costa atlántica de América do Norte, pero alí encóntrase mesturado con M. trossulus ao norte de Maine. No Atlántico do Canadá, encontrouse que M. trossulus tiña valores de crecemento da cuncha máis pequenos que M. edulis, e que contiña menos carne que M. edulis. Tendo presente isto, estímase que M. edulis, en condicións de cultivo de bateas, ten un valor económico de 1,7 veces maior que M. trossulus.[10]

En Europa atópase desde a costa atlántica francesa estendéndose cara ao norte até Nova Zembla e Islandia, pero non no mar Báltico. En Francia e nas Illas Británicas, hibrídase con Mytilus galloprovincialis, e ás veces tamén se mestura con M. trossulus.[9]

A liñaxe xeneticamente distinta de M. edulis presente no hemisferio sur foi atribuída á subespecie Mytilus edulis platensis (hoxe Mytilus platensis).[9]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Véxase máis arriba.

M. edulis é un invertebrado que vive en ambientes boreo-temperados que vive en áreas intermareis unido a rochas e outros substratos duros mediante estruturas fortes (e un tanto elásticas) constituídas por fíos de biso, segregados por glándulas situadas no do mexillón.

Características

[editar | editar a fonte]

A forma da da súa cuncha é triangular e alongada, con bordos arredondados. A cuncha é lisa esculpida de finas liñas de crecemento concéntrico, pero sen costelas. As cunchas desta especie son de cor púrpura, azul ou ás veces marrón, ocasionalmente con raias radiais. A superficie exterior da cuncha está cuberta polo perióstraco que, erosionado, expón a capa calcítica prismática de cores variadas. Son semisésiles, tendo a capacidade de desprenderse do substrato e volver a unirse a outra superficie, permitindo que o molusco se adapte en relación á posición da auga.

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Os mexillóns teñen os sexos separados. Unha vez que os gametos están completamente desenvolvidos son liberados na columna de auga para a fecundación. Aínda que hai uns 10 000 espermatozoides por óvulo, nunca se fecundan grandes proporcións dos óvulos, e tan só o 1 % das larvas que maduran chegan até a idade adulta, xa que a maioría son depredadas antes de completar a metamorfose.[11]

A estratexia reprodutiva de Mytilus edulis é característica dos planctotrófitos, ao minimizar os nutrientes na produción de óvulos até o mínimo que son capaces de maximizar o número de gametos producidos. Se o mexillón adulto está tenso durante o inicio da gametoxénese, o proceso termínase. Cando está estresado mentres están presentes os gametos frescos, o mexillón adulto reabsorbe estes. A viabilidade das larvas tamén está afectada pola condición dos pais: altas temperaturas da auga, contaminantes e escaseza de alimentos durante a produción de gametos. A redución da viabilidade débese probablemente á falta de reservas de lípidos nos óvulos.[12]

Desenvolvemento larvario

[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento larvario pode durar de 15 a 35 días, dependendo das condicións ambientais incluída a salinidade e a temperatura. As larvas orixinarias de Connecticut maduran normalmente a 15-20 °C, aínda que a 15 °C o desenvolvemento normal prodúcese en salinidades entre 15 e 35 ppt e 20 a 35 ppt a 20 °C.[13][14]

A primeira etapa do desenvolvemento é o embrión ciliado, que a 24 horas da fecundación forma a larva trocófora. Neste momento, aínda que móbil, segue confiando na xema para obter os nutrientes. Caracterizadao por unha boca funcional e unha canle alimentaria, o estadio velixer tamén ten cilios que se usan para filtraren alimentos e para a propulsión. Unha fina cuncha translúcida é segregada pola glándula do biso. A velixer segue madurando formando a cuncha. Na fase final do desenvolvemento na velixer fórmanse manchas fotosensíbeis para os ollos e un alongado cunha glándula bisal.[15]

Unha vez que a velixer está completamente desenvolvida, o pé esténdese e entra en contacto co substrato. O contacto inicial co substrato é frouxo. Se o substrato é adecuado, a larva metamorfoséase á forma xuvenil, e unirase ao substrato cos fíos de biso. O mexillón permanecerá nese estado até alcanzar 1-1,5 mm de lonxitude. En ambientes protexidos, as grandes masas ás veces forman capas que ofrecen refuxio e comida para outros invertebrados. O fío do biso é segregado por glándulas situadas no pé do mexillón e están constituídas por proteínas polifenólicas que serven como bioadhesivo.[15]

Agregación

[editar | editar a fonte]

Estes mexillóns forman ocasionalmente aglomeracións ou agregados de numerosos individuos cando a densidade de poboación é baixa. Os mexillóns únense uns a outros a través de cordas formadas por proteínas coláxenas dos fíos do biso. Os agregados obsérvanse principalmente nos "campos de mexillón", que son poboacións de mexillón de curta duración, que normalmente presentan un patrón de distribución agrupado.[16]

Hai unha hipótese que suxire que os mexillóns forman estes agregados para aumentaren o éxito reprodutivo en poboacións de baixa densidade.[17] Porén, esta hipótese ten que ser probada de xeito concluínte. Entre os posíbeis motivos deste comportamento serían o de resistir á acción das ondas e aumentar o fluxo de auga a través dos sifóns do mexillón. Os "capos de mexillón", ou "leitos de mexillón" son poboacións persistentes e densas de mexillón. Fórmanse e persisten o tempo suficiente para establecer unha densa poboación.[16] Así, en áreas onde este mexillón está ameazado, como no mar de Wadden, é de grande importancia mellorar a supervivencia dos campos de mexillón, dos cales os agregados de mexillón son o compoñente primario.

Depedadores

[editar | editar a fonte]

A depredación deste mexillón é maior durante as tres semanas que pasa como larva planctónica. Durante esta etapa é susceptíbel ao ataque de medusas e larvas de peixes. Unha vez que se produce a metamorfose, o mexillón segue restrinxido pola depredación, especialmente os mexillóns máis pequenos e de cunchas máis débiles. Cando as cunchas se fan máis fortes, os mexillóns son presa de estrelas de mar, como Asterias vulgaris, así como por varias especies de gaivotas. A capacidade de engrosamento das cunchas dos mexillóns converteuse nun mecanismo de defensa moi efectivo. En presenza de depredadores, o mexillón é capaz de aumentar o grosor da casca do 5 ao 10 %, o que á súa vez fai que a apertura da cuncha leve un 50 % máis de tempo.[18] Os mexillóns pequenos tamén son presa da Nucella lapillus.[19]

M. edulis pode loitar contra depredadores como a estrela do mar Asterias vulgaris ou o cangrexo Carcinus maenas. Usan as súas defensas fortalecendo o músculo adutor ou mediante o crecemento de cunchas máis grosas. Cando se enfrontan a dúas especies á vez, xa non é capaz de usar as súas defensas e pode ser atacado máis facilmente.[20]

Por outra parte, este mexillón pode albergar unha ampla gama de parasitos, aínda que estes normalmente non lle causan moito dano.[Cómpre referencia]

Usos e servizos ao ecosistema

[editar | editar a fonte]

Os mexillóns son organismos filtradores e desempeñan un papel fundamental nos estuarios ao eliminaren bacterias e toxinas.[21]

Mytilus edulis apáñase habitualmente como alimento en todo o mundo, tanto de fontes silvestres como de granxas de cultivo. O mexillón é un elemento fundamental de moitos pratos de marisco en varias cociñas, incluídos os españois (especialmente os galegos), portugueses, franceses, neerlandeses, belgas e italianos. Tamén se usan como animais de laboratorio. Estes mexillóns tamén foron colleitados polos pobos indíxenas norteamericanos.[21]

As poboacións desta especie comezan a diminuír en zonas como o golfo de Maine. As referencias históricas demostraron un descenso de preto do 40 % nos últimos cincuenta anos.[22] Isto pode causar un problema futuro porque os mexillóns son especies que fornecen lugares para vivir e protexen a outros pequenos animais na zona intermareal, como peixes pequenos, ademais de filtraren a auga. Os mexillóns filtran bacterias, metais e toxinas, que aumentarían significativamente sen os mexillóns.[23]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Mytilidae Rafinesque, 1815 no WoRMS.
  2. Linnaeus, C. 1758.
  3. edūlis en Charlton T. Lewis and Charles Short (1879): A Latin Dictionary. Oxford: Clarendon Press.
  4. edūlis en Lewis, Charlton, T. (1980): An Elementary Latin Dictionary. New York/Cincinnati/Chicago: American Book Company.
  5. edulis en Gaffiot, Félix (1934): Dictionnaire Illustré Latin-Français. Paris: Hachette.
  6. Emilio Rolán e Jorge Otero-Schmitt (1996): Guía dos moluscos de Galicia.Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-072-1, p. 200.
  7. Ramos Martínez, Ignacio (2005): "El estudio de la biología de Mytilus: un ejemplo en investigación y desarrollo", en [1] Arquivado 14 de setembro de 2011 en Wayback Machine..
  8. Mathiesen, Sofie Smedegaard; Thyrring, Jakob; Hemmer-Hansen, Jakob; Berge, Jørgen; Sukhotin, Alexey; Leopold, Peter; Bekaert, Michaël; Sejr, Mikael Kristian; Nielsen, Einar Eg (outubro de 2016). "Genetic diversity and connectivity within Mytilus spp. in the subarctic and Arctic". Evolutionary Applications 10 (1): 39–55. PMC 5192891. PMID 28035234. doi:10.1111/eva.12415. 
  9. 9,0 9,1 9,2 Borsa, P.; Rolland, V.; Daguin-Thiebaut, C. (2012). "Genetics and taxonomy of Chilean smooth-shelled mussels, Mytilus spp. (Bivalvia: Mytilidae)" (PDF). Comptes Rendus Biologies 335 (1): 51–61. PMID 22226163. doi:10.1016/j.crvi.2011.10.002. 
  10. Mallet, André L.; Carver, Claire E. (1995). ""Comparative growth and survival patterns of Mytilus trossulus and Mytilus edulis in Atlantic Canada"". Canadian Journal of Fisheries and Aquatic Sciences 52 (9): 1873–1880. doi:10.1139/f95-780. 
  11. Thompson, R. J. (1979). "Fecundity and reproductive effort in the blue mussel (Mytilus edulis), the sea urchin (Strongylocentrotus droebachiensis), and the snow crab (Chionoecetes opilio) from populations in Nova Scotia and Newfoundland". Journal of the Fisheries Research Board of Canada 36 (8): 955–64. doi:10.1139/f79-133. 
  12. Bayne, B.; Widdows, J.; Thompson, R. (1976). "Physiological integrations". Marine mussels: their ecology and physiology. New York, NY: Cambridge University Press. pp. 261–291. 
  13. Hrs-Brenko, M.; Calabrese, A. (1976). "The combined effects of salinity and temperature on larvae of the mussel Mytilus edulis". Marine Biology 4 (3): 224–6. doi:10.1007/BF00393897. 
  14. ppt = partes por billón, do inglés trillion, 10−12.
  15. 15,0 15,1 Rzepecki, Leszek M.; Hansen, Karolyn M. & Waite, J. Herbert (Agosto de 1992): "Characterization of a cystine-rich polyphenolic protein family from the blue mussel Mytilus edulis L.". The Biological Bulletin 183 (1): 123–137.
  16. 16,0 16,1 Nehls, Georg; Witte, Sophia; Büttger, Heike; Dankers, Norbert; Jansen, Jeroen; Millat, Gerald; Herlyn, Mark; Markert, Alexandra; Kristensen, Per Sand; Ruth, Maarten; Buschbaum, Christian; Wehrmann, Achim (2009). "Beds of blue mussels and Pacific oysters". En Marencic, Harald; de Vlas, Jaap. Quality Status Report 2009. Wilhelmshaven: Common Wadden Sea Secretariat. 
  17. Downing, John A.; Downing, William L. (1992). "Spatial Aggregation, Precision, and Power in Surveys of Freshwater Mussel Populations". Canadian Journal of Fisheries and Aquatic Sciences 49 (5): 985–91. doi:10.1139/f92-110. 
  18. Stokstad, E. (2006). "EVOLUTION: Native Mussel Quickly Evolves Fear of Invasive Crab". Science 313 (5788): 745a. PMID 16902097. doi:10.1126/science.313.5788.745a. 
  19. Petraitis, Peter S. (June 1987). "Immobilization of the Predatory Gastropod, Nucella lapillus, by Its Prey, Mytilus edulis". Biological Bulletin 172 (3): 307–14. JSTOR 1541710. doi:10.2307/1541710. 
  20. Freeman, Aaren S.; Meszaros, John; Byers, James E. (2009). "Poor phenotypic integration of blue mussel inducible defenses in environments with multiple predators". Oikos 118 (5): 758–766. ISSN 1600-0706. doi:10.1111/j.1600-0706.2008.17176.x. 
  21. 21,0 21,1 Robert Butler (1999): The Great Blue Heron. (En Google Books).
  22. Wight, Patty. "Blue Mussels in Decline in Gulf of Maine". www.mainepublic.org. 
  23. Vasich, Tom (9 de agosto de 2016). "Why are New England's wild blue mussels disappearing?". UCI News. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]