Saltar ao contido

NKVD

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
NKVD (НКВД)
Narodnyy komissariat vnutrennikh del
Народный комиссариат внутренних дел
Información xeral
Formación 1934
Precedentes GPU
Cheka
Disolución 1954
Substituída por KGB
MVD
Xurisdición Consello de Ministros da URSS
Sede central Unión Soviética Praza Lubyanka, Moscova
Director Genrikh Yagoda (1934-1936)
Nikolai Yezhov (1936-1938)
Lavrentiy Beria (1938-1953)
Axencia sup.
Consello de Comisarios do Pobo

O Comisariado do pobo para asuntos internos (Народный комиссариат внутренних дел, Narodnyy komissariat vnutrennikh del), abreviado como NKVD (НКВД) foi a organización da policía política e secreta da Unión Soviética encargada de executar directamente o estado de poder dos soviéticos, incluída a represión política, durante a época de Iosif Stalin.

O NKVD contiña á policía regular e política da URSS (incluída a de tráfico, bombeiros, garda de fronteiras e arquivos), pero é máis coñecido polas actividades do Gulag e da Dircción Xeral de Seguridade do Estado (GUGB), que finalmente acabou converténdose no Comité de Seguridade do Estado (KGB). Levou a cabo execucións extraxudiciais en masa, dirixiu o sistema de campos de traballos forzosos do Gulag, acabou coa resistencia, realizou deportacións masivas de nacionalidades enteiras e kulaks a rexións impopulares do país, vixiou as fronteiras do estado, encargouse da espionaxe e os asasinatos políticos no estranxeiro, foi a responsable de influír nos gobernos doutros países e de facer cumprir a política estalinista dentro dos movementos comunistas doutras nacións.

Historia e estrutura

[editar | editar a fonte]

Despois da Revolución de Outubro de 1917, o goberno provisional disolveu a policía do Tsar e creou militsiya do pobo. A Revolución de Outubro estableceu un novo réxime bolxevique, a República Socialista Soviética Federativa de Rusia (RSSFR), e o Ministerio de Interior converteuse (MVD) no NKVD baixo un Comisario do pobo. Porén, o aparato do NKVD estaba abrumado polas tarefas herdadas do MVD, como a supervisión dos gobernos locais e a loita contra incendios, e a forza de traballo proletaria da agora Militsiya de traballadores e labregos era moi inexperta. Ao decatarse de que non quedaba ningunha forza de seguridade competente, o Consello de Comisarios do Pobo creou unha policía política secreta, a Cheka, liderada por Felix Dzerzhinsky. Esta gañou o dereito de poder realizar xuízos rápidos non xudiciais e execucións, se se consideraba necesario co obxectivo de "protexer a revolución".

A Cheka reorganizouse en 1922 como o Directorio Político do Estado, ou GPU, do NKVD da RSSFR. En 1923 formouse a URSS coa RSFSR como o seu membro máis grande. O GPU converteuse no OGPU (Directorio Político do Estado Unificado), baixo o Consello de Comisarios do Pobo da URSS. O NKVD da RSSFR retivo o control da militsiya, ademais doutras responsabilidades.

En 1934, o NKVD da RSSFR foi tranformado nunha forza de seguridade de toda a unión, o NKVD da URSS (ao cal os líderes do Partido Comunista da Unión Soviética comezarían a chamar "o destacamento dirixente do noso partido"), e o OGPU foi incorporado no NKVD como Directorio Principal da Seguridade do Estado (GUGB); o separado NKVD da RSSFR non resucitaría ata 1946 (como o MVD da RSSFR). Como resultado, o NKVD fíxose tamén responsable de todas as instalacións de detención (incluídos os campos de traballos forzados, coñecidos como GULag) ademais de funcionar como policía regular. Ata a reestruturación comezada por Nikolai Yezhov cunha purga da policía política rexional no outono de 1936 e formalizouse por unha directiva de maio de 1939 do NKVD de toda a Unión, pola cal todos os nomeamentos da policía política local controlábanse dende o centro, houbo tensións frecuentes entre o control centralizado de unidades locais e a complicidade desas unidades con elementos locais e rexionais do partido, que moitas veces acababan frustrando os plans de Moscova.

Dende a súa creación en 1934, o NKVD da URSS experimentou moitos cambios organizativos; só entre 1938 e 1939, a estrutura do NKVD cambiou tres veces.

O 3 de febreiro de 1941, as seccións especiais do NKVD encargadas da contraintelixencia militar pasaron a formar parte do Exército e a Mariña (RKKA e RKKF, respectivamente). O GUGB foi separado do NKVD e chamado "Comisariado do Pobo para a Seguridade do Estado" (NKGB). Despois da invasión alemá, o NKVD e o NKGB volveron a xuntarse o 20 de xullo de 1941. As seccións de contraintelixencia regresaron ao NKVD en xaneiro de 1942, e en abril de 1943 foron transferidas ao Comisariado do Pobo da Defensa e da Mariña, converténdose no SMERSH (de Smert' Shpionam ou "morte aos espías"); ao mesmo tempo, o NKVD separouse novamente do NKGB.

En 1946, todos os comisariados soviéticos pasaron a denominarse "ministerios". En consecuencia, o NKVD da URSS foi denominado Ministerio de Interior (MVD), mentres que o NKGB pasou a ser Ministerio de Seguridade do Estado (MGB). Segundo un documental de radio de 1996 da emisora rusa Radio Liberty, o MGB foi reducido de ser un ministerio a ser un comité porque os líderes soviéticos temían o que puidese facer se se reanudaban as purgas. En 1953, despois do arresto de Lavrenty Beria, o MGB volveu a formar parte do MVD. Os servizos de policía e seguridade finalmente separáronse en 1954 para converterse en:

  • O Ministerio de Interior da URSS (MVD), responsable da policía criminal e das instalacións penitenciarias.
  • O Comité para a Seguridade do Estado da URSS (KGB), responsable da policía política, intelixencia, contra-intelixencia, protección persoal (dos líderes) e comunicacións confidenciais.