Naturalismo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2018.) |
O naturalismo é un estilo artístico, sobre todo literario, baseado na observación e documentación da realidade en todos os seus aspectos, tanto nos máis sublimes coma nos máis vulgares. O seu máximo representante, teorizador e impulsor foi o xornalista Émile Zola que expuxo esta teoría no prólogo da súa novela Thérèse Raquin e sobre todo en Le roman expérimental (1880). Dende Francia, o Naturalismo espallouse ao longo de toda Europa no curso dos vinte anos seguintes adaptándose ás distintas literaturas nacionais.
O Naturalismo en Europa
[editar | editar a fonte]En Alemaña destacan os escritores Karl Hauptmann (1858-1921) e Gerhart Hauptmann (1862-1946) entre outros. En Italia o Naturalismo denominouse verismo e ten o seu principal autor en Giovanni Verga (1840-1922), e a súa obra mestra na novela deste autor titulada l Malavoglia; tamén seguiu esta estética Luigi Capuana (1839-1915). En Gran Bretaña o gran novelista e poeta do naturalismo foi Thomas Hardy, e no terreo dramático pode recoñecerse algunha influencia dos postulados naturalistas en George Bernard Shaw a través da asimilación que fai de dita estética o dramaturgo noruegués Henrik Ibsen. En Alemaña non se desenvolveu este movemento con tanta forza e nos Estados Unidos este movemento chegou bastante tarde, aínda que é posible recoñecer o Naturalismo nas obras de Theodore Dreiser (Unha traxedia americana) e unha evolución importante no Novo xornalismo americano de, por exemplo, Truman Capote. En Francia, fóra do líder do movemento, Émile Zola, existe naturalismo en Gustave Flaubert e noutros autores de menor fuste. En Rusia difundiu o movemento o gran crítico literario Belinski e seguírono nalgunhas das súas obras autores importantes, como Gógol, Dostoievski, Goncharov entre outros.
O Naturalismo en Francia
[editar | editar a fonte]Para algúns, o Naturalismo non é máis que unha segunda etapa do Realismo, para a cal non cómpre un novo termo. Para outros, o Naturalismo constitúe unha corrente maior que reagrupa a Honoré de Balzac e Gustave Flaubert, Lev Tolstoi e Anton Chekhov. Numerosos son os que, por non dicir a maioría, empregan os termos realismo e naturalismo alternativamente, indiferentemente ou asociados. Esta confusión débese á ausencia dunha teoría clara propiamente dita sobre o Realismo; ela é tamén imputable a Émile Zola, quen, na súa vontade de anexar ao naturalismo a prestixiosos narradores anteriores, atribuíu o cualificativo de naturalistas a autores como Balzac, Stendhal, Flaubert (Les Romanciers naturalistes, 1881).
Tomando como modelo ao doutor Bernard no seu Médecine expérimentale (1865), e seguindo o seu método paso a paso, Zola considera que «O novelista está composto dun observador e un experimentador». O observador escolle o seu tema (o alcoholismo, por exemplo) e emite unha hipótese (o alcoholismo é herditario ou se debe á influencia da contorna). O método experimental repousa sobre o feito de que o novelista «intervén dun xeito directo para colocar ao seu personaxe dentro das condicións" que revelarán o mecanismo da súa paixón e verificarán a hipótese inicial. «Ao cabo, existe o coñecemento do home, o coñecemento científico, dentro da súa acción individual e social».
O naturalismo francés semella limitarse, fóra de Zola, a Guy de Maupassant, aos irmáns Goncourt e quizais a Alphonse Daudet. Os outros membros do Grupo de Médan, Paul Alexis (1847-1901), Henri Céard (1851-1924), Léon Hennique (1851-1935) permanecen case esquecidos, namentres Octave Mirbeau criticou a doutrina zoliana. O Naturalismo axiña se disolveu no seu propio país e foi deste xeito abandonado polos seus partidarios. Joris-Karl Huysmans, no seu À rebours (1884), rompeu coa escola de Zola e volveuse cara ao Espiritualismo (Là-bas, 1891). En 1887, Guy de Maupassant, no prefacio da súa novela Pierre et Jean (1888), afirmou que a obxectividade é imposible na literatura. O mesmo ano, Le Figaro publicou o Manifesto dos cinco en protesta polo extremismo de Zola en La Terre e xa en 1891 todos os homes de letras están de acordo en afirmar que o Naturalismo morreu.
O Naturalismo en España
[editar | editar a fonte]O Naturalismo foi apoiado polos sectores republicanos e demócratas de España, a esquerda da época, e enfrontouse cunha firme resistencia dos sectores conservadores que vían nel a disolución dos valores cristiáns. Espallouse principalmente a comezos dos 80, cando se foron dando unha serie de pasos que terminaron por aclimatar esta estética nunha parte da literatura española de entón:
- Tradución en 1880 de varias novelas de Zola.
- Aparición de La desheredada, de Benito Pérez Galdós, e crítica á mesma por Clarín, que veu ser un manifesto teórico do Naturalismo en España.
- Aparición de Un viaje de novios, da galega Emilia Pardo Bazán (1881), cuxo prólogo é outro manifesto do movemento.
- Discusións no Ateneo (finais de 1881 - principios de 1882) sobre o Naturalismo.
- Publicación efémera de revístaa Arte y Letras dende agosto de 1882 propiciada por Galdós, Sellés, Clarín etc.
- Artigos de Clarín (en La Diana) titulados Del Naturalismo (1882).
- Publicación por Pardo Bazán, dende novembro de 1882, de La cuestión palpitante.
- Publicación efémera da Revista Ibérica (dende abril de 1883), por Clarín, Jacinto Octavio Picón etc.
- Homenaxe a Galdós polo Bilis club (1883), que foi unha multitudinaria manifestación pública de apoio ao autor de La desheredada. Nela naceu a idea dun centro de propaganda naturalista.
- Outros artigos espallados en diversas publicacións sobre o naturalismo e a finalidade docente ou non da arte.
Emporiso, e coa excepción dalgúns ensaios serios, como La desheredada, de Galdós, o que se practica en España non é un auténtico naturalismo zolesco, senón unha fórmula conciliadora que extrae algúns recursos formais de Zola sen seguir a súa doutrina ideolóxica (ateísmo, positivismo, determinismo). Este sincretismo é o que practican Pardo Bazán ou o marqués de Figueroa.
En España participaron deste movemento homes comprometidos con posturas próximas ao Krausismo ou a esquerda como Galdós (La desheredada), Clarín e Vicente Blasco Ibáñez. Dende a óptica conservadora pode tamén falarse dun Naturalismo cristián non rigorosamente pesimista nin determinista no que militaron autores como Pardo Bazán, Luis Coloma, José María de Pereda (que se achegou ao naturalismo na súa novela La Puchera), Juan Armada Losada, José de Siles, Francisco Tusquets, Angel Salcedo y Ruiz e Alfonso Pérez Gómez Nieva. Outro terceiro grupo estaría integrado polos homes de revista Gente Nueva, logo ampliado noutra revista, Germinal, de ideoloxía máis extremista e que estaría integrado polos escritores do chamado Naturalismo radical: Eduardo López Bago, José Zahonero, Remigio Vega Armentero, Enrique Sánchez Aceno, Xoaquín de Arévalo, Jose María Matheu Aybar, Manuel Martínez Barrionuevo, Eugenio Antonio Flores, Silverio Lanza, Emilio Bobadilla, Alejandro Sawa, Joaquín Dicenta (quizais o poeta e dramaturgo do naturalismo máis importante en castelán), José Ortega Munilla, Jacinto Octavio Picón, Ernesto Bark, Ricardo Macías Picavea e algúns outros máis. Epígonos do naturalismo son en certa medida Felipe Trigo e Augusto Martínez Olmedilla.
O Naturalismo en Hispanoamérica
[editar | editar a fonte]En América, vencellado ao chamado Indixenismo, representan o Naturalismo Matías González, así como o portorriqueño Manuel Zeno Gandía, o chileno Augusto d'Halmar e a peruana Clorinda Matto de Turner quen acadou certa soa coa súa novela Aves sin nido. Outra figura destacada do naturalismo peruano foi Mercedes Cabello de Carbonera cuxa novela Blanca Sol foi moi controvertida. O arxentino Eugenio Cambaceres ten importancia por destacar a decadencia das clases priviligadas con novelas como Música Sentimental. En México, destacaron Federico Gamboa coa súa soada novela Santa; Ángel del Campo, que usou o pseudónimo de "Micrós", e Vicente Riva Palacio. En Cuba destaca sobre todo Carlos Loveira, acompañado de Miguel de Carrión e Jesús Castellanos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Por favor, axuda na mellora deste artigo ou sección ampliando a información que achega. Se cadra, podes atopar máis información na páxina de conversa. |
Outros artigos
[editar | editar a fonte] Este artigo non contén imaxes. Pode axudar cargando imaxes, na Galipedia ou na Wikimedia Commons, relacionadas co contido do artigo, ou incluíndo unha xa existente.
Debe ter en conta as políticas de uso de imaxes e o respecto polos dereitos de autoría. |