Nefelometría (medicina)
A nefelometría é unha técnica usada en inmunoloxía para determinar os niveis de varias proteínas do plasma sanguíneo. Por exemplo os niveis totais dos diversos isotipos ou clases de anticorpos: inmunoglobulina M, inmunoglobulina G e inmunoglobulina A.[1] É importante na cuantificación de cadeas lixeiras libres séricas de inmunoglobulina en doenzas como o mieloma múltiple. A cuantificación é importante para a clasificación de enfermidades e para a monitorización de enfermidades unha vez que un paciente foi tratado (o incremento do nesgo ou desviación da proporción entre cadeas lixeiras kappa e lambda despois de que un paciente recibiu tratamento é unha indicación de recorrencia da enfermidade).
Realízase medindo a turbidez en mostras de auga facendo pasar luz a través da mostra que vai ser medida. Na nefelometría a medida faise medindo a luz que pasa a través da mostra nun determinado ángulo.[2]
Esta técnica utilízase amplamente en laboratorios clínicos porque pode ser automatizada de maneira relativamente fácil. Está baseada no principio de que unha suspensión diluída de pequenas partículas pode dispersar a luz (xeralmente luz láser) que pasa a través delas en vez de, simplemente, absorbela. A cantidade de dispersión determínase recollendo a luz nun determinado ángulo, xeralmente de 30º e 90º.
Os anticorpos e o antíxeno mestúranse en concentracións tales que só se formen pequenos agregados que non se depositan rapidamente no fondo. Mídese a cantidade de dispersión da luz e compárase coa cantidade de dispersión en mesturas coñecidas. A cantidade da substancia descoñecida determínase a partir dunha curva estándar.
A nefelometría pode utilizarse para detectar tanto os antíxenos coma os anticorpos, pero normalmente realízase con anticorpos como reactivos e o antíxeno do paciente como a substancia descoñecida.[3] Nun laboratorio médico de inmunoloxía poden realizarse dous tipos de probas: "nefelometría de punto final" e "nefelometría cinética".
Na nefelometría de punto final as probas realízanse permitindo que a reacción anticorpo/antíxeno chegue a ser completa (ata que todos os anticorpos do reactivo presente e os antíxenos da mostra do paciente presentes que poden agregarse fixérono xa e non se poden formar máis complexos). Porén, existe o problema de que as grandes partículas se separan da solución e causan unha falsa lectura da dispersión, polo que tivo que idearse a nefelometría cinética.
Na nefelometría cinética, a proporción de dispersión mídese xusto despois de engadir o reactivo. Neste caso, con tal de que o reactivo sexa constante, a proporción de cambio pode considerarse como directamente relacionada coa cantidade de antíxeno presente.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ MedlinePlus Encyclopedia 003545
- ↑ "Overview at mcg.edu". Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2006. Consultado o 22 de marzo de 2018.
- ↑ Clinical Immunology and Seriology 3rd Ed., Stevens, pg 127, F.A. Davis Company
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte] Este artigo sobre ciencias é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |