Nemetatos

Os nemetatos (latín: nemetati) eran un pobo galaico da Gallaecia.
Fontes
[editar | editar a fonte]Apenas son coñecidos senón por unha cita de Tolomeo, II, 6. 41, que os nomea, en grego, como Nemetatoi, dentro do convento xurídico bracarense. Indica tamén que Volóbriga era a súa capital ou centro. Unha inscrición atopada en Delães (Vila Nova de Famalicão) fai mención a Valabricensis CIL II, 5561.[1]
Identificación
[editar | editar a fonte]Desde que Nicolás Tenorio Cerero, identificara Volóbriga coa localidade actual do Bolo, ao leste da actual provincia de Ourense, son numerosos os autores que repiten tal redución xeográfica, e consecuentemente sitúan os Nemetatos na denominada Terra do Bolo, nun xeito amplo (especialmente os concellos do mesmo Bolo e Viana do Bolo).
Porén, esa teoría esquece que Volóbriga non pode dar O Bolo, pois o -l- intervocálico desaparecería nunha evolución fonética normal. De maneira, que Tenorio só tivo en conta a semellanza fonética do primeiro elemento de Volóbriga para realizar a súa identificación. En segundo lugar, ha terse en conta que os Nemetatos están clasificados como un pobo bracarense, mentres que O Bolo, debeu estar incluído no convento xurídico asturicense, é dicir, dependían de Asturica Augusta, do mesmo xeito que tanto O Bolo como Viana do Bolo, dependen aínda na actualidade, relixiosamente, da diocese de Astorga, a antiga Astúrica, e, practicamente, a maioría dos historiadores admiten unha continuidade xeral, entre o bispado e o antigo convento xurídico, dentro do territorio galego.
Non queda senón recoñecermos que descoñecemos a situación exacta do antigo pobo.
Nome
[editar | editar a fonte]O nome dos Nemetatos, debeu construírse sobre a raíz céltica nemeton "santuario; bosque sagrado", que aparece noutras denominacións da antiga Gallaecia, sendo o máis coñecido o da capital dos tiburos, Nemetobriga; e mesmo, xa en período altomedieval, no do territorio de Nemitos ou Nemetos, que daría lugar ao do arciprestado de Nendos, ao leste da cidade da Coruña.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Suárez, Plácido (2002). "La estructuración territorial y étnica del Conventus Bracarensis". Minius (en castelán) (X): 111–134.
- ↑ "Dictionary of Continental Celtic Place-Names ed. Alexander Falileyev, Aberystwyth University © 2007" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2009-07-31. Consultado o 2009-05-02.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Coutinhas, José Manuel (2006), Aproximação à identidade etno-cultural dos Callaici Bracari, Porto.
- Queiroga, Francisco (1992), War and Castros, Oxford.
- Silva, Armando Coelho Ferreira da (1986), A Cultura Castreja, Porto.