Nicolás Redondo Urbieta
Nicolás Redondo Urbieta, nado en Barakaldo (Biscaia) o 16 de xuño de 1927 e finado en Madrid o 4 de xaneiro de 2023,[1] foi un sindicalista e político vasco.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Nicolás Redondo Blanco, destacado dirixente socialista e un dos primeiros concelleiros do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) en Biscaia; igualmente, foi pai de Nicolás Redondo Terreros, exdirixente do PSE-EE. En 1937, en plena guerra civil española, abandonou Euskadi no barco La Habana cara a Bordeos, canda outros refuxiados menores de idade e foi acollido en Francia por unha familia mineira de Herault. Regresou a España, por reclamación da familia, en 1940.[1]
En 1942, foi contratado como aprendiz de oficial axustador en La Naval de Sestao. Xa como obreiro metalúrxico, afiliouse ó PSOE e á UXT en 1945. Foi detido e procesado pola ditadura do xeneral Franco en numerosas ocasións debido ás súas actividades políticas e sindicais. En 1967 foi detido xunto ós históricos Ramón Rubial e Eduardo López Albizu e desterrado ás Hurdes.
Tras o Congreso do PSOE de agosto de 1972, que destitúe ó secretario xeral Rodolfo Llopis, convértese en membro da dirección colexiada do PSOE Renovado. Ante o Congreso de Suresnes de 1974, rexeita o ofrecemento para presentar a súa candidatura ó posto de primeiro secretario, chegando a un pacto co sevillano Felipe González para que este accedese ó cargo.
O 18 de abril de 1976 elixírono secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT) no XXX Congreso da central sindical socialista. Previamente exercera, dende 1971, o cargo de secretario político, predecesor do de secretario xeral.
Foi elixido deputado do PSOE por Biscaia en 1977, 1979, 1982 e 1986. En 1987 renunciou ó seu escano para amosar o seu desacordo coa política laboral e social do goberno de Felipe González, tras votar en contra dos Orzamentos Xerais do Estado para 1988. Convocou xunto a Comisións Obreiras (CCOO) a folga xeral do 14 de decembro de 1988, cun éxito esmagador. Tamén convocou xunto a CCOO dúas folgas xerais máis durante o goberno socialista, en xuño de 1992 e xaneiro de 1994.
O 10 de abril de 1994, no 36º Congreso, deixou paso a Cándido Méndez como secretario xeral da UXT, retirándose de toda actividade política e sindical.
Faleceu en Madrid o 4 de xaneiro de 2023 aos 95 anos de idade debido a unha pneumonía.[2]
Distincións honoríficas
[editar | editar a fonte]- Doutor Honoris Causa pola Universidade Politécnica de Valencia (2001).[3]
- Doutor Honoris Causa pola Universidade de Cádiz (2008).[4]
- Cabaleiro Gran Cruz da Orde do Dous de Maio (2010).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Falece o histórico dirixente da UGT Nicolás Redondo Urbieta". Nós Diario. 2023-01-04. Consultado o 2023-01-04.
- ↑ "Morre Nicolás Redondo, histórico líder da UGT". G24. Consultado o 2023-01-04.
- ↑ Doutor Honoris Causa pola Universidade Politécnica de Valencia.
- ↑ A UCA inviste Doutores Honoris Causa a dous líderes do mundo sindical
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nicolás Redondo Urbieta |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Actividade parlamentaria
- Lexislatura Constituínte (PSOE)Arquivado 29 de xuño de 2016 en Wayback Machine.
- I Lexislatura (PSOE)Arquivado 28 de novembro de 2016 en Wayback Machine.
- II Lexislatura (PSOE)Arquivado 28 de novembro de 2016 en Wayback Machine.
- III Lexislatura (PSOE)Arquivado 29 de xuño de 2016 en Wayback Machine.
- Artigos