Nicolas Malebranche
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 6 de agosto de 1638 París (Reino de Francia) |
Morte | 13 de outubro de 1715 (77 anos) París (Reino de Francia) |
Relixión | Igrexa católica |
Educación | Universidade de París (1656–1659) Collège de la Marche (en) (1654–1656) |
Director de tese | Gottfried Wilhelm Leibniz |
Actividade | |
Campo de traballo | Filosofía |
Ocupación | filósofo, teólogo, escritor, pedagogo |
Membro de | Academia francesa das ciencias (1699–) |
Movemento | Ocasionalismo (pt) |
Alumnos | Charles-René Reynaud (pt) , Jean Prestet (pt) e Pierre Rémond de Montmort (pt) |
Influencias | |
Orde relixiosa | Oratory of Jesus (en) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Doutorando | Jakob Bernoulli e Pierre Varignon |
Familia | |
Pai | Nicolas de Malebranche |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Obálky knih, |
Nicolas Malebranche, nado en París o 5 de agosto de 1638 e finado na mesma cidade o 13 de outubro de 1715, foi un filósofo e teólogo francés.
Pertencía a unha familia distinguida e tivo sempre unha saúde moi precaria, o que o obrigou a superar sufrimentos con multitude de coidados.
Os seus primeiros contactos coa filosofía tívoos no Collège de la Marche, dos que se defraudou.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Seu pai foi Nicolas Malebranche, funcionario (tesoureiro) do cardeal Richelieu e, en 1658, secretario do rei Lois XIII de Francia. A súa nai, Catherine de Lauzon, era irmá dun vicerrei do Canadá. Malebranche era o último de dez ou trece fillos (as fontes difiren nisto) e amosou desde pequeno grandes dotes intelectuais nun corpo sumamente débil. A educación elemental recibiuna dun titor privado.
Estudou filosofía e, fundamentalmente, ou de modo case exclusivo, teoloxía na Sorbona e, como sucedera na Marche, tampouco lle entusiasmaron os métodos intelectuais da prestixiosa universidade parisiense.
En 1660 entrou na Congregación do Oratorio (o célebre Oratorium Iesu) e, catro anos máis tarde, foi ordenado sacerdote.
En 1699 foi nomeado membro honorario da Academia das Ciencias.
Filosofía
[editar | editar a fonte]En 1664, a lectura de Descartes deixouno tan entusiasmado que resolveu dedicarse ao estudo da filosofía. Porén, algúns comentaristas cren que ese interese pola filosofía derivaría dos seus estudos sobre a filosofía dominante no Oratorio (a de Santo Agostiño).
Malebranche pretendeu facer unha síntese do cartesianismo e o agostiñismo, que resolveu nunha doutrina persoal, o ocasionalismo, segundo a cal Deus constituiría a única causa verdadeira, sendo todas as demais "causas ocasionais". Por iso, o coñecemento non se debería á interacción cos obxectos, senón que as cosas serían "vistas en Deus".
A súa principal obra é De la recherche de la vérité (Da procura da verdade), onde trata da natureza do espírito humano e do que o home debe facer para evitar o erro nas ciencias. Foi publicada e tres volumes, o primeiro en 1674 e os outros dous en 1675. Esta obra foi amplamente aumentada posteriormente ante as numerosas críticas dos seus coetáneos.
Malebranche critica aos filósofos que estudan as relacións da alma co corpo, sen considerar a súa unión con Deus. Segundo el, a debilitación das relacións da alma con Deus foi consecuencia do pecado orixinal, que fortaleceu a relación alma-corpo.
Se non víramos a Deus dalguhna maneira, non veriamos ningunha cousa.Malebranche, Recherche de la verité, libro III, segunda parte, capítulo VI.
A dificultade estriba na expresión dalgunha maneira. Deus non se coñece directamente, senón de modo indirecto, tal como reflectido nun espello, nas cousas creadas. O home participa de Deus e, participando de Deus, participa das cousas. Non hai ningunha interacción directa entre as substancias cartesianas. A congruencia entre ambas é facilitada pola realidade divina. Non son eu quen percibe as cousas, senón que, en ocasión dun movemento da "res extensa", Deus provoca en min unha certa idea. E con ocasión dunha volición miña, Deus move o corpo extenso que é o meu brazo. A relación do espírito do home con Deus e coas cousas só nel, é a solución decisiva. Así, a visión en Deus de todas as cousas resulta a condición necesaria de todos os saberes e verdades.
En Da procura da verdade trata da supresión dos erros provocados pola forte interacción da alma co corpo. Para o filósofo, o erro é a causa da miseria dos homes. Así, afirmaba que era necesario denunciar os erros e as súas causas a través dunha análise das percepcións da alma, que se realizarían por tres modos distintos: os sentidos, a imaxinación e o entendemento. Pregaba, por tanto, o exame dos erros debidos a cada unha desas formas de percepción. Mediante tal exame sería posíbel encontrar un criterio xeral para descubrir a verdade.
A idea de Deus cobra un peso propio no seu sistema filosófico. Continuador de Descartes, ás veces supérao en canto á radicalidade das súas teorías. Para Malebranche, corpo e alma son entidades —ou substancias— inconexas e independentes, entre as que non existe comunicación directa de ningún tipo. Todos os movementos que se efectúan entre os corpos, e entre a alma e o corpo, máis alá dos movementos internos da alma, terían en Deus á súa causa eficiente.
Estas relacións, establecidas pola razón divina mediante unha orde eterna e invariábel, poderían ser comprendidas polo entendemento, da mesma forma que o son as leis científicas. Os seres particulares non serían propiamente causas eficientes de nada do que ocorre, senón apenas ocasións para o exercicio da causa única, que é Deus. Esta doutrina denomínase ocasionalismo, porque causar é crear; e só Deus pode crear. Por iso, o movemento é un paralelismo (o que tamén sucede cos comportamentos humanos). Da alma non temos ningunha idea, senón simplemente unha persuasión interior. Deus, alén diso, contería en si mesmo todas as ideas como arquetipo das cousas. O coñecemento da verdade, por parte do home, consistiría, en última instancia, nunha visión de Deus.
Destaquemos, unha vez máis: é Deus quen realiza a función de comunicar ambas as entidades e quen crea o coñecemento no home; pois, ao non haber contacto entre mente e corpo, o home por si só está imposibilitado para coñecer o mundo. A presenza de Deus na alma dos homes suple a súa carencia para coñecer outras entidades, pois o home —como quedou dito— ve en Deus o resto das cousas.
Deus é a causa de todo influxo posíbel dunha realidade. O que chamamos causa é só unha ocasión. A única causa é Deus: non é o Sol quen produce calor, luz e vida, só é unha ocasión; a causa é Deus.
A obra de Malebranche influíu no pensamento de, entre outros, Leibniz, Hume e J.-J. Rousseau.
Outras obras
[editar | editar a fonte]- Tratado da natureza e da graza (1680).
- Tratado de moral (1684).
- Meditacións metafísicas e cristiás (1684)
- Tratado do amor de Deus (1687).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Nicolas Malebranche |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Nicolas Malebranche |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- G. STIELER, Malebranche, Madrid, 1931. (en castelán)
- É. GILSON, La unidad de la experiencia filosófica, 2 ed. Madrid, 1966, caps. VI-VII. (en castelán)
- N. Malebranche, Investigación sobre la verdad, Sígueme, Salamanca, 2009. (en castelán)
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]En castelán
[editar | editar a fonte]- Voz Malebranche en Philosophica: Enciclopedia filosófica on line
- Malebranche en vidas de escritores
- Datos de la vida de Malebranche referente a la vida católica
- Libro en formato pdf para libre descargaArquivado 27 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine.
En inglés
[editar | editar a fonte]- Readable versions of many texts, including Malebranche's Dialogues on Metaphysics.
- Fabiani, Paolo. The philosophy of the imagination in Vico and Malebranche (Florence: Florence University Press, english edition 2009). Arquivado 12 de maio de 2011 en Wayback Machine.
- Stanford Encyclopedia of Philosophy: