Saltar ao contido

Nobuko Yoshiya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaNobuko Yoshiya

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(ja) 吉屋信子 Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento12 de xaneiro de 1896 Editar o valor en Wikidata
Niigata, Xapón Editar o valor en Wikidata
Morte11 de xullo de 1973 Editar o valor en Wikidata (77 anos)
Kamakura, Xapón Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro colorrectal Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónnovelista, escritora Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoNovela romántica Editar o valor en Wikidata
Premios

IMDB: nm1151788 Editar o valor en Wikidata

Nobuko Yoshiya (xaponés: 吉屋信子, Yoshiya Nobuko), nada o 12 de xaneiro de 1896 e finada o 11 de xullo de 1973, foi unha novelista xaponesa activa durante os períodos Taishō e Shōwa. Trátase dunha das escritoras máis vendidas e prolíficas do Xapón contemporáneo, especializada nas novelas románticas e para rapazas adolescentes. Foi pioneira da literatura lesbiana, en especial do subxénero clase S.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Yoshiya naceu en Niigata, mais criouse nas cidades de Mooka e Tochigi, na prefectura de Tochigi. O seu pai foi policía local e, máis tarde, membro do goberno local, polo que a súa familia tivo que mudarse varias veces debido aos seus traslados.[1][2] Nobuko foi a única filla e a máis nova de cinco irmáns.[3] Ambos pais eran de ascendencia samurai.[1][4] Xa que tiñan unha mentalidade conservadora, criárona para ser unha boa esposa, o rol que se esperaba para as mulleres no Xapón de Meiji.[5] A pesar disto, Yoshiya comezou a súa carreira literaria xa de adolescente, paixón que desenvolveu durante o seu tempo aprendendo os labores domésticos coa súa nai.[2]

En 1915, trasladouse a Tokyo, iniciando un estilo de vida que a afastaría das convencións sociais e de xénero da súa época.[5] Así, adoitaba vestir cun estilo andróxino, incluso en sesións de fotos para revistas.[6] Foi unha das primeiras mulleres xaponesas en imitar a moda occidental dos anos vinte de levar o pelo curto.[5] Tamén foi a primeira nipoa en ter un coche, un cabalo de carreiras ou xogar ao golf. Así mesmo, deseñou a súa propia vivenda.

En 1938, uniuse ao Pen butai (en galego, "Corpo da pluma"), unha organización gobernamental de escritores que viaxou á fronte durante a segunda guerra sino-xaponesa para escribir textos en favor das tropas despregadas na China.[7] Yoshiya e Hayashi Fumiko foron as únicas mulleres do grupo.[8]

Yoshiya viviu en Kamakura (prefectura de Kanagawa) durante e despois da segunda guerra mundial. En 1962, construíu unha casa tradicional de madeira cun xardín de estilo xaponés, nun barrio tranquilo. Esta foi legada á cidade de Kamakura tras do seu pasamento, co obxectivo de promover actividades educativas e culturais para mulleres. Yoshiya faleceu aos 77 anos dun cancro de colon, e a súa casa foi reconvertida no Museo Memorial Yoshiya Nobuko. A día de hoxe, consérvase o seu estudo intacto, cos seus obxectos favoritos e manuscritos orixinais. Foi soterrada no templo de Kōtoku-in de Kamakura, tras o seu célebre Daibutsu.

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 1923, Yoshiya coñeceu a Chiyo Monma, profesora de matemáticas nunha escola de rapazas de Tokyo.[5] Ambas manterían unha relación amorosa durante 50 anos.[9] A diferenza de moitas figuras públicas xaponesas, Yoshiya non tivo reticencias en revelar detalles da súa vida privada a través de fotografías, ensaios persoais e entrevistas. Para 1926, xa traballaban conxuntamente como autora e secretaria.[10] En 1957, Yoshiya adoptou a Monma como a súa filla, a única maneira en que unha parella de mulleres podía compartir propiedades ou tomar decisións médicas.[5]

Ambas viaxaron por Manchuria e a Unión Soviética, establecéndose por un ano en París. Entre 1927 e 1928, regresaron ao Xapón polos Estados Unidos. A finais da década de 1930, visitaron tamén as Indias Orientais Neerlandesas e a Indochina Francesa.

Unha das súas primeiras obras, Hana monogatari 花物語 ("Historias das flores", 1916-1924), unha serie de cincuenta e dous relatos sobre amizades románticas, popularizouse entre as estudantes do Xapón. Estes textos representan amores platónicos, non correspondidos ou sen un final feliz, e falan do desexo entre mulleres cun ton case narcisista.[11][12]

Pola súa banda, Yaneura no nishojo 屋根裏の二處女 ("Dúas virxes no ático", 1919), de carácter autobiográfico, describe o amor de dúas compañeiras de cuarto. Na súa derradeira escena, ambas deciden vivir xuntas como parella.[13] Esta obra cuestiona os estándares patriarcais da sociedade da época, ao tempo que presenta dúas protagonistas cunha marcada actitude feminista. Ademais, reflicte a propia orientación sexual da autora. Un ano máis tarde, en 1920, gañou o premio literario da delegación de Osaka do xornal Asahi Shimbun polo libro Chi no hate made 地の果てまで ("Até os confíns da Terra"), de influencia cristiá.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]