Saltar ao contido

Noviciado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Novizo»)
Monxas en Sevilla. A noviza distínguese pola touca branca.

O noviciado é un período de proba que as congregacións e ordes relixiosas, cristiás e budistas poñen como preparación inmediata ás persoas aspirantes ao ingreso en ditas congregacións antes de faceren os primeiros votos monásticos.[1][2][3][4][5]

Así mesmo, o termo refírese tamén ao lugar de residencia ou casa onde están instalados os novizos ou as novizas,[6] ao conxunto destas persoas, e ao réxime establecido e aos exercicios efectuados por ditos aspirantes.[1][2][3][4]

Etimoloxía e orixe

[editar | editar a fonte]

As palabras "novizo" e "noviciado" derivan do latín novus, "novo".[7]

Se todo cristián, bautizado, é un "home novo" segundo San Paulo (Col. 3:10: "vestiches ao novo"), isto é certo tamén cando un ou unha decide seguir a Cristo no camiño dos consellos evanxélicos.

Nalgunhas congregacións relixiosas o noviciado e o novizo ou a noviza están marcados incluso pola adopción dun novo nome.

Características

[editar | editar a fonte]

No catolicismo o noviciado adoita comprender entre os seis meses e os dous anos, aínda que tamén depende moito da situación persoal de cada novizo ou noviza.

Para ingresar necesítase entrar en contacto con algunha desas congregacións e primeiro vivir o proceso vocacional, a fin de tomar unha decisión. É o período en que a persoa candidata ou noviza, ao seguir o camiño cara a vida relixiosa, adquire fundamentos que sosterán o seu compromiso.

Despois deste período, faise a profesión relixiosa. Constitúe tamén un momento para que a persoa aspirante á vida relixiosa coñeza ben a congregación e así mesmo que, coa axuda dun instrutor ou mestre(a) de novizos(as) poida decidir, libremente, tomar os votos relixiosos o seguir por outro camiño.

O noviciado, a través do cal comeza a vida nun instituto, está organizado de xeito que os novos comprendan mellor a súa vocación divina e, de feito, a propia do instituto, experimenten a forma de vivir do instituto e formen a súa mente, o seu corazón e o seu espírito, para que se probe a súa intención e idoneidade.
Codex Iuris Canonici (1983), canon 646
  1. 1,0 1,1 noviciado. En: VV. AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Volume II. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-072-8.
  2. 2,0 2,1 noviciado. En: VV. AA. (2006): Gran dicionario Século21 da lingua galega. Vigo: Editorial Galaxia/Edicións do Cumio. ISBN 84-8288-874-7 (Galaxia) / ISBN 84-8289-341-6 (Cumio).
  3. 3,0 3,1 noviciado. En: VV. AA. (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
  4. 4,0 4,1 noviciado. En: VV. AA. (2004): Gran dicionario Cumio da lingua galega. Vigo: Edicións do Cumio. ISBN 84-2889-304-1.
  5. El Confidencial, ed. (30 de abril de 2018). "Cuando tu hijo se convierte en novicio de Buda". Consultado o 3 de febreiro de 2021. 
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para novizo.
  7. O antigo termo latino pódese atopar en Xoán Casiano († 435) en relación coa vida do mosteiro, en Collationes XX, cap. 1: «… ubi velut incipiens atque novicius in illo, in quo nos degebamus, monasterii receptus habitaculo…».

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]