Saltar ao contido

Observatorio Galego da Biodiversidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A camelia do parque de Castrelos, en Vigo, a máis vella de Galicia.

O Observatorio Galego da Biodiversidade (OGB) é un órgano da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, creado en 2008.[1]

Funcións

[editar | editar a fonte]

As funcións do OGB son a promoción de accións encamiñadas á conservación da variedade da vida, incluída a variedade xenética dentro dunha mesma especie, así como entre as especies e os ecosistemas, debido á importancia que esta biodiversidade ten para o pobo galego, xa que conforma o marco en que se desenvolve a súa existencia, ao tempo que constitúe unha fonte importantísima de recursos de distinta índole, para as galegas e os galegos.[1]

Estas funcións son:[1]

  • Prestar apoio na inventariación, análise e interpretación dos datos sobre o estado da biodiversidade en Galicia.
  • Asesorar a Xunta de Galicia na elaboración e seguimento dos indicadores de biodiversidade e no mantemento dun sistema de información sobre a súa evolución.
  • Informar, con carácter facultativo e non vinculante, sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría de ameaza das especies de fauna e flora de Galicia no Catálogo galego de especies ameazadas.
  • Informar, con carácter facultativo e non vinculante, os plans de xestión de especies catalogadas e o seu desenvolvemento.
  • Emitir ditames en materia de conservación e protección das especies.
  • En xeral, subministrar información e prestar apoio e asesoramento en materia de conservación da variedade da vida en Galicia.
  • Por solicitude da persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, calquera outra función relacionada coa conservación e fomento da biodiversidade en Galicia.

Composición

[editar | editar a fonte]

O OGB é un órgano colexiado constituído por:[1][2]

  • Presidente/a: directora xeral de Conservación da Natureza.
  • Vicepresidente/a: un/unha representante da Consellería competente en materia de ambiente, que será designado/a pola presidencia.
  • Secretario/a.
  • Vogais:
  • Dous/dúas representantes da dirección xeral competente en materia de conservación da biodiversidade.
  • Un/unha representante do departamento competente na xestión da Rede de Observación do Territorio da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento sostible.
  • Un/unha representante por cada unha das universidades galegas, que serán libremente designados/as por estas.
  • Catro especialistas de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies de vertebrados, invertebrados, fanerógamas e criptógamas respectivamente, designados pola dirección xeral competente en materia de conservación da biodiversidade.
  • Un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies do medio mariño, un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e investigación de especies do medio doceacuícola e un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies do medio terrestre, só no suposto de que ningún dos demais vogais indicados no punto 3 deste artigo posúa coñecementos especializados nalgunha destas materias. Os/as especialistas sinalados neste punto serán designados, se for preciso, pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza
  • Dúas persoas en representación das asociacións inscritas no rexistro da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que teñan entre os seus fins a conservación da biodiversidade en Galicia, que serán designadas por estas.

Funcionamento

[editar | editar a fonte]
  • O Observatorio Galego da Biodiversidade reunirase en sesión ordinaria como mínimo unha vez ao ano. Poderá tamén reunirse en sesión extraordinaria cando a presidencia do OGB o estime oportuno.
  • As convocatorias das sesións do OGB serán acordadas polo/a seu/súa presidente/a e efectuaranse con sete días de antelación naquel que vaia ter lugar a reunión. No caso de urxencia, as convocatorias das sesións extraordinarias poderán efectuarse cunha antelación mínima de corenta e oito horas.
  • O OGB poderá crear no seu seo comisións ou grupos de traballo que abordarán o estudo e a preparación de temas específicos de interese para este órgano. Poderán ser convidadas a participar nas comisións ou grupos de traballo as persoas con coñecementos especializados nas materias que estean directamente relacionadas cos temas que sexan obxecto de estudo e debate desa comisión ou grupo de traballo.
  • A Dirección Xeral competente en materia de conservación da biodiversidade prestaralle ao OGB todo o apoio técnico, material e persoal que este precise para o desempeño das súas funcións.[1]

Réxime xurídico

[editar | editar a fonte]

Seralle de aplicación ao OGB o réxime xurídico dos órganos colexiados recollido no capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en todo aquilo que non estea especificamente regulado no decreto de fundación.[1]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]