Oligótrofo
Un oligótrofo (do grego ὀλίγος, oligos, pouco, e τροφικός, trofikós, alimentación) é un organismo que pode vivir nun ambiente que ofrece niveis moi baixos de nutrientes. O termo está en contraposición con copiótrofo, que se aplica aos organismos adaptados a vivir en ambientes ricos en nutrientes. Os oligótrofos caracterízanse por un lento crecemento, baixas taxas metabólicas, e xeralmente baixas densidades de poboación. O adxectivo oligotrófico aplícase aos medio ambientes nos que hai poucos nutrientes para sustentar a vida, aos organismos que sobreviven neses ambientes, ou ás adaptacións que permiten a súa supervivencia. A oligotrofia é a cualidade que teñen os medios con escaseza de nutrientes.
Son ambientes oligotróficos, por exemplo, os sedimentos mariños profundos, cavernas, xeo polar ou glaciario, solo profundo, acuíferos, augas oceánicas e solos lixiviados.
Exemplos de organismos oligotróficos son o anfibio Proteus anguinus, que vive en cavernas, a bacteria, Pelagibacter ubique, que é o organismo máis abundante no océano que pode chegar a constituír a metade de todas as células presentes na superficie das augas dos océanos temperados, e os liques, que teñen unha taxa metabólica extremadamente baixa.
Adaptacións das plantas
[editar | editar a fonte]As adaptacións das plantas aos solos oligotróficos permítenlles ter unha captación de nutrientes máis eficiente, un consumo de nutrientes reducido, e un almacenamento de nutrientes eficiente. As melloras na captación de nutrientes son facilitadas polas adaptacións das raíces que poden ter nódulos para a fixación do nitróxeno, micorrizas e raíces proteoides. O consumo de nutrientes pode reducirse tendo niveis de crecemento moi baixos, e polo uso eficiente de nutrientes escasos ou pouco dispoñibles; por exemplo o uso de ións dispoñibles para manter a presión de turxencia, reservando os nutrientes de baixa dispoñibilidade para a formación de tecidos. Malia estas adaptacións, os requirimentos de nutrientes exceden tipicamente a súa captación durante a estación de crecemento, polo que moitas plantas oligotróficas teñen a capacidade de almacenar nutrientes, por exemplo nos tecidos do tronco, cando a demanda deles é baixa, e remobilizalos cando a demanda se incrementa.
Ambientes oligotróficos
[editar | editar a fonte]Un ecosistema ou ambiente é oligotrófico se ten poucos recursos para sustentar a vida. O termo utilízase para describir os ambientes das augas, xeo, aire, rochas ou solos con baixos niveis de nutrientes.
Antártida
[editar | editar a fonte]O lago Vostok, é un lago de auga doce que quedou illado a 4 km de profundidade baixo o xeo do continente antártico durante uns 15 millóns de anos,[1] que se pon xeralmente como exemplo primario de ambiente oligotrófico.
Australia
[editar | editar a fonte]Son oligotróficas as chairas areosas e solos lateríticos do sur de Australia Occidental, onde un cratón moi groso impediu a actividade xeolóxica desde o Cámbrico e no que non houbo glaciacións que renovasen os solos desde o Carbonífero. Os solos alí son extremadamente pobres en nutrientes e a maioría da vexetación debe utilizar estratexias como ter raíces proteoides para obter as pequenas cantidades que hai de nutrientes como o fósforo e o xofre.
Malia todo, a vexetación nestas rexións é salientable pola súa biodiversidade, a cal nalgunhas zonas é tan grande coma a que pode haber nunha selva tropical e produce algunhas das flores silvestres máis espectaculares do mundo. Actualmente, esta área está moi ameazada polo cambio climático que está a desprazar a faixa de chuvias invernais máis ao sur, e por despexar terreos para a agricultura ou o uso de fertilizantes. Este uso agrícula está impulsado principalmente polo baixo custo das terras, o que as fai rendibles mesmo con rendementos moi inferiores aos das zonas agrícolas de América e Europa.
Suramérica
[editar | editar a fonte]Un exemplo de solos oligotróficos son os das areas brancas brasileiras, con pH dos solos inferiores a 5,0, que se encontran na conca do Río Negro no norte da Amazonia. Esta área alberga uns bosques de baixa biodiversidade moi fráxiles e sabanas drenadas por ríos de augas negras (cor debida ás altas concentracións na augas de taninos, ácidos húmicos e outros compostos derivados da lenta descomposición da materia orgánica vexetal).[2][3][4] Bosques similares atópanse nas augas oligotróficas do delta do Río Patía na costa pacífica nos Andes.[5]
Océano
[editar | editar a fonte]No océano, as correntes cíclicas chamadas xiros oceánicos subtropicais ao norte e sur do ecuador son rexións nas cales os nutrientes necesarios para o crecemento do fitoplancto, como nitratos, fosfatos e ácido silícico, están moi diminuídos todo o ano. Estas áreas descríbense como oligotróficas e presentan un baixo nivel de clorofila superficial. Descríbense ás veces como "desertos oceánicos".[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Race against time for raiders of the lost lake". Nature 469 (7330): 275. 2011. PMID 21248808. doi:10.1038/469275a.
- ↑ Janzen, D. H. (1974). "Tropical Blackwater Rivers, Animals, and Mast Fruiting by the Dipterocarpaceae". Biotropica 6 (2): 69–103. JSTOR 2989823.
- ↑ Sioli, Harald (1975). "Tropical rivers as expressions of their terrestrial environments". En Golley, F. B.; Medina, E. Tropical Ecological Systems/Trends in Terrestrial and Aquatic Research. New York: Springer. pp. 275–288. ISBN 0-387-06706-X.
- ↑ German, Laura A. (2004). "Ecological praxis and blackwater ecosystems: a case study from the Brazilian Amazon". Human Ecology: An Interdisciplinary Journal 32 (6): 653–683. doi:10.1007/s10745-004-6831-1.
- ↑ Del Valle-Arango, Jorge Ignacio (2003). "Cantidad, calidad y nutrientes reciclados por la hojarasca fina en bosques pantanosos del Pacífico sur colombiano". Interciencia 28 (8): 443–452.
- ↑ "Study Shows Ocean “Deserts” are Expanding". NOAA. 05-03-2008. Consultado o 2009-07-17.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Número especial sobre Oligotrofización de lagos en Freshwater Biology