Os Eoas
Os Eoas | |
---|---|
Orixinais d' Os Eoas depositados nunha maleta na RAG. | |
Autor/a | Eduardo Pondal |
Lingua | lingua galega |
Xénero(s) | Epopea |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os Eoas é unha obra literaria escrita por Eduardo Pondal, enmarcada no xénero do poema épico.
Historia
[editar | editar a fonte]A pesar de se saber que, xa por volta de 1857, Eduardo Pondal estaba a traballar no proxecto dun poema épico cuxo motivo temático fose describir o descubrimento de América, o certo é que tal labor ocuparía toda a vida do poeta sen que finalmente dese á luz o texto (que pasou, ao longo dos anos, por diferentes nomes: A América descuberta, Colón, Os Hespéridas). Á luz dos fragmentos conservados —tanto autógrafos como probas de imprenta— semella, non obstante, que Pondal puido chegar a concluír acaso até dúas versións completas do poema. Porén, xa fose polo afán, realmente patolóxico, de corrixir arreo, xa aínda por dificultades editoriais, Os Eoas nunca foron publicados en vida do autor de Ponteceso. Deste xeito, o poema apenas si foi coñecido polos devanditos fragmentos conservados e, sobre todo, polos centos de papeletas autógrafas conservadas en desorde nunha mítica maleta que Pondal legou á Real Academia Galega antes de morrer. A partir deles xurdiu, en 1992, a reconstrución levada a cabo por Amado Ricón.[1]
Porén, tras as investigacións e análises levadas a cabo por Manuel Forcadela, Manuel Ferreiro e Xosé Ramón Pena, sábese na actualidade que por volta de 1913-14 o poeta levou adiante a versión derradeira do texto, preparada para ser levada ao prelo en Madrid.
Mais xa pola idade de Pondal, xa polo seu afán de emendar o escrito, xa por novas dificultades económico-editoriais, estes Eoas tampouco foron publicados.
Logo da morte do poeta, e a partir das investigacións dos autores citados (Ferreiro, Forcadela, Pena) cabe chegar á conclusión de que foron factores de carácter ideolóxico —coa presenza singular de Vicente Risco e outros a consideraren o texto como pouco acorde co resto da obra do Bardo e/ou excesivamente españolista— os que determinaron que o mecanoscrito dos Eoas se perdese nos arquivos da Academia Galega sen que os diferentes estudosos desen ningunha referencia del até a súa redescuberta no ano 2000.
Estudados, analizados e, por fin, editados (por Ferreiro, Forcadela e Pena) no ano 2005, Os Eoas viron a luz.
Trátase, nesta versión definitiva, dun conxunto de 28 seccións —ou cantos— que describen, efectivamente, a descuberta de América. Neles, Pondal levou adiante un proceso singular: o de ensamblar nun todo coherente o mundo mítico celta que figura ao longo de toda a súa produción co afán de cantar as glorias españolas e, singularmente, a chegada da fe cristiá ao novo continente. Para tal proceso —que puidese, en principio, semellar contraditorio— Pondal válese de dous elementos esenciais: dunha banda, o feito de cantar as glorias hispanas en lingua galega (e non en castelán), e doutra, aceptando a tese da nacionalidade galega de Colón, proposta por García de la Riega e Constantino Horta.
"Ti es a miña patria (Galicia). A bora Liguria/non me dou, como dicen, nacemento;/Fora certo esto, túa e miña injuria,/e grande erroer e grave nocumento,/que n´é de Breogán a raza espuria/p´ra non honrar o noso forte intenro:/Oh, que dicha, s´a boa Galicia amada/fora, por ser meu berce, celebrada!"
Galicia, España e o Cristianismo conflúen nunha vocación universal que nunca poderá xa ser borrada da Historia, nin sequera pola envexa doutras nacións inimigas.
Mais ao pé deste propósito xorde tamén esoutro enunciado no limiar: narrando un feito de tal envergadura, o idioma galego sometíase a unha proba que habería de determinar a súa absoluta validez como lingua de alta cultura, rompendo toda clase de limitacións.
Desta maneira, fronte a calquera presunción de incoherencia ideolóxica, Os Eoas están en perfecta consonancia co pensamento de Pondal e aínda do rexionalismo democrático-liberal no que sempre militou: reivindicar o valor do idioma galego e reivindicar o papel de Galicia como nación de seu pero, ao tempo, dentro dun proceso de rexeneración de España (e aínda do conxunto ibérico) que puidese facer fronte, nunha perspectiva de valores idealistas, aos novos imperialismo (anglosaxón) que estaban a xurdir.
Considerados, xa que logo, como "a procura dunha epopea fundacional", consonte X. R. Pena, Os Eoas están en liña, como apunta Xosé Luís Méndez Ferrín, con outros textos fundacionais presentes nas literaturas europeas do momento, transcendendo calquera clase de acusación de anacronismo que lles sexa aposta por certa crítica. Situados, segundo Manuel Forcadela, na evolución do realismo ao simbolismo, redimensionan a figura de Pondal, ocupando un espazo de primeira orde nas letras galegas do rexurdimento.
En 2024 Xosé Ramón Pena publicou unha edición na editorial Galaxia.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Eoas, Os". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- Ferreiro, Manuel (2003). "Para a historia d'Os Eoas. Un poema épico fundacional no labirinto das indecisións". En Maria do Amparo Tavares Maleval e Francisco Salinas Portugal. Estudos galego-brasileiros (PDF). pp. 161–192. ISBN 85-7576-033-5.
- Méndez Ferrín, Xosé Luís (1993). "Os Eoas". A Trave de Ouro (recensión da edición da Fundación Barrié) (14): 115–118. ISSN 1130-2674.
- Pena, Xosé Ramón; Forcadela, Manuel (2005). Estudos sobre Os Eoas. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Edicións. ISBN 9788478244782.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. p. 174-177. ISBN 84-8288-365-8.