Os Quinindiolas
Os Quinindiolas | |
---|---|
Orixe | Santiago de Compostela, Galicia |
Período | 1988–1992 |
Xénero(s) | Rock, hip hop |
Membros | Pepe Sendón Xelís de Toro Fran Pérez Xoán Ramos |
Os Quinindiolas [1] foron un grupo de rock en galego, activo entre 1988 e 1992. Nos comezos estiveron influídos polo rock enerxético (The Jam, The Clash, The Stooges ou The Sex Pistols), mais nunha segunda etapa, o seu son evolucionou coa influencia da música negra, sobre todo o funk (James Brown, Curtis Mayfield) e o primeiro hip hop (Run DMC, Public Enemy). O seu único EP, unha gravación moi ben producida, deixou rexistro de que Os Quinindiolas desta segunda etapa era un grupo que estaba na vangarda da música daquel tempo.
Compoñentes
[editar | editar a fonte]- Pepe Sendón (1988-92): batería, voz
- Xelís de Toro (1988-91): voz
- Fran Pérez (1989-92): baixo, guitarra, voz
- Xoán Ramos (1988-90): guitarra
- Marcos Teira (1991-92): guitarra
- Óscar (1988-89): baixo
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicios
[editar | editar a fonte]Os Quinindiolas xorden a finais dos anos oitenta do século XX a partir do Colectivo Favorita, do que formaban parte Pepe Sendón e Xelís de Toro. Este colectivo operaba en Santiago de Compostela editando revistas, organizando performances e facendo grafittis. Un dos proxectos da Favorita foi Trilateral, un grupo de afinidade con artistas de Santiago, Porto, Barcelona e máis tarde Milán.
O interese pola música xorde cando os milaneses adquiren na Europa do Leste unha máquina de prensar vinilos. Esta adquisición provoca a decisión da Trilateral de gravar un disco colectivo. Pepe Sendón coordina a gravación da canción que aportan os de Santiago.
Consolidación
[editar | editar a fonte]A partir de aí, algúns membros da Favorita empezan a quedar informalmente nun local de ensaio onde lles prestaban os instrumentos, e compoñen algunhas cancións máis. Os integrantes do grupo nese momento son Pepe, Xelís, Xoán e Óscar. Esta é a formación que se presenta ao concurso de maquetas Racha coas Ondas de TVE-Galicia.
Pouco despois, vendo Os Quinindiolas que aínda non tiñan repertorio abondo, deciden acudir ao encontro da Trilateral en Barcelona acompañados do grupo compostelán Nicho Varullo. Este encontro dos Nicho e dos Quinindiolas enriquece aos dous grupos, pois un membro de cada un deles pasa a formar parte tamén do outro grupo: Pepe Sendón entra en Nicho Varullo a tocar a batería, posto que acababa de quedar vacante. E Fran Pérez, baixista dos Nicho, entra tamén a tocar o baixo nos Quinindiolas. Con Fran de baixista, Os Quinindiolas evolucionan rápido, aumentan o seu repertorio, e empezan a dar concertos en moitos lugares de Galicia.
Logo dun tempo tocando en directo, Xan tivo problemas de saúde e o grupo tivo que parar a súa actividade. Curiosamente, foi neste momento cando tiveron oportunidade de deixar rexistro sonoro e visual da súa actividade: no ano 91 gravaron o EP, e tamén os playbacks para os programas Sitio Distinto e Mar a Mar da TVG. Todas estas gravacións foron en formato de trío, con Xelís, Pepe e Fran.
Separación
[editar | editar a fonte]Andando o ano 91, Xelís deixa o grupo ao irse de lector de galego á Universidade de Birmingham. Despois diso, Os Quinindiolas aínda fixeron algún concerto en trío, contando con Marcos Teira á guitarra. Pero no ano 92 Fran e Pepe (que tamén eran membros do Grupo teatral Chévere) vólcanse na inminente apertura da Sala Nasa, e Os Quinindiolas abandonan a actividade.
Traballos gravados
[editar | editar a fonte]- A canción "Esperando ao meu amigo", incluída nun EP de 4 cancións editado pola Trilateral.
- Os Quinindiolas. EP de 5 cancións gravadas en 1991 nos estudos Sitar de Pontevedra por Antonio Vázquez. Foi editado moitos anos despois, en 2009, por A Regueifa Plataforma.
- Son pregravado para o programa Sitio Distinto da TVG.
- Son pregravado para o programa Mar a Mar da TVG.