Osteoloxía
A osteoloxía é unha rama da anatomía descritiva que trata do estudo científico do sistema óseo en xeral e dos ósos que o conforman en particular.
Funcións dos ósos
[editar | editar a fonte]Os ósos, vistos tanto como unidade ou conxunto, posúen catro funcións:
a) Estruturais: Os ósos dan estrutura e forma ao corpo, sendo o soporte principal deste. É a función máis importante que posúen.
b) Locomotor: Resultado da interacción dos ósos cos músculos e as articulacións, permitindo o movemento.
c) Hematopoética: Encárganse da produción de certos compoñentes do sangue, por medio da medula ósea vermella.
d) Almacén de calcio e fosfato: Os ósos supoñen un almacén tanto de calcio como de fosfato, e tanto o depósito destes como a mobilización do óso contribúen a manter as concentracións de ambas as especies dentro duns niveis adecuados.
Tipos de tecidos óseos
[editar | editar a fonte]O óso esponxoso, sinónimo de óso trabecular, é un dos dous tipos de tecido óseo que forma os ósos. En comparación co óso compacto, ten unha superficie maior, mais é menos denso, máis suave, máis débil e menos ríxido. Polo xeral prodúcese nos extremos dos ósos longos, nas proximidades das articulacións e no interior das vértebras. O óso esponxoso está moi vascularizado e con frecuencia contén a medula ósea vermella, onde ten lugar a hematopoese ou produción de células sanguíneas. A principal unidade anatómica e funcional do óso esponxoso é a trabécula.
Tipos de ósos
[editar | editar a fonte]Segundo as súas dimensións, podemos clasificar os ósos en:
1) Ósos longos: Son ósos onde predomina a lonxitude sobre anchura e espesor. Este posúe:
- Dous extremos ou epífise, onde adoitan conectarse con outros ósos por medio de articulacións
- Un corpo ou diáfise, composto só por tecido óseo compacto, presentando no seu interior só unha canle chamada conduto medular, recheo de medula ósea amarela
- Unha zona de unión ou límite entre diáfise e epífise, coñecida como metáfise, formada por un disco cartilaxinoso que permite o alongamento do óso. Este tipo de óso atópase nas extremidades superiores e inferiores.
Os ósos longos son ósos duros e densos que proporcionan resistencia, estrutura e mobilidade, como o fémur (óso da coxa). Así mesmo, hai ósos nos dedos das mans que se clasifican como "ósos longos", aínda que sexan curtos en lonxitude, o cal se debe á forma e non ao tamaño real.
Os ósos longos conteñen medula amarelo e medula vermella.
2) Ósos curtos: Son ósos onde as tres dimensións son practicamente iguais.
Ademais hai outro tipo de ósos pequenos, formados por tecido laminar compacto por fóra, e tecido laminar esponxoso no centro. A este tipo de ósos pertencen os carpo e tarsos. Ademais, estabelecense en dous subclasificacións:
2.1.) Ósos sesamoides: Tipo de óso curto que é atopado en relación a un tendón, coa función de mellorar a mecánica articular. O exemplo máis claro é a rótula ou patela.
2.2) Ósos supernumerarios: Tipo de óso curto que non se atopa en todas as persoas.
2.3) Ósos planos: Son o tipo de óso onde predomina a lonxitude e o ancho sobre o seu espesor. Están formados por tecido laminar compacto por fóra, denominado áploe, e tecido laminar esponxoso no centro, denominado díploe. Este tipo de ósos atópase formando cavidades no corpo, como poden ser os ósos do cranio ou do tórax (caixa torácica) entre outros.
2.4) Ósos irregulares: Representan todos aqueles ósos que pola súa forma non se poden clasificar noutro tipo. A este tipo de ósos pertencen as vértebras. Ademais, dentro desta clasificación atópanse os ósos pneumáticos, que posúen cavidades cheas de aire. Os ósos que forman a cara teñen esta característica.
Desenvolvemento do óso
[editar | editar a fonte]Os primeiros ósos son orixinados a nivel embrionario por medio de membranas. Ademais, en certos puntos do corpo a cartilaxe existente transformarase en óso a medida que crecemos, proceso coñecido como osificación. A osificación consiste na incorporación de sales minerais á cartilaxe, substituíndo a súa conformación orixinal de substancias orgánicas como o mucopolisacárido por sales de calcio e magnesio. O lugar onde se produce este proceso nun óso é coñecido como centro de osificación. Pódense distinguir dous tipos de desenvolvemento nun óso: o crecemento e o alongamento.
- No crecemento dun óso, a capa de periósteo osteoxénico crece ao redor do óso, permitindo a súa expansión en volume. O crecemento ocorre durante toda a vida, sendo máis lento ao alcanzar a adultez, onde só serve como renovador de tecidos.
- No alongamento dun óso, a cartilaxe de crecemento ou metáfise osifica o óso, expandíndoo cara á epífise e cara á diáfise, o que provoca un alongamento e por conseguinte un aumento da estatura do individuo.
Reparos anatómicos óseos
[editar | editar a fonte]Os reparos anatómicos óseos son zonas do óso que posúen formas irregulares, cada unha cunha función específica. Pódense clasificar en dous tipos: prominencias e depresións.
a) Prominencias: Son aquelas irregularidades que sobresaen na superficie do óso. Destas podemos atopar, entre moitas outras: apófise ou procesos, tubérculos, trocánteres, tuberosidades, espiñas e cristas.
b) Depresións: Son aquelas irregularidades que están deprimidas no óso. Destas podemos atopar surcos, buracos e fosas.
O esqueleto é o conxunto de todos os ósos do corpo. Pódense clasificar segundo a súa distribución no organismo de dúas formas:
a) Axial: O esqueleto axial é aquel que forma o eixo principal do corpo, e está formado polos ósos da columna vertebral, o cranio, o tórax e a pelve.
b) Apendicular: Atópase anexo ao esqueleto axial e está formado polos ósos das extremidades inferiores e superiores.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Osteological Aspects
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de osteoloxía |