Saltar ao contido

Pacto do Pardo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Caricatura de Sagasta e Cánovas, na que se fai alusión expresa ao Pacto do Pardo, na revista satírica española Don Quijote (1894).

O Pacto do Pardo, tamén chamado Pacto da Moncloa,[1] foi un acordo que supostamente tería lugar o 24 de novembro de 1885,[2] no Palacio do Pardo (Madrid), a véspera da morte do rei Alfonso XII.[3]

A reunión foi acordada a través do xeneral Martínez Campos que reuniu a Cánovas del Castillo e Práxedes Mateo Sagasta,[4] líderes respectivos dos dous partidos máis importantes da Restauración monárquica, o Partido Conservador e o Partido Liberal, co propósito de apoia-la rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena, embarazada do futuro Afonso XIII, e proporcionar ao réxime unha estabilidade que consideraban ameazada tanto polo entón máis que probable falecemento do monarca,[4] como pola presión política de carlistas e republicanos.[5]

Neste pacto concretouse un cambio futuro, ou alternancia, de goberno sen sobresaltos entre ámbalas dúas formacións[3][6], aínda que xa estaba practicamente admitido dende que Sagasta accedera ao goberno por primeira vez en 1881 e Cánovas ofrecera ceder o poder a cambio de que os liberais aceptaran a constitución de 1876. O 27 de novembro, Sagasta formou un novo goberno, tal como se acordara tres días antes.

Unha segunda intención do pacto foi integrar no sistema a aqueles forzas políticas que quedaran á marxe da Restauración de 1875: os conservadores atraerían a ultradereita de Alejandro Pidal y Mon, e os liberais aos "posibilistas" de Castelar.[7]

Esta "quenda pacífica" instaurada no Pacto do Pardo funcionou alternativamente entre ámbalas dúas formacións até 1909, repartíndose os gobernos e afastando a outras opcións políticas del. Así, coa aplicación deste pacto, Cánovas presidiu tres gobernos, con breves parénteses de Jovellar e Martínez Campos, até o 6 de febreiro de 1881; data na que Sagasta formou o seu primeiro gabinete liberal, no que se mantivo até o 13 de outubro de 1883. Sagasta foi subtituído por un breve goberno da chamada entón Izquierda Dinástica (José de Posada Herrera e López Domínguez), para dar paso ao cuarto goberno de Cánovas del Castillo, o 18 de xaneiro de 1884.

Con todo existen outras fontes que afirman que non existiu un pacto como tal —no sentido de fraguar de entón en adiante unha pacífica «quenda de partidos»— senón como unha simple entrevista entre ámbolos dous líderes na que acordarían a necesidade de certa vontade de consenso nun período crítico para o devir político do país.[8] Tamén hai autores que falan dunha simple conferencia, na véspera da morte do rei, na que se establece unha tregua política até 1888.[9]

  1. Martín (2011), p.425
  2. Vega Junquera, Anselmo (2010). El secreto de Amparo (epub). Oviedo: masonica.es. ISBN 978-84-92984-32-9. 
  3. 3,0 3,1 Bernecker, Collado-Seidel e Hoser (1999), páx. 280.
  4. 4,0 4,1 García Gómez e Ordaz Romay (2005), páx. 105.
  5. Vidal Manzanares, Gustavo (2009). Pablo Iglesias. Col. Historia incognita. Madrid: Nowtilus. p. 142. ISBN 978-84-9763-729-9. 
  6. Seco (2006), p. 219.
  7. Seco (2006), p. 220
  8. Andrés-Gallego (1981), p. 316.
  9. Peña Guerrero, Mª Antonia (1998). Clienteleismo político y poderes periféricos durante la Restauración: Huelva 1874-1923. Huelva: Publicaciones Universidad de Huelva. p. 179. ISBN 84-95089-17-3. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Andrés-Gallego, José (1981). Historia General de España y América: Revolución y Restauración: (1868-1931). Tomo XVI-2, Hª General de España y América. Ediciones Rialp. ISBN 9788432121142.
  • Bernecker, Walther L.; Collado-Seidel, Carlos; Hoser, Paul (1999). Los reyes de España: dieciocho retratos históricos desde los Reyes Católicos hasta la actualidad. Siglo XXI de España Editores. ISBN 9788432309984
  • García Gómez, María del Carmen; Ordaz Romay, Javier (2005). Materiales para la Historia de España. Col. Diccionarios para la enseñanza 6. Madrid: Akal. ISBN 9788446019619. 
  • Martín Escribano, Ignacio (2011). La plaga de los Borbones (2ª ed.). Madrid: Vision Libros. ISBN 978-84-9011-012-6. 
  • Seco Serrano, Carlos (2006). "De la democracia innovadora de 1869 a la síntesis integradora de 1876". En Anes, Gonzalo. Veinticinco años de la Constitución Española. Estudios 14. Madrid: Real Academia de la Historia. ISBN 9788495983749. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]