Saltar ao contido

Caimán almiscreiro do Brasil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Paleosuchus trigonatus»)
Caimán almiscreiro do Brasil
Estado de conservación

Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: Alligatoridae
Subfamilia: Caimaninae
Xénero: Paleosuchus
Especie: P. trigonatus
Nome binomial
Paleosuchus trigonatus
(Schneider, 1801)
Área de distribución do P. trigonatus (en verde)
Área de distribución do P. trigonatus (en verde)

Área de distribución do P. trigonatus (en verde)
Sinonimia
  • Crocodilus palpebrosus (Cuvier, 1807)
  • Crocodilus (Alligator) trigonatus (Merrem, 1820)
  • Champsa trigonata (Wagler, 1830)
  • Alligator palpebrosus (Dumeril and Bibron, 1836)
  • Caiman trigonatus (Gray, 1844)
  • Caiman (Paleosuchus) trigonatus (Gray, 1862)
  • Jacaretinga trigonatus (Vaillant, 1898)
  • Paleosuchus niloticus (Muller, 1924)
  • Crocodylus niloticus (Werner, 1933)

O caimán almiscreiro do Brasil [2] (Paleosuchus trigonatus), ás veces chamado caimán anano de Schneider[3], é un réptil crocodiliano de Suramérica, nativo das cuncas do río Amazonas e Orinoco. É a segunda especie de menor tamaño da familia dos aligatóridos, despois do Paleosuchus palpebrosus, tamén do seu mesmo xénero e da Suramérica tropical. Un adulto medra normalmente ata de 1,2 a 1,6 m de lonxitude e pesa entre 9 e 20 kg. Algúns machos excepcionalmente grandes poden chegar como moito aos 2,3-2,6 m de longo e aos 36 kg de peso.

Etimoloxía e nome

[editar | editar a fonte]

O seu nome científico deullo o naturalista alemán Johann Gottlob Schneider en 1801. O nome xenérico Paleosuchus vén do grego palaios 'antigo' e soukhos 'crocodilo'. Isto fai referencia á crenza de que este crocodiliano procedía dunha antiga liñaxe que diverxeu das outras especies de caimáns hai uns 30 millóns de anos. O nome específico trigonatus deriva do grego trigonos 'tres esquinas' coa terminación latina atus 'provisto con', referido á forma triangular da súa cabeza.[4] O nome común que se lle dá nalgúns idiomas (caimán anano de Schneider) deriva do seu pequeno tamaño e do autor que o describiu.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A cabeza desta especie é similar á de Caiman crocodilus, pero non hai unha ponte ósea (os "anteollos") entre os ollos. Os escudos óseos do dorso e do pescozo e cola son grandes, triangulares e agudos. Teñen unha armadura corporal moi osificada tanto pola parte dorsal coma pola ventral. A súa cola relativamente curta é ancha na súa base e aplanada dorsoventralmente a diferenza de moitas especies de crocodilianos que teñen colas aplanadas lateralmente. Os escudos corporais da cola teñen proxeccións laterais; e a cola está tan ben acoirazada que é relativamente pouco flexible. Este caimán é de cor marrón verdosa escura con ollos marróns. Os machos medran ata de 1,7 a 2,3 m de longo, e os espécimes maiores rexistrados chegaron a 2,6  m. As femias raramente pasan de 1,4 m. É un robusto crocodiliano, forte para o seu tamaño, e adoita levar a cabeza alta co seu pescozo formando un ángulo cara ariba.[4][5]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Un P. trigonatus na beira dun río

É nativo das cuncas do Amazonas e Orinoco de Suramérica e pode encontrarse en Bolivia, Brasil, Colombia, Ecuador, Güiana francesa, Güiana, Perú, Suriname e Venezuela. Habita en pequenos regatos en áreas forestais nas que nalgúns casos a auga pode ser insuficientemente profunda para que se mergulle completamente. Vese a miúdo en áreas abertas e normalmente non toma o sol, mesmo en catividade.[5][6]

Comportamento e historia vital

[editar | editar a fonte]

O adulto ten hábitos crípticos e con frecuencia pode verse durante o día porque se non está agochado nas súas toqueiras baixo a auga, pasa gran parte do seu tempo ata a 100 m da auga, oculto na densa vexetación, en troncos ocos, ou baixo árbores caídas.[5] Os machos son territoriais e as femias teñen pequenos dominios vitais.[6] Os adultos son semiterrestres e aliméntanse principalmente de animais como os porco espiños, pacas, serpes, aves e lagartos, consumindo poucos peixes e moluscos. As crías aliméntanse principalmente de insectos nas súas primeiras semanas de vida, cambiando a presas máis grandes a medida que crecen.[5] A mortalidade dos xuvenís é alta, pero a dos adultos é baixa, aínda que os grandes carnívoros como o xaguar ás veces os comen.[4]

As femias maduran e empezan a criar aos 11 anos e os machos aos 20.[6] A femia constrúe unha gran morea de follas caídas e solo que será o seu niño ao final da estación seca ou pode usar un niño preexistente. Fan unha posta de 10 a 15 ovos e cóbrena con máis material vexetal. A calor que xera a vexetación en descomposición do niño axuda á incubación e un bo illamento do niño axuda a conservala. Os niños constrúenos a miúdo contra os laterais de termiteiros e a calor xerada polas térmites contribúe a manter a posta a unha temperatura case constante.[5] Os ovos deben manterse a unha temperatura entre 31 e 32 °C para a produción de descendentes machos. O período de incubación é duns 115 días e as femias permanecen preto do niño durante polo menos a parte inicial dese período, proporcionándolle protección contra os depredadores. Durante a incubación, poden crecer raíces de plantas a través do niño, e o solo preto dos termiteiros pode cementar os ovos. Isto significa que cómpren os coidados parentais cando os ovos van eclosionar para axudar a que as crías escapen da cámara do niño. Unha vez que a femia transporta as crías que eclosionaron a unha área de gardería, a femia permanece con eles durante unhas poucas semanas despois do cal as crías dispérsanse. As femias pode pasar un ano sen volver a criar outra vez.[5]

Status e conservación

[editar | editar a fonte]

Esta especie non é moi cazada porque a súa pel contén moitos escudos óseos, o que a fai pouco útil como coiro. Pero estes animais son capturados en Güiana para o comercio de mascotas. As principais ameazas para estas especies son a destrución dos seus hábitats boscosos e a contaminación do seu medio ambiente polas actividades da minaría do ouro. Estímase que na natureza hai aproximadamente un millón de individuos,[4] e a especie foi catalogada pola IUCN como en situación "menos preocupante". Está na lista de CITES no Apéndice II, para limitar a súa sobreexplotación no comercio internacional.[1]

  1. 1,0 1,1 Crocodile Specialist Group 1996. Paleosuchus trigonatus Arquivado 02 de decembro de 2008 en Wayback Machine. 2006 IUCN Red List of Threatened Species., IUCN Downloaded on 29 de xullo de 2007.
  2. Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (C). A Coruña, Deputación da Coruña, 2000, p. 720
  3. Paleosuchus trigonatus, The Reptile Database.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Britton, Adam (2009-01-01). "Paleosuchus palpebrosus (Schneider, 1807)". Crocodilian species list. Arquivado dende o orixinal o 29 de decembro de 2018. Consultado o 2013-11-04. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Ross, Charles A. (ed.) (1992). Crocodiles and Alligators. Blitz. pp. 62, 121–124. ISBN 9781853910920. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Magnusson, William E.; Lima, Albertina P. (1991). "The ecology of a cryptic predator, Paleosuchus tigonatus, in a tropical rainforest". Journal of Herpetology 25 (1): 41–48. JSTOR 1564793. doi:10.2307/1564793. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]