Saltar ao contido

Paleta de Narmer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Paleta de Narmer

Copia da orixinal.
Data -3100 - -3200
Características
Lonxitude 64 cm
Anchura 45 cm
Altura 6,5 cm
Materiais Lousa
Descuberta
Localización Hierakómpolis, El-Kab, Exipto Exipto
Descubridor/a James E. Quibell
Frederick W. Green
Data 1894
Conservación
Localización Museo Exipcio do Cairo

A Paleta de Narmer ou Gran paleta de Hierakómpolis é unha paleta exipcia datada entre 3100 e 3200 a. C. e que contén algúns dos xeróglifos máis antigos actualmente coñecidos. Trátase dunha placa cerimonial (ou, segundo outros autores, unha base para preparar maquillaxe) con inscricións e relevos representando o acontecemento histórico da unificación do Alto e Baixo Exipto sobre o faraón Narmer (posibelmente outro nome para Menes ou un antecesor seu).

A paleta, que sobrevive en óptimas condicións, foi atopada polos arqueólogos británicos James E. Quibell e Frederick W. Green en 1894 en Hierakómpolis, a antiga capital predinástica do Alto Exipto, no santuario do voitre Nekhbet, protector dos reis do Sul, situado en El-Kab. Na mesma escavación atopáronse a maza de Narmer e a maza de Escorpión. Desgraciadamente, o lugar exacto destes achados non foi rexistrado apropiadamente. En todo caso parece que a Maza de pedra formaba parte dun depósito e obxectos votivos do protodinástico (ás veces denominado "depósito principal"), enterrado baixo o chan do templo que data do Imperio Antigo mentres que a paleta se atopou a uns metros de distancia.

A paleta encóntrase actualmente no Museo Exipcio do Cairo, Exipto.

Descrición

[editar | editar a fonte]

As paletas son un dos documentos máis antigos polos que se pode coñecer a historia de Exipto. Datan do período predinástico e atópanse nas áreas de asentamento do Gerzense ou Naquada II (3600-3200 a. de C. aproximadamente), cultura moi estendida que se pode atopar até na Baixa Nubia. Nun principio, a súa función era a de servir de soporte aos pigmentos, cremas, óleos etc. que se aplicaban sobre o corpo. Era frecuente atopalas nos enxovais funerarios ou como ofrendas aos templos. Elaborábanse en diferentes materiais, como a pedra, o marfil, o óso etc. e nelas plasmábanse tanto feitos mitolóxicos como reais.

O estudo da paleta non está exento de problemas e existen mesmo diferentes abordaxes sobre cal sería a súa función. Mais a gran liña temporal que separa a creación da paleta da arte final do antigo Exipto permite, no entanto, observar como moitas das características e elementos se repiten ao longo da súa historia, o que posibilita unha mellor interpretación.

A placa, decorada en baixorrelevo en ambos os lados, consiste nunha única peza de lousa ou xisto verde puído de 64 cm de lonxitude, 45 cm de anchura e 6,5 cm na súa parte máis grosa. Presenta unha forma aproximada á dun escudo. Na parte superior das dúas faces hai serekhs (o antecesor do cartucho) cos símbolos n'r (peixe-gato) e mr (cicel), representación fonética do nome de Narmer.

Face anterior

[editar | editar a fonte]
Face frontal.

A face anterior encóntrase dividida en 4 niveis: superior, intermedio superior, intermedio inferior e inferior.

A zona superior, que termina nunha forma recortada, é similar en ambos os dous lados e presenta o nome do rei nun serekh, co nome do faraón) inscrito entre dúas cabezas de bovino (interpretacións: unha vaca - como referencia ás deusas Hathor ou Bata ou un boi – como referencia á forza do rei). Aquí pódense xa observar diferenzas do estilo de representación que tanto caracteriza a arte exipcia das "grandes" dinastías; aquí asúmese aínda a representación frontal do obxecto.

A zona intermedia superior presenta do lado esquerdo a Narmer usando a coroa vermella (deshert) do Baixo Exipto e como a figura de maiores dimensións da composición. Á esquerda do rei xorde o seu portador das sandalias rexias so unha roseta (talvez o seu nome) e un símbolo rectangular non identificado (talvez o nome dunha vila). O feito de que Narmer se encontre descalzo reforza a idea de que o acontecemento ten lugar nun espazo sagrado ou da importante relación coa terra. Á dereita do rei aparece unha figura de cabelos longos (posibelmente un sacerdote de nome Tshet) precedido por catro portaestandartes con símbolos da casa real ou das rexións do reino (unha pel de animal, un can e dous falcóns). Do lado dereito deste nível encóntrase o destino desta procesión: unha fileira de dez cadáveres decapitados, posibelmente os derrotados da rexión conquistada. É importante sinalar que estas figuras están representadas como sendo vistas desde arriba, o que denota unha preocupación por escoller a vista que mellor se aplica a determinada situación. Os símbolos sobre esta representación -un barco, un falcón e un arpón- poderían significar o nome da nova provincia fundada.

A zona intermedia inferior presenta dous animais fantásticos (serpopardos) cuxos pescozos se entrelazan formando un círculo no centro da paleta (talvez onde se moían os pigmentos). Estes animais están a ser domados por dúas figuras totalmente representadas de lado (vista utilizada para figuras de menor importancia) e crese que simbolizan a unión entre o Alto e o Baixo Exipto; contradicindo esta teoría están outras representacións idénticas na Mesopotamia e o feito de que se trata dunha imaxe única na arte exipcia.

A zona inferior reforza unha vez máis a forza do rei vencedor pola ilustración dun boi que domina unha figura humana, un inimigo, aos seus pés (bastante contorsionada en relación aos cánones exipcios de representación posteriores) e unha muralla na zona superior.

Face posterior

[editar | editar a fonte]
Face posterior da reprodución exposta no Royal Ontario Museum.

A face posterior encóntrase dividida en 3 niveis: o nivel superior, o intermedio e o inferior.

A zona superior é idéntica á da face anterior.

A zona intermedia é a de máis destacada desta face e simboliza o poder e a vitoria do rei unificador, Narmer, que, unha vez máis, é representado como a figura de maiores dimensións e que usa, nesta escena, a coroa branca (hedjet) do Alto Exipto e a cola bovina, peza usada en acontecementos solemnes. Axeonllado aos seus pés do lado dereito está unha figura agarrada polos cabelos simbolizando o inimigo (posibelmente un libio), a derrota das rexións conquistadas, cuxo nome probabelmente é o que aparece a carón da cabeza. Ao lado esquerdo do rei, nunha posición máis recollida, está novamente o portador de sandalias. Do lado dereito, sobre a cabeza da vítima, xorde unha imaxe composta de significado ambiguo (o Deus falcón Horus asegura unha corda atada a unha cabeza na base dun ramallo de seis flores de papiro), onde se pode establecer a relación entre o faraón e o deus como diferentes representacións da mesma entidade. As flores de papiro interprétanse como as marismas do delta do Nilo, como que a batalla foi nunha zona de marismas ou como que foron seis mil os inimigos vencidos.

A zona inferior presenta dúas figuras espidas e barbadas contorsionadas (non se sabe se a correr ou escarranchadas no chan), moi posibelmente representacións do inimigo derrotado. Os símbolos que aparecen a carón das súas cabezas son unha muralla e un nó.

Convencións

[editar | editar a fonte]

Esta peza ten moitas particularidades propias da etapa artístico en que se creou, mais posúe tamén moitos dos elementos que permanecerán inmutábeis ao longo de 3.500 anos, as convencións de representación.

Dun modo xeral, pódese dicir que a paleta presenta xa o estilo claro, racional e sintético que tanto caracteriza a arte exipcia posterior, a división do espazo en niveis horizontais ben demarcados, a descrición inmóbel e solemne dun acontecemento importante descrito de modo simbólico (desproporcións dimensionais entre figuras de acordo coa súa importancia, p. ex.) e narrada por xeróglifos.

Tamén a representación humana se resume aquí a tres posíbeis puntos de observación destituídos de volume ou tridimensionalidade: desde arriba (no caso da fileira de cadáveres), de lado (no caso dos portaestandartes) e de fronte (no caso dos bovinos da zona superior). Na figura do faraón pódese ver xa a representación simultánea de dous puntos de vista diferentes, estilo que permanecerá ao longo da arte exipcia, a Lei da Frontalidade: cabeza e pernas vistas de lado, ollos e ombros vistos de fronte.

Interpretación

[editar | editar a fonte]

Un concepto fundamental da paleta é o protagonismo total do rei, a figura unificadora do país, Menes, que algúns identifican con Narmer (pola aparición dunhas improntas de selos en Abidos, nos que os seus nomes aparecen unidos). O problema da unificación é outra das cuestións nas que non hai acordo. Na paleta, o soberano aparece tanto coa coroa do Sul como coa do Norte, mais non coa dupla coroa, o cal se interpretou como que o que se está a representar é a culminación do proceso de unificación dos dous territorios. Pode tamén que se tratase dunha reunificación cando un rei do Norte, con capital en Buto invadise o Sul, con capital en Nekhen, unión que non tardaría en desaparecer cara ao final do Gerzense.

Nun momento posterior comezaría un proceso de expansión ou reconquista por parte do Alto Exipto, que remataría co inicio do Período Dinástico, mesmo que a unificación non sería total e polo tanto non tería desaparecido a identidade de cada un dos estados, o que ocasionaría que en momentos de crise do poder central os territorios predinásticos se separarían. Durante os primeiros reis aínda se produciron enfrontamentos.

Hai mesmo quen pensa que no Norte non chegou a existir unha monarquía única, senón pequenos territorios equivalentes aos nomos posteriores, cada un deles cun gobernante propio, que terían sido conquistados por un estado unificado do Sul. Outros investigadores argumentan que o motivo destas conquistas se debeu ao control das inundacións do río Nilo e a obtención do metais, o que tería motivado un enfrontamento no Sur que se tería estendido cara ao Norte.

No ámbito relixioso tamén se poden apreciar certas características relacionadas coa unificación de Exipto, como no caso dos mitos, sendo o máis coñecido o de Osiris ou as loitas entre Horus e Set.

Hoxe en día outras teses, as maioritarias, consideran que as decoracións desta paleta e doutros obxectos similares contemporáneos describen acontecementos concretos. Nicholas Miller interprétaos como auténticos resumos dos acontecementos máis destacados do ano de reinado do gobernante no que foron ofrecidos tales obxectos ao templo, poñendo en garda contra a tentación de tomar os acontecementos como necesariamente importantes e "históricos".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]