Panfronio
Biografía | |
---|---|
Senador romano | |
![]() | |
Actividade | |
Ocupación | político ![]() |
Panfronio foi un senador romano que viviu na segunda metade do século VI.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Panfronio, se cadra descendente do uir illustris Panfronio correspondente de Ennodio na época de Teodorico.[1][2], era un oficial civil imperial de alto rango e membro importante do senado romano. Viviu no período da guerra gótica (535-553), a consecuencia da cal Italia foi conquistada polo Imperio romano de Oriente (ou bizantino). Como confirmación da importancia que revestía Panfronio en Italia, ao final da guerra (sobre 555) o Emperador Xustiniano I dirixiu unha constitución imperial que atanguía os debedores en Italia e Sicilia precisamente a Panfronio, ademais de ao xeneralísimo Narsés e ao senado. Probabelmente na época da constitución imperial en cuestión, Panfronio era o praefectus urbi de Roma.[2][3]
Panfronio aparece citado como patricius e membro do senado romano en dous fragmentos da obra histórica (que só sobrvive en fragmentos) do historiador clasicista bizantino Menandro Protector. Conta Menandro que sobre o 561 o xeneralísimo Narsés enviou a Panfronio e o comes patrimonii per Italiam, Bono, onda o xeneral franco Amingo para lle pedir que non obstaculizase o cruzamento do río Adige por parte do exército bizantino, pois iso significaría vilar a tregua acadada un tempo antes entre imperiais e francos; Amingo, porén, negouse, con toda probabilidade porque estaba aliado co godo rebelde Widin, a que estaba a combater Narsés,[4] obrigando a Narsés a enfrontarse con el e vencelo xunto con Widin.[5]
No 578/579 Panfronio, se cadra na época caput senatus,[1][2] foi enviado polo senado romano como embaixador a Constantinopla para pedirlle ao emperador Tiberio II axuda contra os longobardos, que no 568 invadiran a península e que en poucos anos a ocuparan en gran parte, chegando mesmo a cercar Roma no curso do ano 579. Tiberio II, porén, estaba ocupado contra os persas, polo que estaba imposibilitado para enviar reforzos a Italia; en cambio rexeitou as 3.000 libras de ouro que Panfronio pretendía darlle como regalo pola súa subida ao trono (Tiberio II era de feito emperador había pouco) e aconselloulle que o empregase para corromper os duques longobardos para os empurrar a pasar ao servizo de Bizancio ou ben para lle pedir axuda aos francos.[6] Tales medidas, con todo, non fixeron efecto.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Menandro Protector, Historikon syngramma.(en grego)
- Paulo Diácono, Historia Langobardorum.
- Xustiniano, Nov. Appl. 8.
- The Prosopography of the Later Roman Empire, Volume IIIb, pp. 962–963 ("Pamphronius")
- Giorgio Ravegnani, I Bizantini in Italia, Mulino, Bologna, 2004.