Pantano
Un pantano é unha zona húmida plana e pouco profunda co fondo xeralmente cuberto de lodo, onde vive vexetación herbácea adaptada, arbustiva e arbórea, que pode ter augas permanentes ou non, doces, salobres ou salgadas.[1] Moitos pantanos orixínanse ao longo dos ríos, en vales e zonas baixas, e zonas abandonadas polos ríos como meandros e leitos fluviais abandonados,[2] pero tamén en zonas costeiras e ribeiras de lagos.[3] As augas dos pantanos flúen lentamente ou están encoradas, polo que neles se acumula materia orgánica e poden crecer bacterias que orixinan o "gas dos pantanos" (metano). En primitivos pantanos orixináronse depósitos que darían lugar á turba e ao carbón. Como o nivel das augas é con fecuencia flutuante, a vexetación ten que estar adaptada a períodos de inundación.[4] As especies dominantes varían segundo o tipo de pantano e a zona do mundo, pero nos pantanos europeos abundan as plantas poáceas, tifáceas, xuncáceas, e ciperáceas, e outras plantas acuáticas. Algunhas das zonas pantanosas máis extensas do mundo atópanse ao longo dos maiores ríos, como o Amazonas, Mississippi, e Congo.[5] Adoitan ter un gran valor ecolóxico.
As zonas similares situadas nas costas inundadas periodicamente pola marea nas que crecen mangleiros e outros seres vivos halófilos, denomínanse mangleirais. Outros pantanos costeiros con influencia das mareas son as marismas.
Valor e produtividade
[editar | editar a fonte]Tradicionalmente, os pantanos e outras zonas húmidas eran considerados de escaso valor, improdutivos e mesmo insáns e eran utilizados principalmente como zona de caza e pesca, polo que o máis habitual era que se procurase desecalos para utilizar as terras para a agricultura ou expansión urbana, ou para evitar enfermidades transmitidas por insectos.[6] Algúns pantanos costeiros drenáronse construíndo canais e gavias de drenaxe, que ao final deixaron entrar a auga do mar e acabaron convertendo os pantanos en marismas ou mesmo desapareceron sendo ocupados polo mar, como ocorreu en zonas de Luisiana, EUA.[1][7] En Europa probablemente se perderon case a metade das zonas húmidas debido á súa drenaxe.[6] En Nova Zelandia perdeuse o 90 % en só 150 anos.[8]
Actualmente recoñécese o seu importante valor ecolóxico como hábitat dunha gran biodiversidade de seres vivos, e por proporcionar auga e oxíxeno, e o control de inundacións,[9] polo que adoitan contar con protección legal para a súa conservación. Algúns pantanos de zonas inundables son moi importantes para a reprodución dos peixes.[10] En Europa estanse a facer grandes esforzos na restauración de moitas zonas pantanosas,[2] igual que noutras partes do mundo.[2][11][12]
Ecosistema dos pantanos
[editar | editar a fonte]A auga dun pantano pode ser doce ou máis ou menos salgada. As condicións adoitan ser redutoras con escaseza de oxíxeno polas inundacións causadas pola subida do nivel das augas; os elementos do solo e a materia orgánica en descomposición están presentes en formas reducidas moi solubles e, por tanto, moi móbiles. Estas condicións anóxicas son propicias para a formación de metano por degradación dos glícidos, e de sulfuro de hidróxeno, cheirento e tóxico, por redución do xofre.
A auga que vén das profundidades do solo pode estar cargada de metais, e cando chega á superficie certos microorganismos viven da súa oxidación. A auga pode ter neses casos reflexos metálicos, o que indica que se formaron biofilmes viscosos -flotantes ou no fondo- de microorganismos, que interveñen na reciclaxe dos elementos e a descontaminación da auga. Os de cor avermellada indica que están formados por microorganismos que oxidan ferro, os azulados oxidan cobre, os verdes violetas, xofre, e os brancos, aluminio, calcio ou xofre. Non indican forzosamente unha alta concentración de metais na auga, simplemente que é unha auga encorada e que hai unha certa acidez no solo.
Os pantanos albergan unha importante vida silvestre. Moitos peixes e anfibios reprodúcense neles e nútrense de millóns de insectos que emerxen das augas pouco profundidas, os cales tamén son o alimento de aves, algunhas das cales voan ata alí desde moitos quilómetros á redonda. Albergan tamén numerosas especies raras, para as cales ás veces os pantanos son o seu único hábitat.
En certas rexións os pantanos poden ser insalubres a causa da malaria, enfermidade parasitaria transmitida por mosquitos Anopheles, cuxa larva vive nas augas estancadas.[13]
As plantas palustres viven tanto sobre as augas como fóra delas e teñen adaptacións que lles permiten modificar rapidamente o seu metabolismo en caso de inmersión, e tamén as súas sementes e esporas [14]. Certas árbores presentan tamén adaptacións ao asolagamento ou longas raíces ou gromos ou sementes especializados.[15][16]
Exemplos notables
[editar | editar a fonte]Atópanse pantanos en todos os continentes menos na Antártida.[17]
Suramérica
[editar | editar a fonte]A maior zona pantanosa do mundo é o bosque inundable do Amazonas, que é importante especialmente pola gran variedade de peixes e árbores que viven nela.[18][19][20]
Outras zonas pantanosas famosas suramericanas son: o pantanal (Brasil), Lahuen Ñadi (Chile), delta do Paraná (Arxentina) e os Esteiros do Iberá (Arxentina).
África
[editar | editar a fonte]As áreas pantanosas máis coñecidas de África son o Sudd (no Nilo Branco no Sudán do Sur) e o delta do Okavango (endorreico), en Botswana. Outras zonas pantanosas famosas son os pantanos do lago Bangweulu (Zambia), os do delta do Níxer (Nixeria) e o de Mare aux Songes (illa Mauricio).
Asia
[editar | editar a fonte]No sur de Iraq os ríos Tigris e Éufrates forman unha extensa zona pantanosa con vexetación de xuncos.
En Asia tropical hai pantanos turbosos no leste e sueste asiático. No sueste asiático os pantanos encóntranse a baixa altitude en áreas costeiras e subcosteiras e esténdense no interior ao longo dos vales dos ríos máis de 100 km. Abundan en Sumatra, Borneo, Nova Guinea, península malaia, sueste de Tailandia, e Filipinas. Outras áreas pantanosas asiáticas son os mangleirais de Karachi (Paquistán), os pantanos Myristica (das moantañas Ghats Occidentais, India) e os Sundarbans (India e Bangladesh).
No norte, o pantano de Vasyugan é un extenso pantano do oeste de Siberia, máis grande que toda Suíza.
Europa
[editar | editar a fonte]Os pantanos de Pripyat en Belarús e Ucraína son extensos e neles escondéranse os partisanos soviéticos e polacos durante a segunda guerra mundial.
Norteamérica
[editar | editar a fonte]O pantano de Atchafalaya no curso baixo do Mississippi é o pantano máis grande dos Estados Unidos,[21] pero foi moi alterado pola corta de árbores, drenaxe e diques.[22] Outros pantanos famosos de Norteamérica son os Everglades de Florida, o pantano de Okefenokee (Xeorxia), o pantano Barley Barber, o pantano Gran Ciprés (de Delaware a Maryland) e o pantano Great Dismal (Virxinia e parte de Carolina do Norte).
No Canadá destacan os pantanos das terras baixas da baía de Hudson (Ontario).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Keddy, P.A. 2010. Wetland Ecology: Principles and Conservation (2nd edition). Cambridge University Press, Cambridge, UK. 497 p.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Hughes, F.M.R. (ed.). 2003. The Flooded Forest: Guidance for policy makers and river managers in Europe on the restoration of floodplain forests. FLOBAR2, Department of Geography, University of Cambridge, Cambridge, UK. 96 p.
- ↑ Wilcox, D.A, Thompson, T.A., Booth, R.K. and Nicholas, J.R. 2007. Lake-level variability and water availability in the Great Lakes. USGS Circular 1311. 25 p.
- ↑ Swamp (do glosario do United States Geological Survey)
- ↑ Keddy, P.A., L.H. Fraser, A.I. Solomeshch, W.J. Junk, D.R. Campbell, M.T.K. Arroyo and C.J.R. Alho. 2009. Wet and wonderful: the world’s largest wetlands are conservation priorities. BioScience 59: 39-51.
- ↑ 6,0 6,1 Dugan, P. (ed.) 2005. Guide to Wetlands. Buffalo, New York. Firefly Books. 304 p.
- ↑ Keddy, P.A., D. Campbell, T. McFalls, G. Shaffer, R. Moreau, C. Dranguet, and R. Heleniak. 2007. The wetlands of lakes Pontchartrain and Maurepas: past, present and future. Environmental Reviews 15: 1- 35.
- ↑ Peters, M. and Clarkson, B. 2010. Wetland Restoration: A Handbook for New Zealand Freshwater Systems. Manaaki Whenua Press, Lincoln, N.Z. ISBN 978-0-478-34707-4 (online)
- ↑ Keddy, P.A. 2010. Wetland Ecology: Principles and Conservation (2nd edition). Cambridge University Press, Cambridge, UK. 497 p. Chapter 11.
- ↑ Lowe-McConnell, R. H. (1975). Fish Communities in Tropical Fresh waters: Their Distribution, Ecology and Evolution. London: Long man
- ↑ Environment Canada. 2004. How Much Habitat is Enough? A Framework for Guiding Habitat Rehabilitation in Great Lakes Areas of Concern. 2nd ed. 81 p.
- ↑ Keddy, P.A. 2010. Wetland Ecology: Principles and Conservation (2ª edición). Cambridge University Press, Cambridge, UK. 497 p. Chapter 13.
- ↑ La disparition du paludisme dans la France rurale et la régression des terres humides - Exemple de la Sologne Arquivado 19 de xuño de 2022 en Wayback Machine.'. Par Pierre-Olivier Fanica, en étude et Gestion des Sols, Volume 13, 1, 2006 - páxinas 53 a 61. Consultado o 24 de abril de 2022.
- ↑ Expression in situ de gènes en réponse à l’ennoyage chez les plantes Arquivado 08 de agosto de 2014 en Wayback Machine.
- ↑ Parent C. (2008) Étude de la réponse à l’ennoyage chez le chêne sessile (Quercus petraea) et le chêne pédonculé (Quercus robur) : Implication de l’hémoglobine non-symbiotique (An Overview of Plant Responses to Soil Waterlogging ) ; Tese de doutoramento, Universidade do Franco condado, 05-12-2008, PDF, 179 páxinas
- ↑ Skoglund, J. (1989). Regeneration, Establishment and Distribution of Quercus robur in relation to a flooding and light gradient. Studies in Plant Ecology.Gérard, B. (2008). Recherche de marqueurs physiologiques de tolérance à l'ennoyage chez le chêne pédonculé (Quercus robur L.) et chez le chêne sessile (Quercus petraea [Matt] Liebl.) (Universidade do Franco condado).
- ↑ Hunter, Malcolm L. (1999). Maintaining Biodiversity in Forest Ecosystems. Cambridge University Press. p. 325. ISBN 978-0521637688.
- ↑ Goulding, M. (1980). The Fishes and the Forest: Explorations in Amazonian Natural History. Berkeley, CA: University of California Press.
- ↑ Lowe-McConnell, R. H. (1975). Fish Communities in Tropical Freshwaters: Their Distribution, Ecology and Evolution. London: Longman
- ↑ L.H. Fraser and P.A. Keddy (eds.). 2005. The World’s Largest Wetlands: Ecology and Conservation. Cambridge University Press, Cambridge, UK. 488 p.
- ↑ Conner, W. H. and Buford, M. A. (1998). Southern deepwater swamps. In Southern Forested Wetlands: Ecology and Management, eds. M. G. Messina and W. H. Conner, pp. 261–87. Boca Raton, FL: Lewis Publishers.
- ↑ Reuss, M. (1998). Designing the Bayous: The Control of Water in the Atchafalaya Basin 1800–1995. Alexandria, VA: U.S. Army Corps of Engineers Office of History.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pantano |