Saltar ao contido

Partido Andalucista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Andalucista
Logo
AcrónimoPA, PSA e PSA-PA
Tipopartido político español
IdeoloxíaSocialismo democrático, Nacionalismo andaluz, federalismo e Socialdemocracia
Data de fundación1976
Data de disolución2015
Secretario/aAntonio Jesús Ruiz, Pilar González, Julián Álvarez Ortega e Antonio Ortega García
SedeSevilla
PaísEspaña
Na rede
http://www.partidoandalucista.org
editar datos en Wikidata ]

O Partido Andalucista (PA) foi un partido político nacionalista de Andalucía, o máis importante dentro do nacionalismo andaluz até a súa disolución en 2015.

Foi fundado en 1965 cando a Alianza Socialista de Andalucía, creada en 1971, adoptou o nome de Partido Socialista de Andalucía (PSA). Posteriormente en xaneiro de 1979 no II Congreso Andalucista adoptou o nome de PSA-Partido Andaluz. En febreiro de 1984 adoptou o seu derradeiro nome, Partido Andalucista.

En setembro de 2015, o PA acordou a súa disolución nunha asemblea celebrada en Torremolinos.

Ideoloxía

[editar | editar a fonte]

O Partido Andalucista declárase ideoloxicamente como unha organización política nacionalista, federalista, progresista e de esquerdas. Segundo o partido, o seu principal sentimento é a rebeldía contra a desactivación da autonomía andaluza, en contra dunha actitude conformista e desfacendo a cohesión interna da identidade e do liderado histórico.

A orixe do PA está no nacionalismo andaluz desenvolvido durante o século XIX e o século XX. En 1962 Alejandro Rojas-Marcos aglutinou a diversos sectores sociais para impulsar unha organización política de ámbito andaluz, forzada á clandestinidade polo franquismo. Na primavera de 1965 estabeceuse o primeiro grupo político andalucista cando se formou unha célula en torno á facultade de Dereito da Universidade de Sevilla e que tiña como sinais de acción a identidade andaluza, esixencia de autonomía, non separatismo, posicións de esquerda moderada, reivindicación de igualdade con Cataluña e o País Vasco etc. O grupo adopta o nome de Compromiso Político de Andalucía, elixiu unha Secretaría colexiada, integrada por Alejandro Rojas-Marcos, Luis Uruñuela e Guillermo Jiménez.

En 1971, a revista Ruedo Ibérico publicou en París o primeiro manifesto de Alianza Socialista de Andalucía, no que se pedía a autonomía. En 1974 integrouse na Junta Democrática de España. Coa fin da ditadura franquista o PSA foi legalizado e puido realizar actividades políticas legais. En 1978, a Junta Liberalista de Andalucía que fundara Blas Infante integrouse na organización andalucista. En 1979, conseguen cinco deputados nas eleccións xerais celebradas en marzo conseguindo 326.000 votos, baixo o nome de Partido Socialista Andaluz, e conseguindo 250.000 votos nas municipais pactando co PSOE e o PCE para constituír gobernos municipais de esquerdas en Andalucía. Como consecuencia dos malos resultados das eleccións autonómicas de 1982 Alejandro Rojas-Marcos dimitiu da secretaría xeral, o partido iniciaba unha etapa descendente electoralmente.

En 1996 os andalucistas participan no goberno andaluz en coalición co PSOE, ocupando as consellerías de Relacións co Parlamento e a de Turismo e Deporte, a cargo de Antonio Ortega e José Nuñez respectivamente.

En 1999 presentouse ás Eleccións Europeas formando a Coalición Europea, coalición nacionalista na que concorrerán ás Eleccións Europeas Coalición Canaria, Unió Valenciana, Partido Aragonés e o Partido Andalucista. Nas eleccións municipais de xuño, o Partido Andalucista obtivo 356.000 votos, 30 alcaldías e 545 concelleiros.

En outubro de 2000, celebrou o XII Congreso Nacional en Torremolinos, presentáronse tres correntes: a oficialista, a de Novo Andalucismo liderado por Julián Álvarez e Antonio Moreno, e a de Maioría polo Cambio liderada pola concelleira de Sevilla, María del Mar Calderón e apoiada por Pedro Pacheco. Durante o Congreso as dúas correntes renovadoras pretenderon alcanzar un acordo de consenso para presentar un candidato común e así poder cambiar a dirección do partido. Con todo, a existencia de tensións entre membros de Novo Andalucismo e Maioría polo cambio, impediron o acordo, Novo Andalucismo aliouse coa candidatura oficialista, dando a vitoria así de novo a Antonio Ortega que iniciou o proceso de expulsión dos membros de Maioría polo Cambio,o que deu lugar o Partido Socialista de Andalucía liderado por Pedro Pacheco.

No 2004 celebrouse o XIII Congreso Nacional, ademais da Candidatura do Secretario Xeral Antonio Ortega presentouse unha segunda candidatura liderada polo exalcalde de Écija, Julián Álvarez, quen gañou producindo unha renovación do Partido Andalucista, o que provocou a marcha de membros históricos do partido.

En 2015 (o seu derradeiro ano de existencia), o partido contaba con 0 deputados no Parlamento de Andalucía e 470 concelleiros.