Saltar ao contido

Partido Comunista Surafricano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Comunista Surafricano
Dirixentes e organización
LíderBlade Nzimande
Filiación internacionalEncontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros
Historia
Fundación1921
Posicións políticas
IdeoloxíaMarxismo-leninismo
Comunismo
Outros datos
SedeXohanesburgo
Na rede
Páxina oficial

O Partido Comunista Surafricano (SACP, en inglés: South African Communist Party) é un partido político de Suráfrica fundado en 1921 e que, xunto ó Congreso Nacional Africano (ANC) e a central sindical COSATU, forma a alianza política tripartita que goberna o país dende a caída do réxime do apartheid en 1994. O SACP nunca concorreu en solitario a ningunha das eleccións democráticas na historia de Suráfrica.

O SACP ten as súas orixes en 1921 e foi creado por activistas traballadores brancos, sendo entón o primeiro partido de orientación marxista-leninista creado en África. Anteriormente, o Congreso Nacional Africano (ANC) fora fundado en 1912, mentres que a Internacional Comunista comezou a súa historia en 1919 ó ser convocada por Lenin.

O ano seguinte da súa creación, en 1922, o CPSA tomou parte nunha folga contra os mandos e os traballadores de cor da minería que terminaría converténdose nunha rebelión armada. Rapidamente, tras o fracaso da revolta e baixo as instrucións da Internacional Comunista, a africanización e a entrada de activistas de cor tería lugar dende 1924 e xa en 1928 o 90% dos seus membros eran de cor. Novamente, tras o VI Congreso da Internacional Comunista, o CPSA sufriu na década de 1930 loitas internas que provocaron a expulsión de membros veteranos e a súa división.

Tralo final da segunda guerra mundial e no contexto da guerra fría, o CPSA sería ilegalizado en 1950, o que provocaría a súa refundación na clandestinidade coa denominación de SACP (South African Communist Party) en 1953 e a adopción dun novo programa en 1962.

Durante a segunda metade da década de 1960, centos de membros e destacados activistas comunistas surafricanos sufriron pena de cárcere por parte das autoridades do Goberno surafricano. En 1989, celebrouse o VII Congreso do SACP que adoptou, á sombra da perestroika, un novo programa. En 1990, o SACP foi legalizado e celebrou unha masiva concentración en Soweto. Cando se celebraron as primeiras eleccións democráticas en 1994, o SACP concorreu dentro das listas do Congreso Nacional Africano, co que mantivo a alianza até as eleccións de 2009, participando nos sucesivos gobernos desde entón.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]