Partido Pangu
O Partido Pangu ou Papua na Niugini Union Pati é un partido político de Papúa-Nova Guinea.
Historia
[editar | editar a fonte]O partido fundárono o 13 de xuño de 1967[1] Michael Somare, Albert Maori Kiki, Lucas Waka e Barry Holloway para concorrer ás eleccións á Asemblea Lexislativa de 1968 do entón territorio da ONU baixo tutela australiana e constituíu o verdadeiro primeiro partido político de Papúa-Nova Guinea[2], logrou nove membros da Asemblea nas eleccións de 1968 [3]. O partido elixiu como líder a Somare que se configurou como o líder da oposición na Asemblea Lexislativa cunha política de reivindicación do autogoberno interno e do establecemento dunha data para a independencia. Logo das eleccións de 1972 Somare encabezou o goberno como primeiro ministro e dirixiu o país cara á independencia en 1975 e o Pagu continuou a encabezar o goberno ata 1980 cando Julius Chan, líder do Partido Popular Progresista e a forza minoritaria no goberno de coalición, converteuse en primeiro ministro tras gañar unha moción de censura. contra Somare. Despois das eleccións de 1982 Somare volveu dirixir o goberno.
En 1985 o deputado Paias Wingti arredouse do partido para formar o Movemento Democrático Popular e asemade liderou unha moción de censura contra o seu antigo compañeiro de partido, e ao lograr a maioría dos votos da cámara e converterse en primeiro ministro levou ao Pangu á oposición. En 1988 Rabbie Namliu substituíu a Somare como líder do partido e este deixou de baixa para anos despois liderar o Partido Alianza Nacional.
Tras anos de declive nas eleccións de 2002 o Pangu só logrou seis escanos ao o liderado de Chris Haiveta pero converteuse nun aliado da coalición de goberno de Somare e así continuou despois das eleccións de 2007 malia lograr cinco parlamentarios.
Nas eleccións de 2012 só obtivo un escano, o de Ludwig Schulze, que perdeu á súa morte en marzo de 2013[4]. En agosto de 2014 o vicelíder da oposición Sam Basil pasou ao Pangu, fíxose co seu liderado e reactivouno[5] e en agosto de 2015 logrou outro escano ao gañar William Samb unhas eleccións parciais en Goilala Open[6], o que supuxo reforzar a posición do partido cara ás eleccións de 2017 nas que se fixo con nove membros do parlamento. En abril de 2019 James Marape, ministro de finanzas, deixou o Congreso Nacional Popular con outros deputados e deuse de alta no Pangu que se converteu no partido con máis deputados do parlamento e Marape fíxose co posto de primeiro ministro. En outubro dese ano tamén se converteu no novo líder do Pangu[7].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Somare, Michael (2012). "Papua New Guinea". En Johnstone, Ian e Powles, Michael. New Flags Flying: Pacific Leadership. Huia.
- ↑ Fortune, Kate (2000). "Pangu Party". En Brij V. Lal e Kate Fortune. The Pacific Islands: An Encyclopedia. University of Hawaii Press. p. 310.
- ↑ "Australian Political Chronicle". Australian Journal of Politics and History 13 (2). 1967.
- ↑ "PM, Namah offer condolences". The National. 11 de marzo de 2013. Consultado o 19 March 2017.
- ↑ "Basil now new Pangu leader". PNG Post Courier. 20 de agosto de 2014.
- ↑ "Pangu Pati candidate wins Goilala". PNG Post Courier. 12 de agosto de 2015.
- ↑ "PNG's PM assumes leadership of Pangu Pati". RNZ. 11 de outubro de 2019.