Patxi Zabaleta
(2011) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de maio de 1947 (77 anos) Leitza, España |
Deputado do Parlamento de Navarra | |
15 de xuño de 2011 – 16 de xuño de 2015 Lexislatura: VIII lexislatura de Navarra | |
Deputado do Parlamento de Navarra | |
13 de xuño de 2007 – 14 de maio de 2011 Lexislatura: VII lexislatura de Navarra | |
Deputado do Parlamento de Navarra | |
18 de xuño de 2003 – 13 de xuño de 2007 Lexislatura: VI lexislatura de Navarra | |
Deputado do Parlamento de Navarra | |
24 de xuño de 1995 – 25 de xuño de 1999 Lexislatura: IV lexislatura de Navarra | |
Datos persoais | |
Actividade | |
Ocupación | político, avogado, escritor, poeta |
Partido político | People's Socialist Revolutionary Party (en) Q25473691 Amaiur (coalición) Euskal Herria Bildu Nafarroa Bai Herri Batasuna Aralar Euskal Herritarrok |
Membro de | |
Pseudónimo literario | Gorka Trintxerpe |
Familia | |
Fillos | Miren Zabaleta |
Irmáns | Francisca Zabaleta |
Francisco Juan Zabaleta Zabaleta, nado en Leiza, Navarra, o 20 de maio de 1947, coñecido como Patxi Zabaleta, é un avogado, político e escritor vasco de ideoloxía nacionalista. Foi membro fundador e dirixente dos partidos de esquerda abertzale HASI e Aralar e das coalicións Herri Batasuna e Nafarroa Bai.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Inicialmente foi seminarista, pero deixou os estudos relixiosos polos de Dereito e Filosofía e Letras. Exerce como avogado en Pamplona.
Foi promotor de ikastolas en Navarra e director entre 1968 e 1973 do euskaltegi Arturo Kanpion. É máis coñecido con todo pola súa actividade política.
Herri Batasuna
[editar | editar a fonte]Iniciou a súa militancia política en EAS e EHAS. Como secretario xeral de Herri Alderdi Sozialista Iraultzailea (HASI) en Navarra participou na creación da coalición abertzale Herri Batasuna ('Unidade Popular') en 1978, sendo membro do seu máximo órgano de dirección, a Mesa Nacional, até 1982 e dende 1987 a 1996.[2]
Foi candidato á alcaldía de Pamplona por Herri Batasuna nas eleccións municipais de 1979, nas que saíu elixido concelleiro e onde Herri Batasuna foi a segunda forza política, a 814 votos de UCD, o partido de Adolfo Suárez. Herri Batasuna votou xunto cos edís do PNV a prol do candidato socialista á alcaldía de Pamplona, Julián Balduz Calvo.[3]
En desacordo coa actividade terrorista de ETA e a supeditación da loita política á loita armada, empezou a ser coñecido como crítico dentro de HB. En moitas ocasións, Zabaleta denunciou a ausencia de autocrítica e a cerrazón analítica de HB, así como algunhas das súas prácticas, por exemplo a de que os parlamentarios electos desta organización renunciasen a ocupar os seus cargos de deputados. Desmarcouse publicamente do criterio oficial do seu partido ó reprobar duramente os asasinatos a mans de ETA dos concelleiros Miguel Ángel Blanco en 1997, Tomás Caballero en 1998 e José Javier Múgica en 2001.[2][4]
Malia as críticas, Zabaleta continuou militando en HB e a súa herdeira Euskal Herritarrok ('Cidadáns Vascos') e seguiu sendo a súa cabeza de lista en Navarra, o que xustificaba aludindo ó pluralismo que debía existir dentro da esquerda abertzale.[2]
Doutra banda, á parte de ser un personaxe de certo carisma en Navarra, era un dos principais avogados da organización. O mesmo ano do asasinato de Blanco, Zabaleta participara na defensa dos membros da Mesa Nacional, condenados polo Tribunal Supremo por colaboración con banda armada. Dous anos máis tarde, en 1999, formou de novo parte do equipo de avogados que logrou que as sentenzas ditadas por devandito Tribunal fosen anuladas polo Constitucional.
Logo de ser concelleiro nas lexislaturas 1979-1983 e 1987-1991, foi deputado no Parlamento de Navarra durante dous períodos (1991-1995 e 1995-1999) para regresar ó consistorio pamplonés como concelleiro de Euskal Herritarrok, cargo do que dimitiu en xullo de 2001.
Aralar
[editar | editar a fonte]Zabaleta foi un dos impulsores de Aralar, unha corrente crítica interna dentro de Euskal Herritarrok. Aralar tivo varios enfrontamentos coa dirección da organización. Os máis importantes tiveron lugar en 1999. O primeiro, ó longo da campaña electoral para as eleccións municipais, Aralar aproveitou para criticar novamente a política de incomparecencia dos cargos electos nas institucións para as que foran elixidos. Ese mesmo ano produciuse un enfrontamento máis grave, ó romper ETA a tregua unilateral que viña mantendo dende había un ano. Patxi Zabaleta afirmou entón que a violencia lastraba os obxectivos da esquerda abertzale e esixiu a súa desaparición total e definitiva. Algúns dirixentes de Herri Batasuna acusárono de manter unha estreita relación co PNV e de pretender debilitar á organización cuestionando a liña política adoptada. En marzo de 2001 apareceron nas rúas as primeiras pintadas de advertencia: Patxi, traiziorik ez ('Patxi, nada de traizóns').[5]
A pesar diso, Aralar seguiu sendo unha corrente organizada dentro de EH até xuño de 2001. Nese momento constituíuse a partido Batasuna ('Unidade') nun proceso de refundación de Euskal Herritarrok e Herri Batasuna, e Aralar tomou a decisión de non integrarse, constituíndose como partido en setembro dese ano, razón pola cal Zabaleta rexeita o termo escisión. Patxi Zabaleta foi elixido coordinador xeral de Aralar e nas eleccións ó Parlamento de Navarra de 2003 —nas que Batasuna non puido participar ó ser ilegalizado— encabezou a candidatura do novo partido, que logrou 24.068 votos (8,02%) e catro escanos.[2]
Nafarroa Bai
[editar | editar a fonte]Despois de que en 2004 se puxese en marcha a coalición electoral Nafarroa Bai (NaBai) en Navarra, da que formaba parte Aralar xunto cos partidos Eusko Alkartasuna, Batzarre e PNV, foi elixido candidato á presidencia do Goberno de Navarra para as eleccións forais de 27 de maio de 2007, nas que NaBai obtivo a histórica cifra de 77.625 votos (23,6%) e 12 escanos no Parlamento de Navarra, converténdose na segunda forza política de Navarra, por diante do PSN e por detrás de UPN.
En outubro de 2009 a súa filla Miren Zabaleta, foi detida por tratar de reconstruír a Mesa Nacional da ilegalizada Batasuna; sendo condenada a seis anos de prisión no denominado «caso Bateragune». Patxi Zabaleta declarou que a súa filla tiña «as súas propias conviccións políticas» e que estaba «a facer o seu propio percorrido político persoal».[6][7]
Nas eleccións ao Parlamento de Navarra de 2011, Zabaleta volveu ser a cabeza de lista dunha diminuída NaBai-2011, tras a saída da coalición de Eusko Alkartasuna e Batzarre. Aínda que a formación logrou ser a terceira forza política da comunidade foral, con 49.827 votos (15,41%), perdeu catro escanos quedando en oito. Trala expulsión en outubro de 2012 dos dous parlamentarios pertencentes a Geroa Bai, o grupo parlamentario quedou reducido a seis membros e adoptou o nome de Aralar-NaBai, comezando a traballar conxuntamente co de Bildu de face a constituír na seguinte lexislatura un grupo parlamentario único, Euskal Herria Bildu (EH Bildu).[8]
Trala legalización de Sortu, Zabaleta mostrouse partidario da unificación de Aralar con devandito partido. Posteriormente considerou conveniente a creación dunha «fronte aberta de esquerda soberanista» unificando as estruturas de todas as formacións de EH Bildu (Eusko Alkartasuna, Alternatiba, Sortu e Aralar).[9][10]
En novembro de 2014 celebrouse o VI Congreso de Aralar, no que Rebeka Ubera foi elixida secretaria xeral, substituíndo no cargo a Patxi Zabaleta que foi designado presidente honorífico.[11]
Obra literaria
[editar | editar a fonte]Membro da Real Academia da Lingua Vasca dende 1987, é tamén autor de varias novelas e libros de narrativa, poesía e historia que nos anos 1970 publicaba co pseudónimo de Gorka Trintxerpe.
- Narrativa
- Novela
- Ukoreka (1994)
- Badena dena da (1995)
- Arian ari (1996)
- Errolanen harria (1998)
- Eneko Aritzaren hilobia (2005)
- Poesía
- Ensaio
- Absurdoko kontuak edo zoroen herriko kronikak (2013)
- Teatro
- Nafarroako azken mariskala (1991)
- Biografía
- Julian Gaiarre (1983)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Elecciones al Parlamento de Navarra de 2007. Diputados.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 Ramón Sola, «Patxi Zabaleta cerrando el círculo», Gara, 17 de novembro de 2014.
- ↑ Ministerio del Interior. Consulta de resultados electorales Arquivado 30 de marzo de 2019 en Wayback Machine..
- ↑ Aurora Intxausti. «Uno de cada cuatro militantes de HB niega su apoyo a la ponencia más favorable a ETA en el debate interno», El País, 22 de febreiro de 1995.
- ↑ «EH critica a Patxi Zabaleta por relacionarse con el PNV», El Mundo, 23 de marzo de 2001.
- ↑ «Detienen a Otegi junto a varios miembros de la cúpula de Batasuna», El Mundo, 13 de octubre de 2009.
- ↑ «Zabaleta dice que su hija tiene "sus propias convicciones políticas"», Diario de Navarra, 14 de octubre de 2009.
- ↑ «Ruptura en Nafarroa Bai Arquivado 07 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine.», eitb.com, 28 de setembro de 2012.
- ↑ «Zabaleta augura buenos resultados electorales a "la mayoría de izquierdas abertzale" y no descarta un pacto EH Bildu-PSE Arquivado 11 de marzo de 2016 en Wayback Machine.», Astekari Digitala, 5 de agosto de 2012.
- ↑ «Aralar apuesta por unificar estructuras y superar siglas dentro de EH Bildu», El Mundo, 7 de setembro de 2014.
- ↑ «Rebeka Ubera, elegida secretaria general de Aralar con el 85,7% de los votos», Noticias de Navarra, 15 de novembro de 2014. Arquivado 17 de outubro de 2015 en Wayback Machine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: País Vasco |