Saltar ao contido

Penuxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Penuxe.

A penuxe das aves é unha capa de plumas finas que se encontran por debaixo das plumas exteriores grandes. As crías pequenas están cubertas só de penuxe. O chamado penuxe de po (pulviplumas) é un tipo especial de penuxe que se encontra só nuns poucos grupos de aves, que se desfai soltando po. A penuxe é un fino e lixeiro illante térmico e material de recheo, usado en artigos como chaquetas, roupa de cama (edredóns), almofadas e sacos de durmir. O descubrimento de plumas que quedaron atrapadas en ámbar antigo suxire que algunhas especies de dinosauros podían ter xa plumas de tipo penuxe.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Como moitas crías de aves precoces, os poliños domésticos están xa cubertos de penuxe cando eclosionan.

A penuxe considérase o tipo de pluma "máis simple".[1] Ten un raque curto ou vestixial, poucas barbas, e bárbulas que carecen de ganchos.[2] Hai tres tipos de penuxe: a natal, a corporal e a de po. A penuxe natal é a capa de penuxe que cobre a maioría das aves nalgún momento do seu desenvolvemento inicial. As crías das especies precoces están xa cubertas cunha capa de penuxe cando eclosionan; as crías altriciais nacen espidas e desenvolven a súa capa de penuxe uns días ou semanas despois de eclosionaren. As crías de megápodo son a única excepción; están xa cubertas de plumas pennáceas de contorno cando nacen.[3] A penuxe corporal é unha capa de pequenas plumas suaves que se encontran debaixo das plumas externas de contorno no corpo da ave adulta.[4]

Pulviplumas (penuxe de po)

[editar | editar a fonte]
"Po de plumas" que quedou sobre unha fiestra despois dun choque dunha ave.

As pulviplumas ou penuxe de po, son un tipo especial de penuxe que aparece nuns poucos grupos de aves aparentemente non relacionados. Nalgunhas especies, as puntas das bárbulas neste penuxe disintégranse, formando finas partículas de queratina, que teñen o aspecto de po, ou "po de plumas", depositadas entre as plumas. Estas plumas crecen continuamente e non se mudan.[5] Noutras especies, os grans de po proceden de células que rodean as bárbulas das plumas en crecemento.[6] Estas plumas especializadas están normalmente diseminadas entre as plumas de penuxe ordinarias, aínda que nalgunhas especies, aparecen reunidas en grupos.[2] Todos os papagaios teñen pulviplumas, e algunhas especies como Amazona farinosa producen grandes cantidades.[7] Tamén se encontran nos tinamús e nas garzas.[2] O po producido a partir destas plumas é un coñecido alérxeno para os humanos.[8]

Penuxe como o exposto neste macho adulto de papagaio, está debaixo das plumas de contorno e axuda a illar as aves para evitar a perda de calor.

A estrutura frouxa da penuxe atrapa ao aire, o que contribúe ao illamento da ave para que non perda calor[4] e favorece a flotabilidade das aves acuáticas. As especies que experimentan flutuacións na temperatura anual ambiental normalmente teñen máis penuxe despois da súa muda de outono.[9] Hai algunhas evidencias de que a penuxe pode tamén axudar a diminuír a incidencia do canibalismo de crías entre algunhas especies con nidación colonial, xa que a rixidez das plumas fai que as crías sexan máis difíciles de tragar.[9] Os contaminantes poden reducir a eficiencia destas funcións. Cando as aves están petroleadas, por exemplo, a penuxe compáctase, o que fai que a ave perda o seu illamento e que a auga poida chegar á pel.[10]

As femias de anátidas usan a penuxe que arrancan do seu propio peito para forrar os seus niños. Este proceso realiza unha función dual ao axudar a illar os ovos e expoñer a área da bolsa de incubación da femia, que é unha área de pel espida, con moitos vasos sanguíneos, que transmite a calor moi eficientemente.[11] Das diversas cousas que as aves utilizan para illar os seus niños, a penuxe é a que proporciona un illamento máis efectivo, pero só cando está seca, porque a penuxe mollada é o illamento menos efectivo.[12] A penuxe pode tamén contribuír á camuflaxe dos ovos cando a femia está lonxe do niño, especialmente porque a miúdo a femia bota as plumas sobre os ovos antes de partir.[13]

Estudos medioambientais

[editar | editar a fonte]

Como as aves poden eliminar metais pesados nas súas plumas e como as plumas poden ser recollidas non invasivamente e almacenadas indefinidamente, a penuxe pode usarse para comprobar a contaminación por metais no ambiente onde vive a ave. Varios estudos atoparon unha alta correlación entre os niveis de contaminación por metais pesados na dieta das aves e o nivel atopado nas súas plumas, e a proporción de compostos químicos atopado nas súas plumas permanecía relativamente constante (e relativamente alta para algúns metais).[14]

Mutación

[editar | editar a fonte]

Rexistráronse mutacións nos xenes que controlan a formación de penuxe nun grupo de galiñas White Leghorn alemás. Aínda que presentan os elementos dunha penuxe normal, unha hiperqueratose das vaíñas córneas das plumas aos 16–17 días de incubación orixina que a vaíña dentro da cal está a pluma incipiente non se abra como debería durante as fases finais do crecemento da pluma. Debido a esta apertura anormal da vaíña, a penuxe destas aves parece estar compactada; e os polos con esta condición parecen ourizados e chamuscados e tenden a pesar menos que os polos normais.[15]

Dinosauros non aviarios

[editar | editar a fonte]

As plumas que se encontraron conservadas en ámbar no oeste de Francia, o Canadá e noroeste da China parecen indicar que algúns dinosauros non aviarios puideron ter xa primitivas plumas de tipo penuxe.[16][17]

Uso humano

[editar | editar a fonte]
Femia de éider sentada no seu niño, rodeada de penuxe.

Durante séculos os humanos utilizaron a penuxe para o illamento térmico. Documentos rusos do século XVII inclúen a "penuxe de aves" entre as mercancías vendidas a mercadores holandeses,[18] e as comunidades do norte de Noruega empezaron a protexer os niños de éider xa en 1890.[19] Os éideres son aínda "criados" pola xente en Islandia, Escandinavia e Siberia, onde se proporciona ás aves sitios de nidación e protéxenas dos depredadores, e a penuxe recóllese intermitentemente durante a estación de nidación sen danar os niños nin as femias. A primeira recolección faise aproximadamente a mediados do período de incubación, momento en que se retiran uns 21 g de penuxe de alta calidade de cada niño. Cando os ovos eclosionaron e os xoves abandonan a área, recóllese o resto da penuxe e plumas do peito, o que adoita supoñer outros 21 g de plumas de menor calidade por niño.[18] En xeral, para reunir 1 kg de penuxe cómpren de 50 a 60 niños.[20] Isto significa que só e recollen uns poucos miles de kg de penuxe de éider de niños silvestres cada ano.[21]

En Islandia e Escandinavia, as colonias de máis de 5.000 aves ás veces explótanse como áreas de "crianza", aínda que nalgunhas zonas protexidas do arquipélago siberiano de Novaya Zemlya, a densidade de niños supera os 13.000 por hectárea.[18] Por outra parte, os pobos indíxenas de hábitos máis nómades do Ártico canadense non consideran a produción de penuxe como unha fonte razoable de ingresos e tenden a [sobreexplotar os niños de éider facendo unha recolección indiscriminada de penuxe nos niños.[22] Aínda que tamén se usou historicamente a penuxe de varias especies de aves silvestres, gaivotas e outras aves mariñas para o illamento térmico, a maioría dos usados hoxe proceden do ganso doméstico.[19] Un 70 % da subministración mundial procede da China, normalmente de gansos sacrificados para comer a súa carne. A maioría do resto procede de Europa e o Canadá, procedente de gansos criados para comer a súa carne ou facer paté.[23]

A penuxe é cálida, lixeira e empaquetable. Se se coida debidamente, mantén o seu illamento durante un tempo tres veces maior que a maioría das fibras sintéticas.[24] Porén, cando está mollado, as propiedades térmicas da penuxe quedan virtualmente eliminadas. A penuxe forma aglomerados se se expón á humidade, e nel pode crecer mofo se se deixa un tempo híumido. Ademais, absorbe e retén os olores.[25]

A penuxe tende a facerse máis alerxénica co tempo, xa que se vai contaminando con mofos e ácaros do po. As almofadas son a principal fonte de exposición a estes alérxenos, pero tamén os colchóns, edredóns, roupas de abrigo e tapizados poden causar problemas.[26] Un estudo finlandés atopou que as verdadeiras alerxias ás plumas son raras, xa que a maioría dos episodios alérxicos deste tipo son causados por ácaros do po.[27]

A penuxe tivo tamén un uso simbólico. Xa a utilizaban os indíxenas norteamericanos nas súas cerimonias relixiosas como símbolos poderosos. Nas historias dalgunhas culturas, a penuxe de aguia era un regalo importante que lle daba a aguia ao heroe da historia ou lenda.[28] Na Danza do espírito, un movemento relixioso que se estendeu moito especialmente entre os Indios das Planicies, cada danzante levaba unha pluma pintada que tiña na punta penuxe pintada doutra cor; as plumas eran xeralmente de corvo, que era sagrado para os practicantes da Danza do Espírito, ou de aguia, que era sagrada para todas as tribos.[29] O bastón de oración dos zuni facíase tamén utilizando penuxe de aguia. Aínda que as plumas de aguia pertencían ao Sacerdote do Sol, que o plantaba ao sol, outros sacerdotes podían usalo se era necesario que chovese, xa que a penuxe dicíase que facía que "as nubes de algodón se xuntasen no horizonte antes da chuvia". Os hopi fretaban penuxe de aguia sobre unha serpe crotalina capturada para as súas Danzas da Serpe, para tratar de tranquilizar e calmar aos réptiles.[30]

Crueldade cos animais

[editar | editar a fonte]

Unha certa porcentaxe da penuxe que se comercializa é arrancada de aves vivas,[31] unha práctica que os grupos protectores dos animais consideran cruel.[32] As estimacións da penuxe obtida así van desde o 1% mundial en 2011,[31] a cantidades moito maiores.[32][33] Aínda que esta práctica é ilegal en Europa sábese que ocorre en Polonia, Hungría e a China.[32] Algunhas cadeas de mobles e roupa como IKEA e Patagonia alteraron a súa liña de produtos para evitar o posible uso de penuxe desa procedencia.[34][35]

Tipos de penuxe na industria

[editar | editar a fonte]
  • Penuxe de pato:
    • Penuxe de éider: Considérase a mellor penuxe de pato; procede das plumas do peito das femias de éider.[36][37]
  • Penuxe de ganso:
    • Penuxe de ganso polaco/húngaro: Considerado o de mellor calidade, é máis longo que a normal e é a que ten unha cor branca máis pura.
  • Combinacións de penuxes: A penuxe compáctase co tempo e non é apropiada para algunhas aplicacións; a maioría das almofadas recheas de penuxe énchense cunha combinación de penuxe e de plumas normais. A presenza de plumas normais engade peso, estabilidade e volume. Por tanto, unha mestura que teña máis penuxe será menos pesada e esponxosa que a dunha almofada cunha proporción alta de plumas normais.[36]
  • Marabú (marabout): É unha penuxe obtida do marabú (Leptoptilos crumenifer), aínda que a penuxe de pavo pode usarse como substituto. Úsase moito para adornos de moda e atados en amocelos (átase a pluma ao amocelo de pesca).[38]

O illamento que proporciona a penuxe pode medirse polo seu "poder de recheo", que mide as unidades cúbicas de volume desprazadas por un determinado peso de penuxe. A penuxe de éider ten o maior "poder de recheo", cun valor de 690 cm3/g. Porén, mesmo a penuxe cun "poder de recheo" de só 316 cm3/g proporciona un illamento razoablemente bo.[21] Os valores nos produtos comercializados adoitan ir de 230 a 520 cm3/g segundo as calidades e o uso para o que están pensados.

  1. Spearman, Richard Ian Campbell (1973). The Integumen: A Textbook of Skin Biology. Cambridge University Press. p. 97. ISBN 0-521-20048-2. 
  2. 2,0 2,1 2,2 de Juana, Eduardo; del Hoyo, Josep (ed.). "Class Aves (Birds)". Handbook of Birds of the World, Vol. 1: Ostrich to Ducks. Barcelona: Lynx Edicions. p. 39. 
  3. Campbell & Lack, p. 470
  4. 4,0 4,1 Elphick, Chris; Dunning, Jr., John B.; Cech, Rich; Rubega, Margaret (2001). "Flight, Form, and Function". En Sibley, David; Elphick, Chris and Dunning Jr., John B. The Sibley Guide to Bird Life & Behaviour. Londres: Christopher Helm. p. 17. ISBN 0-7136-6250-6. 
  5. Podulka, Sandy; Rohrbaugh, Ronald W.; Bonney, Rick, eds. (2003). Home Study Course in Bird Biology, second edition. Cornell Laboratory of Ornithology. p. 55 (Glossary). 
  6. Campbell & Lack, p. 208
  7. Juniper, Tony; Parr, Mike (2003). Parrots: A Guide to the Parrots of the World. Londres: Christopher Helm. p. 17. ISBN 0-7136-6933-0. 
  8. Kalstone, Shirlee (2006). Allergic to Pets?: The Breakthrough Guide to Living with the Animals You Love. New York, NY: Bantam Dell. pp. 34–35. ISBN 0-553-38367-1. 
  9. 9,0 9,1 Scott, Graham (2010). Essential Ornithology. Oxford University Press. p. 31. ISBN 0-19-856997-1. 
  10. Griner, Lynn A.; Herdman, Robert (decembro de 1970). Effects of Oil Pollution on Waterfowl: A Study of Salvage Methods. EPA Water Quality Office. p. 18. 
  11. Carboneras, Carles (1992). "Family Anatidae (Ducks, Geese and Swans)". Handbook of Birds of the World, Volume 1: Ostrich to Ducks. Barcelona, Spain: Lynx Edicions. p. 558. ISBN 84-87334-10-5. 
  12. Hilton, Geoff M.; Hansell, Mike H.; Ruxton, Graeme D.; Reid, Jane M.; Monaghan, Pat (xullo de 2004). "Using Artificial Nests to Test Importance of Nesting material and Nest Shelter for Incubation Energetics". The Auk 121 (3): 777–787. ISSN 0004-8038. doi:10.1642/0004-8038(2004)121[0777:UANTTI]2.0.CO;2. 
  13. Kreisinger, J.; Albrecht, T. (outubro de 2008). "Nest protection in mallards Anas platyrhynchos: untangling the role of crypsis and parental behaviour" (Full HTML article). Functional Ecology 22 (5): 872–879. doi:10.1111/j.1365-2435.2008.01445.x. 
  14. Burger, Joanna; Gochfeld, Michael; Jeituer, Christian; Snigaroff, Daniel; Snigaroff, Ronald; Stamm, Timothy; Volz, Conrad (2008). "Assessment of metals in down feathers of female common eiders and their eggs from the Aleutians: arsenic, cadmium, chromium, lead, manganese, mercury and selenium" (PDF). Environmental Monitoring and Assessment 143 (1–3): 247–256. PMID 17934788. doi:10.1007/s10661-007-9973-y. 
  15. Crawford, R. D. (1990). Poultry breeding and genetics. Amsterdam: Elsevier Health Sciences. p. 182. ISBN 0-444-88557-9. 
  16. Owen, James (11 de maio de 2009). "Dino-Era Feathers Found Encased in Amber". National Geographic News. Consultado o 29 de maio de 2009. 
  17. "Dinosaur feathers found in Alberta amber". CBC News. 15 de setembro de 2011. 
  18. 18,0 18,1 18,2 Johnsgard, Paul A. (1999). Earth, Water and Sky: A Naturalist's Stories and Sketches. Austin, TX: University of Texas Press. pp. 119–120. ISBN 0-292-74059-X. 
  19. 19,0 19,1 Roth, Harald H.; Merz, Günter (1997). Wildlife Resources: A Global Account of Economic Use. Berlin: Springer-Verlag. p. 363. ISBN 3-540-61357-9. 
  20. Proceedings of the Zoological Society of London 137. Zoological Society of London. 1961. p. 628. 
  21. 21,0 21,1 Randall, Glenn (2000). The Outward Bound Staying Warm in the Outdoors Handbook. New York, NY: Lyons Press. p. 63. ISBN 1-58574-089-6. 
  22. Wilks, Brian B. (2004). Browsing Science Research at the Federal Level in Canada: History, Research. Toronto, ON: University of Toronto Press. p. 210. ISBN 0-8020-8811-2. 
  23. Jenkins, Mark (decembro de 1995). "From Bird to Bag". Backpacker 23 (146): 68–72. 
  24. Getchell, Dave; Gorman, Steve (March 1994). "Sleeping Beauties". Backpacker 22 (130): 103–123. 
  25. Cooper, Donald C. (2005). Fundamentals of Search and Rescue. Sudbury, MA: Jones and Bartlett Learning. p. 89. ISBN 0-7637-4807-2. 
  26. Lipkowitz, Myron A.; Navarra, Tova (2001). Encyclopedia of Allergies. New York, NY: Facts on File. p. 111. 
  27. Kilpiö, K.; Mäkinen-Kiljunen, S.; Haahtela, T.; Hannuksela, M (February 1998). "Allergy to Feathers" (PDF). Allergy 53 (2): 159–164. PMID 9534914. doi:10.1111/j.1398-9995.1998.tb03864.x. 
  28. Grinnell, George Bird (2008). The Indians of Today. Read Books. pp. 74–75. ISBN 1-4437-6970-3. 
  29. Mooney, James (1973). The Ghost Dance Religion and Wounded Knee. Mineola, NY: Courier Dover Publications. p. 919. ISBN 0-486-26759-8. 
  30. Hodge, Gene Meany (1993). Kachina Tales from the Indian Pueblos. Santa Fe: Sunstone Press. p. 57. ISBN 0-86534-184-2. 
  31. 31,0 31,1 Hanson, Thor (2011). Feathers: The Evolution of a Natural Miracle. New York, NY: Basic Books. p. 288. ISBN 0-465-02013-5. 
  32. 32,0 32,1 32,2 Villalobos, Alice. "Down With Live-Plucked Down". Veterinary Practice News. Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2014. Consultado o 17 de outubro de 2011. 
  33. "Down on the Goose and Duck Farm". Consultado o 10 August 2012. 
  34. Stuijt, Adriana (17 February 2009). "Ikea drops live-plucked Chinese down bedding from shops". Consultado o 17 de outubro de 2011. 
  35. "Lowdown on Down". Patagonia. 4 April 2011. Consultado o 17 de outubro de 2011. 
  36. 36,0 36,1 Von Tobel, Jackie. "Bedding Basics: Types of Pillows." The Design Directory of Bedding. Layton, UT: Gibbs Smith, 2009. 52-53. Print.
  37. "Eiderdown." Merriam-Webster.com. Merriam-Webster, n.d. Web. 10 Nov. 2013. <http://www.merriam-webster.com/dictionary/eiderdown>.
  38. Hellekson, Terry (2005). Fish flies : the encyclopedia of the fly tier's art (1st ed.). Salt Lake City: Gibbs Smith. p. 91. ISBN 9781586856922. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Campbell, Bruce; Lack, Elizabeth, eds. (1985). A Dictionary of Birds. Carlton, England: T and A D Poyser. ISBN 0-85661-039-9. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]