Peponocephala electra
Peponocephala electra | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||
Peponocephala electra (Gray, 1846) [4][5] | |||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||
|
Peponocephala electra é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Peponocephala.
Está estreitamente relacionada con Feresa attenuata e cos caldeiróns.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Debido á dificultade para estudala (a maioría dos datos científicos chegaron a partir de varamentos), a posición taxonómica desta especie está pouco clara. Foi definida en 1846 por John Edward Gray, co nome de Lagenorhynchus electra,[6] e até 1966 clasificouse no xénero Lagenorhynchus, data en que se reclasificou no novo xénero, propio, Peponocephala (literalmente, "a de cabeza de melón"), creado por Nishiwaki e Norris,[7] e situada dentro da subfamilia dos globicefalinos en 1973 por Kasuya e, posteriormente, por moitos outros autores.[8]
Descrición
[editar | editar a fonte]As principais características de Peponocephala electra son:[9]
- Corpo en forma que recorda á dun torpedo, de coloración gris máis ou menos escura.
- Cabeza delgada, estreita, que se vai adelgazando cara á punta, roma, e cunha máscara escura que chega até detrás do ollo.
- Aletas pectorais longas e rematadas en punta, e aleta dorsal alta, falciforme.
- Cando se ve de perfil, a cabeza non é tan arredondada como a de Feressa attenuata, e isto pode ser de axuda para a identificación.
Comportamento
[editar | editar a fonte]É capaz de nadar moi rápido, especialmente cando se asusta. Realiza saltos fóra da auga cando viaxa a gran velocidade, producindo moita escuma ao caer. Os individuos que nadan lentamente poden ás veces sacar a cabeza fóra da auga. Polo xeral desconfía dos barcos. Moi gregaria, reúnese en grupos de gran número de individuos (de 100 a 1 000).[9]
Distribución e poboación
[editar | editar a fonte]Pouco se sabe sobre esta especie, pero a súa distribución é ampla xa que habita en todos os océanos tropicais e subtropicais, e pode aparecer en calquera parte en zonas de augas profundas. Parece ser bastante común en Filipinas (en especial ao longo da costa da illa de Cebú).
O seu estado de conservación foi cualificado en 1994 pola UICN como "CC" (sen datos suficentes) pero, en 2008, e aínda que non se dispoñen de datos globais da abundancia da especie ou da tendencia á súa evolución, calculábase que nesa data contaba polo menos con 50 000 individuos, e entre as ameazas que poderían provocar caídas xeneralizadas da poboación estarían os altos niveis de ruídos antropoxénicos, especialmente de sonares militares e de estudos sísmicos e, localmente as capturas accidentais debidas á pesca. Porén, a combinación da alta abundancia global e dunha ampla gama de subpoboacións subtropicais, os posíbeis descensos impulsados polas ameazas crese suficiente para descartar unha redución global do 30 % dos efectivos ao longo de tres xeracións, polo que a súa situacións foi reclasificada como "LV" (pouco preocupante).[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Taylor, B.L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S.M., Ford, J., Mead, J.G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R.L. (2008). "Ziphius cavirostris". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 26 February 2009.
- ↑ 2,0 2,1 Peponocephala Nishiwaki and Norris, 1966 en ITIS.
- ↑ Peponocephala en Wilson & Reeder (eds.) (2005).
- ↑ 4,0 4,1 Peponocephala electra (Gray, 1846) en ITIS.
- ↑ Peponocephala electra en Wilson & Reeder (eds.) (2005).
- ↑ Gray, J. E. (1846): Zool. Voy. H.M.S. "Erebus" and "Terror", 1: 35.
- ↑ Mishiwaki e Norris (1966): Sci. Rep. Whales Res. Inst., 20: 95.
- ↑ Paleobiology Database Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine..
- ↑ 9,0 9,1 Carwardine, M. (1995), pp. 156-157.
- ↑ Taylor, B. L., Baird, R., Barlow, J., Dawson, S. M., Ford, J., Mead, J. G., Notarbartolo di Sciara, G., Wade, P. & Pitman, R. L. (asesores) (2008): "Lista vermella" de especies ameazadas da UICN. Versión 2013.1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Peponocephala electra |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Peponocephala electra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
- Perrin, William F., Bernd Würsig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9
- Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.