Perfecto Pereiro Castro
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de decembro de 1871 Xonxil, España |
Morte | 6 de agosto de 1947 (75 anos) Silleda, España |
Actividade | |
Ocupación | empresario |
Familia | |
Fillos | Antonio Pereiro Gil |
Perfecto Pereiro Castro, nado en Xonxil (Noceda, Lalín) o 5 de decembro de 1871 e finado na vila de Silleda o 6 de agosto de 1947, foi un empresario galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1915 fundou a Hidroeléctrica de Silleda. Anos máis tarde, construíu unha pequena central hidroeléctrica no río da Mera ao seu paso pola parroquia de Ponte (Silleda), que comezou a funcionar en 1920. Esta sería a primeira fábrica de luz do concello, que serviría para que a vila de Silleda e as parroquias que a rodeaban tivesen luz eléctrica. Na década de 1940 levantou unha nova central a carón do río Deza á altura da Ponte Taboada, na marxe esquerda do río, na parroquia de Prado (Lalín)[1].
Grazas á electricidade producida polas centrais, Pereiro e a súa familia estiveron ao cargo de diversos negocios, como un serradoiro, un muíño eléctrico, un ultramarinos ou un café, que funcionou como sala de cine. Este, coñecido como o Cine de Pereiro, foi o primeiro establecemento destas características co que contou Silleda, que botou a andar arredor de 1934[2].
Trala súa morte en 1947, os seus fillos venderon as centrais hidroeléctricas a Cesáreo Sánchez Alonso, coñecido como Bastián e veciño da parroquia de Graba, que continuou co desenvolvemento eléctrico no concello de Silleda. O maior deles, Antonio, fora alcalde nos anos da II República Española.
Homenaxe
[editar | editar a fonte]No ano 2016, un dos seus netos, Perfecto Pereiro Lázara, publicou un libro dedicado a el baixo o título de Pereiro de Silleda: Vida y obra de un empresario dezano (1871-1947)[3].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cien años de luz en Silleda en Faro de Vigo (Consultado o 13/11/2015)
- ↑ El primer cine de Silleda en Faro de Vigo (Consultado o 13/11/15)
- ↑ Trasdeza recuerda el legado de su audaz emprendedor en Faro de Vigo (05/11/2016) (Consultado o 17/11/2016).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pereiro Lázara, Perfecto (2016). Pereiro de Silleda: Vida y obra de un empresario dezano (1871-1947). Fervenza.