Saltar ao contido

Pesca deportiva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A pesca deportiva é un deporte moi difundido, sobre todo nas comarcas costeiras de toda Galiza, aínda que nalgunhas zonas do interior que se atopan preto de ríos grandes ou troiteiros tamén teñen numerosos afeccionados.

A pesca no mar

[editar | editar a fonte]

En Galiza esta pesca está bastante estendida nas rías. Predomina a pesca dende pequenas embarcacións que cacean polas praias e rías en busca de róbalo.

Hai tamén moita xente que pesca dende o peirao, o acantilado ou ó pé de praia, sendo estes últimos os que obteñen máis capturas[Cómpre referencia]. Existen diversas modalidades:

A pesca “a fondo”

[editar | editar a fonte]

Esta especialidade consiste no transporte do cebo ata a zona adecuada cun chumbo ou chumbada que pode variar en forma, tamaño e peso. Para pescar desta maneira necesítase unha cana cunha acción determinada que vai dende os 20g ata os 300g.

A pesca con boia

[editar | editar a fonte]

É un tipo de pesca moi común nas costas rochosas, onde un chumbo quedaría enganchado nas pedras do fondo. Aínda que algo difícil para os que a practican por primeira vez debido ó manexo da boia, da moi bos resultados en canto a calidade de peixe e cantidade. Quizais a captura máis numerosa e importante sexa a do Sargo, pola súa abundancia sobre todo no outono e inverno, sendo comúns as “pescatas” de 10, 15 exemplares que poden superar facilmente o quilogramo de peso.

A pesca caceando desde embarcación

[editar | editar a fonte]

Consiste en que co barco en movemento, moi amodo e co motor con pouco ruído, lancemos o cebo artificial, e fixemos o freo do carrete, así o vinilo ou o rappala moveranse a unha velocidade á que os depredadores (comunmente robalizas e xardas) poidan atrapalo con facilidade. Desta maneira sinxela podemos practicar outras modalidades mentres temos unha cana caceando.

Caceando desde terra

[editar | editar a fonte]

Consiste no mesmo que a anterior, só que sen barco, polo que seremos nós os que teremos que recoller a tanza rapidamente. Deste xeito é máis incómodo pero pódese alternar tendo unha cana a fondo, ben suxeita á espera dunha picada mentres caceamos.

Os cebos artificiais poden ser de moitísimos tipos. Os máis utilizados son os vinilos, con forma de anguilón e os rappalas con forma de pequeno peixe.

É un tipo de pesca deportiva menos estendida pero que conta con bastantes practicantes deste deporte, sobre todo nos ríos Miño, Eo, Masma, e outros moitos da vertente Cantábrica e Atlántica. Existen tamén moitas modalidades, das que veremos as máis importantes.

A pesca con mosca

[editar | editar a fonte]

Como o seu nome indica o cebo é unha mosca artificial realizada artesanalmente con plumas e que leva un anzol. Consiste en lanzar a mosca sen ningún tipo de chumbo cuns rápidos movementos cara a atrás e adiante, e ten que caer suavemente na superficie da auga, coma se fose un auténtico insecto que acaba de caer aínda vivo sen saber o que lle agarda debaixo da auga, listo para saltar no aire e atrapalo entre os seus dentes.

As capturas son normalmente troitas, comúns ou arco da vella.

Pescando con culleriña

[editar | editar a fonte]

É por excelencia o mellor método para pescar troitas. A técnica é moi longa de aprender e moi complicada, pero con práctica todo se consegue. Consiste en lanzar unha especie de culler de metal dunha cor brillante cun trianzó, e que ó recoller a moita velocidade só se pode ver unha cousa moi rechamante (que resulta atractiva para as troitas).

Pescando con cebo natural

[editar | editar a fonte]

Os cebos deben ir cun pequeno chumbo que depende do leito e corrente do río. Poden ser por exemplo miñocas, saltóns, insectos acuáticos... Todo o que se atope preto do leito río e que teña vida. Hai que facer unha mención a parte para a anguía, que pode comer de todo, pero o mellor cebo é a sardiña, aínda que pareza estraño utilizar un cebo de mar no río. O seu olor atraerá as anguías dende moi lonxe, xa que se guían polo olfacto e o tacto, non pola vista.