Pezas bucais
Nos artrópodos, denomínanse pezas bucais ao conxunto de escleritos e apéndices que rodean a boca e contribúen á captura e inxestión do alimento. Trátase de estruturas evolutivamente moi plásticas, que radiaron a partir dunha morfología primitiva orixinando unha gran variedade de aparatos bucais.
Mandibulados
[editar | editar a fonte]Os mandibulados (crustáceos, miriápodos e insectos) teñen un modelo básico común de cabeza formado por cinco segmentos ou metámeros (máis o acron preoral, aínda que este está en discusión).[1] O primeiro e o segundo segmentos non posúen apéndices bucais; o terceiro segmento leva as mandíbulas, o cuarto o primeiro par de maxilas (maxílulas) e o quinto o segundo par de maxilas. En cada grupo, dita estrutura básica sofre máis ou menos modificacións.
Crustáceos
[editar | editar a fonte]Os apéndices dos crustáceos son birrámeos, e as pezas bucais non son unha excepción. Porén, os enditos adoitan estaren moi desenvolvidos formando grandes gnatobases (de gnatos 'mandíbula') que realizan as funcións principais; pola contra, as dúas ramas dos apéndices desempeñan un papel secundario e con frecuencia están reducidas ou faltan por completo.[2]
Os apéndices que forman as pezas bucais dos crustáceos son:
- Apéndices cefálicos: trátase de tres pares de apéndices situados na cabeza que están directamente relacionados coa alimentación.
- Mandíbulas.
- Maxílulas. Primeiro par de maxilas.
- Maxilas. Segundo par de maxilas.
- Apéndices nom cefálicos: con frecuencia, os primeiros apéndices torácicos (toracópodos) transfórmanse en apéndice bucais auxiliares.
- Maxilípedos. Primeiro par de toracópodos.
- Gnatópodos. O resto de toracópodos con función trófica.
Insectos
[editar | editar a fonte]A estrutura primitiva das pezas bucais dos insectos consta dos seguintes elementos:
- Labro (labrum ou labio superior). Esclerito dorsal impar que recobre as demais pezas da boca.
- Mandíbulas. Pezas pares coa marxe interna cortante e ás veces dentado que serven para soster e desmiuzar o alimento.
- Maxilas. Primeiro par de maxilas (= maxílulas dos crustáceos). Pezas pares provistas dun pequeno apéndice formado por varios artellos, chamados palpos maxilares.
- Labio (labium). Peza impar resultado da fusión do segundo par de maxilas, dúas pezas pares similares ás maxílulas; tamén existen palpos articulados, chamados palpos labiales.
Miriápodos
[editar | editar a fonte]A estrutura básica das pezas bucais dos miriápodos é similar á dos insectos. As mandíbulas están presentes en todos os grupos de miriápodos. O primeiro e o segundo par de maxilas sofren diversas modificacións.
- Diplópodos e paurópodos. Con mandíbulas; primeiro par de maxilas (=maxílulas) fusionadas orixinando un gantoquilario; segundo par de maxilas ausente.
- Quilópodos. Con mandíbulas, primeiro e segundo par de maxilas fusionados. Primeiro par de patas modificado en grandes uñas (forcípulas) asociadas a unha glándula velenosa, que usan para capturar as presas e, por tanto, actúan como pezas bucais adicionais.
- Sínfilos. Con mandíbulas, primeiro par de maxilas separado e segundo par de maxilas fusionado para formar un labio.
Quelicerados
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Quelícero.
Os quelicerados carecen de mandíbulas. Os apéndices bucais característicos son os quelíceros, que ocupan unha posición preoral e non son homólogos das mandíbulas.
A súa morfoloxía é variada; poden acabar en pinza, como nos escorpións e opilións, ou en uña, como nos amblipixios e araneidos; estes últimos posúen unha glándula velenosa asociada ao quelícero.
Con frecuencia, o primeiro par de apéndice postorais, os pedipalpos, adquire función trófica, colaborando cos quelíceros na captura do alimento, como nos escorpións que posúen grandes pedipalpos acabados en pinza.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005): Invertebrados, 2ª edición. Madrid: McGraw-Hill-Interamericana. ISBN 0-87893-097-3.
- ↑ Armengol, J. et al., 1986. Artròpodes (I). Història Natural dels Països Catalans, 9. Barcelona: Enciclopèdia Catalana, S. A. ISBN 84-85194-84-5.