Photo-Secession
A Photo-Secession foi un movemento fundado por Alfred Stieglitz xunto a Edward Steichen e Alvin Langdon Coburn en 1902. A denominación é unha homenaxe ao simbolismo e á trasgresión vienesa de finais do século XVIII. A fotografía, lonxe de poder competir coa pintura, era considerada daquela, pola súa suposta realización mecánica, a forma simple de reflectir a realidade máis prosaica. Stieglitz, dedicado sempre á loita na defensa da fotografía como arte, concibe a Photo-secession como a ruptura coas normas académicas, como unha visión persoal do mundo, baseada na expresión propia, independente de toda tradición visual.
Contexto e historia
[editar | editar a fonte]O grupo formouse no ano 1902 despois de que de que o National Arts Club lle pedise a Stieglitz organizar conxuntamente unha exposición co mellor da fotografía contemporánea estadounidense. Mentres estaba preparando a mostra, Stieglitz tivo un desacordo con algúns dos membros máis conservadores do Club sobre que fotógrafos debían estar incluídos. Para reforzar a súa posición Stieglitz formou rapidamente un grupo só por invitación, ao que chamou Photo-Secession, para dar a impresión de que os seus puntos de vista estaban respaldados por moitos outros prominentes fotógrafos. Aínda que posteriormente afirmou que "solicitara a axuda da entón recentemente organizada e limitada ‘Photo-Secession’", de feito non houo tal grupo ata que se fundou o 17 de febreiro de 1902, xusto dúas semanas antes de que abrise a mostra do National Arts Club.[1]
Para bautizar o grupo, crese que Stieglitz estivo influenciado pola Exposición Secesión de Múnic de 1898 (Verglag des Vereines Bildender Kunstler Muchnes "Sezession").[2] Stieglitz carteábase frecuentemente con Fritz Matthies-Masuren,[3] que escribira un ensaio no catálogo da exposición de Múnic, e fora cativado pola idea de que os fotógrafos definisen a súa propia forma de arte. En 1899 escribiu:
- En Múnic, o centro artístico de Alemaña, os 'Secesionistas', un corpo de artistas formado polos homes máis avanzados e dotados da súa época, os cales (como o nome indica, que se separaron das estreitas regras das costumes e a tradición) admitiron as pretensións da fotografía pictórica para ser xulgados polos seus méritos como un traallo artístico independentemente, e sen considerar o feito de que é producida por medio dunha cámara.[4]
Posteriormente na súa vida, Stieglitz falou deste xeito sore as orixes da Photo-Secession:
- Charles DeKay, director do National Arts Club: "Como imos chamala?"
- Stieglitz: "bautízaa como Unha exposición de fotografía estadounidense organizada pola Photo-Secession".
- DeKay: "Que é iso? Quen é?"
- Stieglitz: "Sinceramente seu, polo de agora, e haberá outros cando abra a mostra. A idea de secesión é odiosa para os estadounidenses - eles estarán pensando na guerra civil. Eu non. Photo-Secession realmente significa unha secesión da idea aceptada do que constitúe a fotografía".[5]
O historiador cultural Jay Bochner sinala que é importante ter en conta á Photo-Secession por máis factores que a súa estética visual:
- De que se secesiona entón? Non se trata só de obras de arte que se fixeran rancias a través da copia de estilos vitorianos convencionais, senón que o máis importante era a secesión da ditadura das institucións, galerías, escolas de arte e organizacións de arte profesionais arraigadas que aplicaban ou polo menos autorizaban a copia ou a imitación.[6]
Os defensores do Pictorialismo, que era o valor subxacente da Photo-Secession, argumentaban que a fotografía necesitaba emular a pintura e o gravado da época. Os pictorialistas crían que, ao igual que unha pintura distínguese pola manipúlación dos materiais que fai o artista para conseguir un efecto, tamén os fotógrafos debían alterar ou manipular a imaxe fotográfica. Entre os método usados estaba o enfoque suave; filtros especiais e lentes recubertas; queimaduras, manipulacións ou recortes no cuarto escuro para editar o contido da imaxe; e procesos de impresión alternativos como o ton sepia, a impresión ao carón, a platinotipia ou o proceso de goma bicromatada.
Os contidos das imaxes acotío facían referencia a traballos anteriores feitos por outros artistas, especialmente á arte grega e romana. As imaxes adoitaban a conter consistencia estilística como iluinación dramática, perspectiva, xeometría, uso de monocromo/branco e negro, e contraste alto.
Na fundación da Photo-Secession, Stieglitz asfirou que era unha “rebelión contra a actitude hipócrita dos non crentes, dos filisteos, e en gran parte das autoridades das exhibicións.”[7] Aínda que isto en gran medida era verdade, as súas accions demostraron que a creación da Photo-Secession era tamén co obxectivo de que a súa propia posición no mundo da fotografía e da arte avanzase.
O papel de Stieglitz como o único fundador e controlador da Photo-Secession fíxose evidente en dúas conversas que tiveron lugar na inauguración da mostra do National Arts Club. Na primeira, Stieglitz deu a entender que a pertenza ao grupo era relativamente aberta:
- Gertrude Käsebier: “Que é isto de Photo-Secession? Son un photo-secesionista?”
- Stieglitz: “Sintes que o es?”
- Käsebier: “Sinto.”
- Stieglitz: “Ben, iso é todo o que hai que facer.”[1]
Porén, cando Charles Berg preguntoulle a Stieglitz se el tamén era un Photo-Secesionista, Stieglitz bruscamente díxolle que non.[1] Stieglitz deulle esa resposta a pesar de que era o único responsable da presenza de tres fotografías de Berg na mostra.
A “pertenza” á Photo-Secession variou segundo os intereses e temperamento de Stieglitz, pero centrouse ao redor do grupo principal formado por Stieglitz, Edward Steichen, Clarence H. White, Käsebier, Frank Eugene, F. Holland Day, e posteriormente Alvin Langdon Coburn.
En 1905 Stieglitz creou con Steichen as Little Galleries da Photo-Secession,[8] unha pequena pero moi influente galería onde continuou expoñendo traballos dalgúns dos membros do movemento máis coñecidos. O grupo continuou expoñendo baixo o nome de Photo-Secession ata ao redor do ano 1910, cando varios fotógrafos finalmente se cansaron dos modos autocráticos de Stieglitz e abandonaron o grupo.
En 1916 Käsebier, White, Coburn e outros formaron unha organización chamada Pictorial Photographers of America (PPA) para continuar promocionando o estilo pictórico. Un ano despois Stieglitz disolveu formalmente Photo-Secession, aínda que naquel momento existía só como un nome.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 William Innes Homer (2002). Stieglitz and the Photo-Secession 1902. Nova York: Viking Studio. pp. 22, 24-25. ISBN 0-670-03038-4.
- ↑ Edward Steichen (xullo de 1902). "The American School". Camera Notes (6): 22.
- ↑ Weston Naef (1978). The Collection of Alfred Stieglitz: Fifty Pioneers of Modern Photography. Nova York: Metropolitan Museum of Art. pp. 63. ISBN 0-670-67051-0.
- ↑ Alfred Stieglitz (novemro de 1899). "Pictorial Photography". Scribner's Magazine (6): 534.
- ↑ Alfred Steiglitz (transcrito por Cary Ross) (1942). "The Origin of the Photo-Secession and How It Became 291". Twice a Year (8-9).
- ↑ Jay Bochner (2005). An American Lens: Scenes from Alfred Stieglitz's New York Secession. Cambridge: MIT Press. p. 87. ISBN 0-262-02580-9.
- ↑ Hoffman, Katherine (2004). Stieglitz : A Beginning Light. New Haven: Yale University Press Studio. pp. 202. ISBN 0-300-10239-9.
- ↑ Ronald J. Gedrim (1996). Edward Steichen: Selected texts and Bibliography. Oxford: Clio Press. pp. 11. ISBN 1-85109-208-0.