Plan Estratéxico de Galicia
O Plan Estratéxico de Galicia é un documento plurianual que recolle os principais retos, obxectivos e medidas de cara á mellora do desenvolvemento económico e social do país. A súa elaboración ten un proceso participativo dos axentes sociais e de expertos, sendo finalmente aprobado pola Xunta de Galicia. Inclúe tamén un panel de indicadores de seguimento dos obxectivos aprobados.
Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020
[editar | editar a fonte]Este Plan Estratéxico centrábase en impulsar o crecemento económico de Galicia partindo dun modelo baseado na innovación e o capital humano, que colabore a acadar unha Galicia moderna e cohesionada social e territorialmente e que permita diminuír o desemprego, aumentar a produtividade e a renda dos galegos e das galegas colaborando a retomar a senda do crecemento demográfico.
Rematado o seu período de vixencia a Xunta de Galicia presentou os correspondentes informes de seguimento dos indicadores e obxectivos[1]. Os indicadores que contan con datos para o período completo 2015-2020 son os que se presentan resumidos na seguinte táboa.
Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 | |||
---|---|---|---|
Indicadores de seguimento | previsto | real | logro (%) |
Crecemento medio PIB | 2,5 | 1,0 | 40 |
Converxencia PIBpc con España | 3,5 | 2,6 | 74 |
Incremento de exportacións no PIB | 7,1 | 2,7 | 38 |
Incremento miles ocupados | 121,0 | 76,2 | 63 |
Taxa de emprego 20-64 anos | 7,1 | 8,3 | 117 |
Descenso da taxa de paro | 11,4 | 9,9 | 87 |
Incremento I+D no PIB | 0,8 | 0,1 | 13 |
Descenso da taxa de abandono escolar | 5,9 | 5,0 | 85 |
Porcentaxe pob 30-34 con nivel terciario | 2,9 | 2,5 | 86 |
Descenso taxa de risco de pobreza | 95,0 | 117,5 | 124 |
Consumo final bruto en enerxías renovables | 45,0 | 37,7 | 84 |
Dos once indicadores só en dous deles o balanzo é lixeiramente positivo ao situarse por riba do cen por cen do obxectivo previsto (taxa de emprego e risco de pobreza). Na inmensa maioría dos indicadores non se acadou o obxectivo previsto polos propios planificadores.
Sendo especialmente negativa a avaliación do esforzo innovador e da mellora das exportacións, o crecemento do PIB e o crecemento do emprego.
Chama a atención que sobre o obxectivo final global de acadar o crecemento demográfico o informe de seguimento non concrete o obxectivo e a súa avaliación. Con datos do Instituto Nacional de Estadística[2] para o período do Plan, se tomamos como base 100 a situación do ano 2015, o conxunto de España chega a 2020 cunha poboación maior (102) mentres que Galicia segue a perder poboación (99).
Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030
[editar | editar a fonte]Previo ao seu proceso de elaboración participativa[3] foi aprobado o 10 de marzo de 2022 polo Consello da Xunta de Galicia.[4] As metas que se fixan son a plena converxencia con España en termos de renda bruta dispoñible per cápita dos fogares, baixar a taxa de paro en catro puntos, reforzar a saúde e a calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, avanzar cara ao clima de neutralidade, aumentar o peso das enerxías renovables, potenciar o peso do sector industrial e mellorar a competitividade, favorecendo unha Galicia dixital e innovadora, seguindo a reducir a taxa de exclusión social e garantindo unha Galicia sen fendas de xénero.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Xunta de Galicia (xullo, 2021)" (PDF).
- ↑ "Cifras de Población, INE". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022.
- ↑ "Presentación y documentos - Plan estratexico 2020-2030". www.planestratexico2030.gal. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2022. Consultado o 2022-11-25.
- ↑ "A Xunta aproba o Plan Estratéxico 2022-2030 para deseñar a Galicia do futuro e acadar unha recuperación sostible, competitiva e inclusiva - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2022-11-25.