Proposta de Estatuto Político da Comunidade de Euskadi de 2004
A Proposta de Estatuto Político da Comunidade de Euskadi presentada polo Goberno Vasco e aprobada polo Parlamento Vasco; tamén chamada Proposta do Parlamento Vasco para a convivencia en Euskadi, Novo Estatuto Político de Euskadi ou popularmente como Plan Ibarretxe foi anunciada polo lehendakari (presidente da Comunidade Autónoma Vasca) Juan José Ibarretxe no pleno de política xeral do Parlamento Vasco en setembro de 2001, presentado o 25 de outubro de 2003. O pleno do Parlamento vasco aprobouno o xoves 30 de decembro de 2004 e decidiu o seu envío ó Congreso dos Deputados por maioría absoluta, con 39 votos a favor e 35 en contra. En xaneiro de 2005, o presidente do Parlamento Vasco entregou a proposta de Estatuto ó presidente do Congreso, para o seu debate e votación, sendo rexeitado o 1 de febreiro por 313 votos en contra (PSOE, PP, IU, CC e CHA), 29 a favor (PNV, ERC, CiU, EA, Na-Bai e BNG) e 2 abstencións (ICV).
Características
[editar | editar a fonte]O Plan propón un novo estatuto de autonomía, baseándose en tres piares:
- O pobo vasco é un pobo de Europa con identidade propia.
- O dereito do pobo vasco a decidir o seu futuro, é dicir, o dereito de autodeterminación.
- As decisións dos cidadáns de cada rexión de Euskal Herria (País Vasco, Navarra e Iparralde) deben respectarse polas demais e polo resto de pobos de Europa.
Ademais a proposta supón unha serie de reformas:
- Liberdade de relacións con Navarra e País Vasco francés, baseada no respecto ás decisións que tomen cada unha das rexións.
- Un poder xudicial autónomo.
- Que España garanta unha representación directa en Europa tal e como ocorre nos Países Baixos, Bélxica e os länder alemáns.
- Garantías de que o novo estatuto non poida ser restrinxido ou anulado unilateralmente. Para iso, se adaptaría o Tribunal Constitucional, se crearía unha comisión bilateral para solucionar conflitos, e os tratados e acordos internacionais que afecten ás competencias do País Vasco deberán ser aprobados polas súas institucións para que lle afecte.
- Recoñecemento de cidadanía e nacionalidade vasca a tódolos habitantes da Comunidade, permitíndolles o desfrute ou acreditación da dobre nacionalidade vasca e española. O ostentar unha ou outra nacionalidade non suporía mingua ou incremento de dereitos e obrigacións, por canto que estas cuestións estarían aparelladas á cidadanía e non á nacionalidade.
- Seleccións deportivas nacionais vascas oficiais.
- Competencias exclusivas en administracións públicas, educación, cultura, deporte, política lingüística, asuntos sociais, sanidade, economía, facenda, vivenda, medio ambiente, infraestruturas, transportes, seguridade pública, traballo e seguridade social.
Quedarían fóra a defensa; lexislación civil, mercantil e penal (sen prexuízo do dereito foral, substantivo e dos contratos de administracións públicas); Mariña mercante; nacionalidade española (inmigración estranxeira, dereito a asilo,...); produción, comercio, tenza e uso de armas e explosivos; control do espazo aéreo e política exterior.
O plan tramitouse como unha reforma do estatuto de autonomía vasco, en varias etapas:
- Presentación extraparlamentaria da proposta do lehendakari.
- Debate aberto ó diálogo e a tódalas achegas.
- Presentación e debate no Parlamento Vasco.
- Aprobación polo parlamento vasco.
- Remisión ás Cortes Xerais e negociación co estado.
- Ratificación en referendo pola sociedade vasca.
Polémica
[editar | editar a fonte]O apoio principal á Proposta do novo Estatuto veu dos grupos que compoñen o goberno vasco (Partido Nacionalista Vasco, Eusko Alkartasuna e Ezker Batua). A pesar disto, os tres grupos do tripartito gobernante expuxeron emendas propias. EB realizou emendas parciais a tódolos artigos.
Os partidos maioritarios españois (pero non no País Vasco), o Partido Popular e o Partido Socialista Obrero Español, así como o partido rexional Unidad Alavesa acúsano de:
- Ser un plan encubertamente secesionista, que busca a independencia do País Vasco a medio prazo.
- Ser inconstitucional, e fóra do marco da Unión Europea. A pesar disto na consulta que se lle fixo ó Parlamento Europeo este declarou que era un asunto interno de España.
- Compartir obxectivos co proxecto político do nacionalismo radical e, polo tanto, "dar ás" a ETA.
- Unilateralidade, ó ter sido redactado sen un debate previo cos non nacionalistas.
- Un plan que levaría á quebra económica a Euskadi.
Algúns destes razoamentos son cuestionados polo goberno vasco: PSOE, PP e Unidad Alavesa autoexcluíronse da comisión do parlamento que redactou o proxecto de novo Estatuto (a diferenza do proceso que se seguiu en Cataluña); o mesmo argumento de quebra económica usouse fronte ó Estatuto de Gernika (que posibilitou a engalaxe económica de Euskadi); e a banda terrorista ETA condenou a proposta.
O goberno do PP realizou un recurso de inconstitucionalidade ante o Tribunal Constitucional, que non foi admitido a trámite. Algúns dos seus compoñentes manifestaron dúbidas sobre a posible constitucionalidade do seu contido. Ademais, o PP modificou o Código Penal para impor penas de cárcere a quen convoque referendos sen a aprobación do goberno, como sería o caso do goberno vasco se o fixese sen o apoio do goberno español. Esta reforma do código penal foi eliminada polo goberno do PSOE dado que foi promesa nas eleccións que gañou o actual presidente. Recentemente o célebre pai da Constitución Herrero de Miñón non dubidaba sobre a lexitimidade da proposta, aínda que suxería unha serie de cambios (apenas 10 artigos) para aclarar as dúbidas sobre a suposta inconstitucionalidade do texto.
Batasuna tamén o rexeita, acusándoo de consolidar a unión co Estado español, por permitir a coexistencia da nacionalidade vasca e a española no País Vasco e por limitarse a un plan que abrangue tan só tres das orixinarias sete provincias do histórico País Vasco. Porén, durante a votación da proposta no parlamento vasco, Arnaldo Otegi, portavoz do grupo Sozialista Abertzaleak leu unha carta do parlamentario e membro de ETA fuxido Jose Luis Urrutikoetxea (Josu Ternera), xustificando o seu apoio ó plan, tralo cal tres membros deste grupo votaron a favor da proposta e outros tres en contra. Sen estes votos a proposta non tería saído adiante no parlamento vasco, polo que finalmente o apoio de Batasuna, condicionado por ETA, foi determinante para aprobación do plan, e a futura discusión no parlamento español.
A enquisa de novembro de 2004 realizada polo Departamento de Ciencia Política da Universidade do País Vasco (Euskobarómetro) indica que a maior parte dos vascos estarían dispostos a votar nun eventual referendo, aínda que este non cumprise cos requisitos constitucionais. Entre os que irían votar, a opción maioritaria é o "Si", cun 30% dos votos, fronte ó 21% de apoios que recibe o "Non". O 33% das persoas que irían votar non decidira aínda o seu voto. Así a todo, o punto máis destacable da enquisa é que, ó igual ca na enquisa realizada en maio de 2004, a maioría dos vascos (60%) segue considerándose pouco ou nada informado sobre o contido e as consecuencias da proposta.
O lehendakari Ibarretxe declarouse disposto a someter a proposta a unha consulta na súa comunidade "nun escenario ausente de violencia", sexa cal sexa o resultado da votación no Congreso (no que as forzas contrarias á proposta contan cunha ampla maioría), a pesar de que se lle ten advertido de que a convocatoria dun referendo sen a autorización das Cortes españolas sería ilegal (o actual parlamento non derrogou a lexislación creada polo PP na pasada lexislatura que castigaba a convocatoria ilegal de referendos con penas de cárcere).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Proposta de Estatuto Político da Comunidade de Euskadi de 2004 |
- Novo estatuto de Euskadi en castelán
- Euskobarometro Enquisa movembro 2004
- Euskobarometro Enquisa maio 2004