Saltar ao contido

Pluvianus aegyptius

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pluviánidos»)

Pluvianus aegyptius
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Pluvianidae
MacGillivray, 1852
Xénero: Pluvianus
Vieillot, 1816
Especie: P. aegyptius
Nome binomial
Pluvianus aegyptius
(Linnaeus, 1758)

Pluvianus aegyptius é unha especie de ave limícola africana, único membro do xénero Pluvianus. Anteriormente estaba situada na familia Glareolidae, pero agora considérase que forma a familia monotípica Pluvianidae (pluviánidos).

A especie é unha das varias aves que foron dubidosamente asociadas coa ave mencionada na antigüidade co nome "trochilus", que se dicía que establecía unha suposta simbiose de limpeza co crocodilo do Nilo.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O adulto mide de 19 a 21 cm de lonxitude e ten unha coroa negra, unha máscara negra nos ollos e unha banda negra no peito. O resto da cabeza é branca. O resto da plumaxe da parte superior é gris azulada, e as partes inferiores son laranxas. As súas longas pernas son grises azuladas.

En voo a coroa e dorso negros contrastan co gris das partes superiores e as ás. As plumas remeiras son brancas brillantes cruzadas por unha banda negra. Visto desde abaixo, o paxaro en voo é totalmente branco, agás a barriga laranxa e a barra negra das ás. Unha vez toma terra, os membros dunha parella saúdanse erguendo as ás nunha elaborada cerimonia na que mostran ostensiblemente as súas marcas brancas e negras. Os sexos son similares, pero os xuvenís son de cores máis apagadas e as marcas negras están mesturadas con marrón.

Hábitat e distribución

[editar | editar a fonte]

Vive na África subsahariana tropical. Reprodúcese en areais de ríos grandes.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Xeralmente é un paxaro moi manso que se encontra en parellas ou pequenos grupos preto da auga. Aliméntase de insectos. A súa chamada é un agudo krrr-krrr-krrr.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Pon dous ou tres ovos que non incuba directamente, senón que enterra en area quente, e o adulto controla que non sufran un exceso de temperatura sentando sobre os ovos coa súa barriga mollada en auga. Se o adulto deixa o niño, alisa a area sobre os ovos, aínda que se está asustado fai o traballo apresuradamente. Os polos son precoces e poden correr en canto eclosionan e poden alimentarse de seu pouco despois. Os adultos arrefrían os polos da mesma maneira que os ovos. Os polos poden beber a auga que molla as plumas da barriga dos adultos. Os adultos enterran os polos na area temporalmente se os ameaza algún perigo.

Supostas relacións cos crocodilos

[editar | editar a fonte]

O paxaro é famoso polas súas supostas relacións simbióticas cos crocodilos. Segundo Heródoto, os crocodilos descansan nas ribeiras dos ríos coa boca aberta e un paxaro chamado "trochilus" voa ata as bocas dos crocodilos para alimentarse da carne en descomposición aloxada entre os seus dentes.[2] A identificación deste trochilus con algún paxaro determinado é difícil de facer e dubidosa, como a propia simbiose de limpeza; non existe evidencias fotográficas,[3] e os relatos escritos considéranse sospeitosos segundo o biólogo Thomas Howell.[4]

  1. "Pluvianus aegyptius". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. "The History of Herodotus - Libro II". Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2011. Consultado o 15 de agosto de 2017. 
  3. Hai unha imaxe de Warren Photographic que o mostra dentro da boca, pero na propia páxina web indícase que é unha "reconstrución dixital do mito popular atribuído a Herodoto, do século V a.C." "WP00955 Nile Crocodile (Crocodylus niloticus) with Egyptian Plover or Crocodile Bird (Pluvianus aegyptius)". Warren Photographic. Consultado o 25 de febreiro de 2015. 
  4. Breeding Biology of the Egyptian Plover by Thomas R. Howell

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]