Ponte de Salcedo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2022.) |
Ponte de Salcedo | |
---|---|
Localización da ponte de Salime, marcada co número 3 | |
Localización | |
Coordenadas | 43°11′38″N 6°51′46″O / 43.19401912275, -6.8627521824105 |
Río | Río Navia |
Concello | Grandas de Salime |
Provincia | Asturias |
Características | |
Construción | XIX |
Ampliación | 1940 |
Demolición | 1953 |
A Ponte de Salcedo foi unha ponte sobre o río Navia que estaba situada no lugar de Salcedo no concello de Grandas de Salime.
Características
[editar | editar a fonte]A finais do século XIX principiou a construción dunha estrada para unir Grandas de Salime con La Puela e, xa que logo, de Lugo con Oviedo para se converter nun punto crucial na comunicación terrestre entre Asturias e Galicia. O proxecto prevía cruzar o val do río Navia por medio dun continuo descenso dende Grandas cara ao sur, augas arriba do Navia, ata chegar ao nivel do río no lugar de Salcedo, uns dous quilómetros augas arriba de Salime. No lugar de Salcedo era onde se establecía a ponte e a estrada continuaba durante un anaco cara ao sur pola beira dereita do Navia ata a confluencia co río del Ouro, remontando o seu val cara ao leste en dirección a Verducedo. A ponte estaba constituída por dous estribos de fábrica e un tramo metálico de 36 metros de luz.
Ao pouco de empezar a guerra civil, a finais de xullo de 1936, os milicianos republicanos voaron a ponte mentres se retiraban cara ao centro de Asturias diante o avance do exército sublevado. Pouco despois construíuse unha pasarela provisional que se mantivo de xeito precario ata despois da guerra. En 1940 construíuse unha nova ponte definitiva, que consistía nun arco biarticulado de 34 metros de luz con taboleiro de 4 metros de altura. Cada un dos semiarcos consistía nunha celosía de táboas prendidas con cravos.
Coma a ponte de Salime, a ponte de Salcedo desapareceu en 1953 so as augas do encoro de Salime, o que supuxo tamén cortar a antiga estrada, que se substituíu por un novo tramo de 33 quilómetros de Grandas a Verducedo.